Na última xornada da Segunda falta por decidir quen ocupará as prazas de posible arrastre en cadanseu grupo. En principio, só habería un descenso en cascada, aínda que nun hipotético caso poderían ser dous. Non obstante, o que non se sabe é para que grupo da Segunda caería. Todo depende de quen sexa o terceiro equipo descendido en Primeira, por iso pode ser determinante o Milagrosa – Guitiriz deste domingo, na penúltima xornada da Primeira.
29 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Ascenso directo grupo norte: Pastoricense
- Ascenso directo grupo sur: Oural
- Equipos matematicamente clasificados para a fase de ascenso no norte: Iberia, Racing B, Folgueiro e Sanci
- Equipos matematicamente clasificados para a fase de ascenso no sur: Brollón, Becerreá e San Lázaro
- Equipo virtualmente clasificado para a fase de ascenso no sur: Friol
- Eliminatoria de fase de ascenso definida: Becerreá – San Lázaro
- Xóganse evitar o posible arrastre no norte: Candelaria e Mondoñedo.
- Xóganse evitar o posible arrastre no sur: Lemos B e Chantada B.
- Equipos descendidos: Abadín, Roupar, Sporting Lucense e Carballedo.
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense (23 vitorias)
- Equipo que menos perdeu: Pastoricense (dous partidos)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (73 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (77 goles)
- Equipos que menos goles encaixou: Pastoricense (21 goles)
- Equipo con maior diferencial de goles: Pastoricense (+52)
- O rei do empate: Xermade (13)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (23 goles)

Foto: Cedida
O Pastoricense volve á Primeira un ano despois
O cadro da Pastoriza logrou o ascenso pola porta grande. Dependía de si e non fallou no Acebreiro. Venceu con claridade á Comercial (4-0). Conseguiu a subida cunha xornada de marxe e pulverizando a maior parte dos rexistros. Tan só perdeu dous partidos en toda a liga. Os pupilos preparados por Basi conseguen volver a Primeira despois de que o club descendese no curso pasado.
A Comercial tentou termar do arreón local marcado pola efusividade dun ascenso inminente. Con todo, os capitalinos acudieron con baixas e tan só aguantaron ata que puideron as forzas. O xogador Juan tivo que poñerse de porteiro. O peor aínda foi a lesión no xeonllo de Torito, pendente de probas médicas. A Comercial ten opcións de rematar a liga de 8ª.


Os locais adiantáronse no primeiro tempo por medio de Manupa. No segundo acto sentenciaron e golearon cos tantos de Borja, Dani e Cristian. Todo foi rodado e o Pastoricense puido celebrar.
O Iberia será 2°
O equipo de San Miguel de Reinante quedou sen opcións de ascender directamente na penúltima xornada. Xa non tiña posibilidades coa vitoria do Pastoricense, pero tampouco foi capaz de gañar. Empatou (1-1) ante o Xermade. Os xogadores preparados por Moro rematarán a liga na 2ª posición. Terán o factor campo en todas as eliminatorias da promoción que xoguen. O seu rival de semifinais será o San Ciprián ou o Folgueiro.
Pola súa banda, o Xermade tamén quedou sen a oportunidade de xogar a fase de ascenso na penúltima xornada. A vitoria do Folgueiro xa lle impedía seguir con opcións. Non obstante, os futbolistas adestrados por Borja Bouza finalizarán a competición nunha meritoria sexta praza.

O encontro foi moi desputado nas Valgas. Sen dominador claro, o Xermade púxose por diante por medio de Pedro, Pedro, Pedro, Pedro, Pè Coria. Os locais lograron igualar antes do descanso nunha acción de Ángel. Houbo ocasións para ambos no segundo tempo e un expulsado no Iberia, pero o resultado non se moveu.
O Racing B tamén agarda rival na promoción
O filial racinguista encaixou a sexta derrota do curso ante o Sporting Pontenova (2-0). Xa tiña a terceira posición asegurada e nela rematará a competición. O Folgueiro ou o Sanci será o seu rival nas semifinais polo ascenso, pero co factor campo favorable ao filial.
O Sporting Pontenova sumou a undécima vitoria do curso. Tras un inicio de campaña difícil, os da Mina conseguiron conformar un equipo, axudado pola xente nova da zona e tratarán de rematar a temporada na 7ª posición.
O peor para o filial aínda foi a lesión do gardamallas Edgar, pendente de probas. Foi un partido con alternativas no dominio do xogo, pero os goles só foron locais a pesar de que o Racing tamén tivo as súas opcións para marcar. Nun balón parado adiantouse o conxunto pontenovés por medio de Borja. Ao contragolpe Hugo Segade marcou no segundo acto.

O Sanci-Folgueiro decidirá quen é 4° e 5°
Sen dúbida, o Sanci – Folgueiro da última xornada será un dos grandes atractivos no grupo norte. Ambos equipos son de play off e chegan empatados na clasificación con 51 puntos. Saben que van ter que xogar a ida das semifinais polo ascenso na casa. Pero dependendo do resultado do seu duelo, xogarán con un ou outro rival.
O que finalice na 4ª posición enfrontarase ao Racing B; quen remate na 5ª praza medirase co Iberia. Na primeira volta o resultado fora de empate (1-1). No caso de que agora tamén igualaran, o 4º sería o Folgueiro por mellor diferencial no gol average xeral.
Precisamente, o Folgueiro recuperou a 4ª praza a pasada finde ao vencer ao Cospeito (3-0). Dominou o partido e liderou o xogo e as ocasións.
O cadro cospeités notou o cansancio ao desputar dous partidos en dous días. Recuperou o duelo co Sporting Pontenova (5-1) e xa está afianzado na zona media da táboa, incluso podería acabar de 9º.
Pola súa parte, o Sanci igualou na súa visita ao Alfoz (1-1). O cadro alfocense pasou sen apuros a segunda volta, aínda que agora acumula seis partidos sen gañar. Rematará a liga entre a 10ª e a 12ª posición.
O Sanci tratou de ofrecer máis argumentos sobre o campo e quixo xerar perigo polas bandas. Desa maneira chegou o gol de Leo. O Alfoz esperou a súa ocasións e logrouna por medio de Mista para igualar o restulado.
O Muimenta salvado, a Candelaria case
Terceira vitoria nos últimos catro partidos do conxunto do Pichón. Venceu por 3-2 á Candelaria nun duelo directo que lle permitiu acadar a permanencia. Os pupilos preparados por Álex Vázquez lograron vinte puntos na segunda volta.
Mentres a Candelaria deberá pechar a súa salvación na última xornada. Conta con tres puntos sobre o Mondoñedo que ocupa posición de posible arrastre. Un punto debería chegarlle ao cadro da Rúa para non estar pendente da clasificación da Primeira Galicia. Se remata a liga na posición na que está, tería que comprobar a posición en 3ª RFEF do Paiosaco (explicámolo máis abaixo).
O cadro celeste púxose por diante a través do balón parado. Con todo, antes do descanso a Candelaria empatou. No segundo acto, as malas novas encadéaronse para os visitantes coa expulsión de Runi. A continuación en dúas accións os locais ampliaron diferenzas por medio de Javi e Álex Díaz. Tratou de puntuar o cadro preparado por Simón, marcou o segundo e insistiu ata o final pero non o logaron.

O Mondoñedo á espera do arrastre NA ÚLTIMA XORNADA e o Abadín descende
Foi o duelo crítico da xornada. O Mondoñedo e o Abadín xogábanse no Derbi do Fiouco ter posibilidades de continuar na categoría. Houbo sete goles e alternativas no marcador, pero finalmente a vitoria quedou na casa (4-3).
O Mondoñedo é antepenúltimo, unha posición de arrastre no caso de que na Primeira Galicia descendan directamente dous equipos da zona norte. Con todo, o cadro mindoniense tería unha remota posibilidade de saír desa zona. Gañar na última xornada ao Racing B e que a Candelaria perda ante o Sporting Pontenova.
O final do Abadín é máis cruel, quedando xa sen opcións de permanencia. Unha tempada despois do seu ascenso, o equipo volve á Terceira.
O Mondoñedo sufriu logo de marchar ao descanso cun 2-0 a favor. Todo despois de que foran expulsados un xogador por equipo. O Abadín logrou a remontada momentánea, 2-3, Noé anotou un dobrete. Nese momento o partido tivo un claro protagonista: Noceda. Marcou os dous goles para volver o resultado do lado dos locais.
O Roupar tamén certifica o seu descenso
Logo dunha tempada difícil, o Roupar soñou coa permanencia en varios momentos do curso. Quedou sen ningunha posibilidade a pasada fin de semana co resultado do Mondoñedo – Abadín e co seu empate no derbi co Cabreiros (3-3).
Comezou ben o cadro verde que se puxo por diante no marcador. Con todo, remontou con claridade o Cabreiros aínda no primeiro tempo. No segundo acto, o Roupar salvou a honra logrando empatar o choque. O equipo da Acea queda na 8ª praza, a dous puntos do 7º.

Existe a posibilidade de que haxa dous descensos por arrastre na 2ª?
A priori non, pero podería ser posible. Falamos sempre incidindo en que a última palabra tena a Federación. Pero, no suposto de que na Terceira RFEF o descendido por arrastre fose o Paiosaco (agora mesmo descende directo) arrastraría a un equipo da Preferente Norte. Casualmente ese conxunto podería ser un lucense (nestes momentos o Castro), polo que se supón, que implicaría un arrastre na Primeira Galicia descendendo o 15º.
Neste caso dáse unha dualidade no fútbol da provincia. Tal e como comentamos no parágrafo anterior, os clubes da Primeira e da Segunda pensarán que é mellor que o Paiosaco descenda directo ca que baixe por arrastre, porque así non implica descensos en cascada nin na Primeira nin na Segunda. Hai que lembrar que os descensos directos da 3ª RFEF arrastran en Preferente, pero despois non seguen arrastrando porque o curso que vén auméntanse os equipos da Primeira e absorve os descensos da división superior.
En cambio, os equipos lucenses da Preferente prefirirían que o Paiosaco descendese por arrastre. Nesa situación, existiría a posibilidade de que finalmente ese equipo non baixase. Sempre é cando un dos galegos de 3ª RFEF ascendera á 2ª RFEF na promoción de ascenso. Esta circunstancia, a día de hoxe, permitiría a salvación do Castro ou de quen ocupe a 14ª posición, entre outras opcións, a Residencia (e obviamente tampouco se producirían arrastres na 3ª e na 2ª). Non obstante, a inquedanza permanecería no tempo ata que finalizase a promoción de ascenso á 2ª RFEF en xuño.
Seguindo esta hipótese, existiría unha remota posibilidade de que os dous arrastres da Primeira caesen para a Segunda norte. Para iso, terían que descender en Primeira Riotorto, Guitiriz e Xove Lago. Insistimos en que a Federación podería tomar cartas no asunto e recolocar a algún equipo noutro grupo. Pero seguindo co esta teoria, o Muimenta aínda non tería 100% a salvación conseguida (conta cun punto de marxe sobre a Candelaria). Remarcamos que é practicamente unha utopía, pero queremos contar cal é o contexto no que se producen os acontecementos.

O Oural ascende á Primeira 21 anos despois
Segundo ascenso do século á Primeira para o Oural. O club non estaba na categoría dende o 2003. Os pupilos preparados por Negrete escribiron unha páxina ben bonita na historia da entidade do concello de Sarria. Derrotaron por 4-0 ao Quiroga e confirmaron porque foron o equipo que máis tempo estivo na cabeza da clasificación ao longo da tempada.
Púxose ben o partido gañando 1-0 ao principio e chegando ao descanso cun 3-0. Os locais estiveron serios en defensa e realizaron boas combinacións. No segundo acto sentenciaron co cuarto. Un dos grandes protagonistas foi Ospina que marcou un hat-trick.
O Brollón será 2º
O conxunto dos Medos tivo ata a penúltima xornada a posibilidade de darlle alcance ao líder, pero coa vitoria do Oural remataron as posibilidades. Tras empatar 1-1 ante o Palas, o Brollón finalizará 2° completando unha gran fase regular. Terán o factor campo en todas as eliminatorias que xoguen polo ascenso. O seu rival no primeiro cruce probablemente sexa o Friol.
O empate do Palas nos Medos provócalle chegar con escasísimas opcións de entrar en play off. O conxunto palense sitúase a tres puntos do Friol, co gol average empatado pero moi lonxe no gol average xeral. Once goles a favor do cadro friolés.
Encontro desputado onde os locais marcaron e dominaron boa parte do primeiro tempo. Nico adiantou aos seus. Mellorou o Palas no segundo acto e logrou empatar nos intres finais.
Becerreá e San Lázaro enfrontaranse na promoción
Sábese cal vai ser unha das primeiras eliminatorias na loita polo ascenso de categoría. O Becerreá e o San Lázaro enfrontaranse na ida nas Gándaras e a volta no Municipal.
O Becerreá perdeu na súa visita ao Lemos B (4-3), pero manterá a 3ª praza. O filial púxolle máis ganas polo que tiña en xogo. Os visitantes acudiron con numerosas baixas e seis xuvenís entraron na convocatoria. Con todo, o Becerreá logrou igualar preto do final e sería na última xogada do partido cando o filial lemista conseguiría os tres puntos.
O San Lázaro empatou no derbi da capital co San Roque (1-1). Adiantáronse os locais por medio de Yelko. Non pecharon o marcador e o rival igualou o resultado no segundo tempo.
O Friol virtualmente tamén está na promoción
Tan só unha hipótese moi remota apartaría ao cadro de friolés de xogar a promoción. Conta con tres puntos de marxe sobre o Palas como comentamos anteriormente. Nun suposto empate a puntos final (que o Friol perda na última xornada e o Palas gañe) o Palas tería que desnivelar a diferenza de once goles que teñen no average xeral, favorable aos da Reigosa.
Todo despois de que o Friol superase ao Ferreira (5-3) e deixase sen posibilidades de play off aos de Pantón. A primeira parte púxoselle de cara aos locais, primeiro marcando de penalti por medio de Bruno e marcharon gañando 3-0 ao descanso. O Ferreira refíxose e marcou dous goles no segundo acto. No último tramo do encontro o Friol sentenciou con dous tantos máis.
O Lemos B e o Chantada B tentan evitar un posible arrastre na última xornada
Os filiais tamén van estar pendentes do duelo da Primeira entre a Milagrosa e o Guitiriz. Se o conxunto capitalino gaña, o Lemos B e o Chantada sairían favorecidos. É dicir, se a Mila consegue salvarse non se produciría, a priori, un segundo descenso dun equipo de Primeira para a zona sur; situación que evita o arrastre.
Con todo, agora quen está en mellor posición é o Lemos B logo de dúas vitorias seguidas. Conta cun punto de marxe sobre o Chantada B. O filial chantadés venceu 0-3 na súa visita ao Paradela. O cadro visitante foi traendo o partido ao seu rego e logrou unha vitoria contundente no segundo tempo.
Foi o último partido de Rubén Bergantiños nesta etapa no Gandarón. O técnico deixa o Paradela ao final de temporada.
O Incio aínda pode ser noveno
O conxunto amarelo é un dos que remata a liga de xeito tranquilo. Venceu ao Carballedo 2-1 e aínda pode alcanzar a 9ª praza que ocupa o San Roque. O Incio viviu un partido pasado por auga en plenas festas locais.
O Sporting Lucense remata con moita dignidade
O equipo capitalino venceu 5-0 a un Antas que aínda chegaba a esta xornada con opcións de entrar na zona de play off. Os 13 pupilos de Merino que se presentaron neste último choque deron a cara a pesar de estar descendidos. Acumulan catro partidos sen perder, dúas vitorias e dous empate. Marcharon ao descanso gañando pola mínima con gol e Mujib. Na segunda metade ampliaron a conta Ousmani e Sergio Caramés con cadanseu bo gol.
