#Sin categoría #Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A Terceira Galicia bota a andar con catro novos equipos en liza

Co comezo da Terceira Galicia a totalidade do fútbol afeccionado sénior lucense está en competición. Un total de 24 conxuntos, divididos en grupo norte e sur botan a andar con diferentes obxectivos. Catro deles, Casás e Piringalla no norte, e os filiais de Sarriana e Chantada Atlético no sur, fan o seu debut en competición oficial. Causa baixa o Nuevo Nausti, que esta temporada non sae a competir.

Analizamos, un a un, a todos os conxuntos de Terceira Galicia.

grupo norte

Un dos debutantes, o Casás, comeza ambicioso. Con Diego Barreiro no banquiño, o cadro lucense reclutou para as súas filas moitos integrantes do extinto Nuevo Nausti, entre os que destacan o gardameta Manu Jr e os atancantes Juan e Cristian. O Catro Roldas, equipo acostumado a pelexar na zona alta, troca por completo de ciclo. Koski sustitúe a David Lorenzo no banquiño, e varios xogadores importantes dos últimos anos como Bochi ou Rubén Burgás causan baixa. Malia todo calidade non falta no conxunto da Canteira. Falando de cambios, o Celta Barreiros renovouse por completo logo dunha difícil temporada en Segunda. Rubén Acebedo debuta no banquiño do Cascabeiro e faino cun cadro de xogadores amplo e moi xoven. René, Cayón, Damián e Soto porán a experiencia rodeados duns rapaces procedentes da SD Ribadeo que prometen ledicias en San Cosme.

O Celeiro voltará a pelexar polo ansiado ascenso. Malia mistura de decepción e orgullo de perder a Cora logo da súa fichaxe polo Viveiro de Terceira RFEF, o conxunto xa asentado en Trasvías, deulle continuidade a boa parte dos xogadores do último ano, con retoques en todas as liñas. Martín Rodríguez, perfecto coñecedor do fútbol viveirense, reclutou varios membros da canteira do Viveiro, así como a Joni e Xavi Goás, que chegan desde o Folgueiro. A ‘Xeración C‘ do Cazás continua e faino cun conxunto a priori máis competitivo que o da última campaña. Con Oki no banquiño, os do Catro Ventos reforzáronse con Martín, Iván Anido e Luis Lozano. A Comercial B, no seu segundo ano de existencia, acadou unha plantilla ampla e moi renovada que voltará estar adestrada por Miguel. Co obxectivo de mellorar a clasificación do ano pasado e ser útil ao primeiro equipo, renováronse con varios ex do Nuevo Nausti ou Castro B.



Logo dun ano para esquecer, o Matela fixo borrón e conta nova. Martín Real continua no banquiño, pero faino cun cadro de xogadores amplo e coa veteranía suficiente para mellorar o último curso. O Goiriz retorna a Terceira e faino con Cora novamente aos mandos. Manel e o seu fillo Muñiz, que chega desde o Santaballés, compartirán un vestiario no que continúa a maioría dos fútbolistas do último ano. O Friol B cumple con todas as condicións dun bo filial. Fornecer de xogadores ao primeiro equipo é das máis importantes e esta temporada tres futbolistas deron o salto. Bruno segue aos mandos dun equipo que pelexará por entrar no play off.

Outro dos novos, a Piringalla, é o conxunto da provincia con máis licencias. E por fin da o salto ao fútbol senior e os rapaces do barrio lucense poderán xogar en Terceira Autonómica e quen sabe si máis arriba. O Rioaveso Machinango é outro dos que comezan ciclo. Manu Veiga deixou o banco de Paraños para asinar no Muimenta e Asier deulle o relevo. Cunha zaga sólida, o acerto en ataque dirá en que posto remata o conxunto vilalbés. A principal novidade no Castroverde é que xogará no grupo norte. Polo resto, Fran Veiga sigue no banquiño e Richard liderará ao equipo verde sobre o céspede. Polo demáis, poucas variacións nun club que aspira a voltar a Segunda.

grupo sur

O Bóveda confía que esta temporada sexa na que de verdade alcance o nivel competitivo para aspirar a recuperar a categoría perdida. Elcoso, procedente do filial do Lemos, será o adestrador dun grupo ao que chega xuventude procedente do Calasancio e Lemos B. O Chantada Atlético B debuta no fútbol senior con Ivi Gayoso e Dani Delgado, capitáns do primeiro equipo, como adestradores. Con moitos futbolistas que non competiron o último curso e outros procedentes do equipo xuvenil prometen ser moi competitivos no seu primeiro ano de existencia. O Corgo é un dos grandes favoritos ao ascenso. Abel Rochela continua no banquiño e faino co obxectivo de recuperar a categoría perdida. Para iso continúa a maior parte do cadro de xogadores, reforzados con savia nova.



O Monterroso B de Javitxu aspira a, cando menos, repetir a clasificación do último ano, ou incluso mellorar esta. A continuidade é a tónica dun cadro de xogadores reforzado sobre todo no medio do campo e no ataque. O Páramo é outro dos chamados a pelexar polo ascenso. Na última campaña foi de menos a máis e rematou ás beiras de acadalo. No Relámpago Taboada confían en que o bo xogo realizado en moitas fases da última temporada se traduza en resultados. Para iso contan cunha plantilla moi reforzada da que Diego Saborido continúa á fronte.

Aínda que sen adestrador confirmado, o Río Sil confía en pelexar por voltar a Segunda Galicia, categoría que perderon por mor dos arrastres. Aos xogadores que continúan súmanse moitos futbolistas recén saídos de xuvenís nas filas do Monforte CF. Ninguén dubida que o Rubián será outros dos conxuntos que pelexará na zona alta. Senén continua no banquiño e xogadores trascendentais como Casillas, Daniño ou Víctor seguen no Poste. Javi, do Paradela, e Brian, do Sporting Lucense reforzan o equipo. O Santa Comba estará adestrado por Richard, un home de club que xa desempeñou case que todos os cargos posibles. Cun cadro de xogadores aínda en construcción, pelexarán por ser o máis competitivos que sexa posible. O esforzo non se negocio en Tras do Novo.

O último dos novos é a Sarriana B. Co gran obxectivo de servir de ponte entre o fútbol xuvenil e o primeiro equipo, os sarriaos pelexarán por estar o máis arriba posible. O ex do Portomarín Abella será a referencia en ataque. O Sober de Iban Lagoa rematou a temporada en racha e así quere comezar este novo curso. Con reforzos en case que todas as liñas, os soberino non renuncian a nada. O Taboada B contará de novo con Ríos no banquiño e afrontará a temporada cun fondo de armario máis curto que na pasada campaña. O gardameta Ledo e o atacante Pita xogarán co primeiro equipo. Os reforzos chegan desde o xuvenil, así como desde o veciño Relámpago.



A Terceira Galicia bota a andar con catro novos equipos en liza

Cara e cruz para os dous conxuntos

A Terceira Galicia bota a andar con catro novos equipos en liza

A Entrevista, Javi Pita: «Non miro máis

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *