A SD Chantada volve á senda da vitoria

O PM Friol volve de baleiro de Oviedo

Partido dun xusto empate que, porén, perdeu o PM Friol que despregou un xogo ‘regular’ ante un Real Oviedo que saiu con gran intensidade ao terreo de xogo.

O primeiro gol do partido chegou logo dunha xogada desafortunada do PM Friol que, nunha cesión á súa porteira, acaban anotando un gol en propia porta para que o luminoso marcara o 1-0 favorable ás asturianas.

O cadro friolés tivo algunha ocasión para empatar o partido por medio de Ashley antes de chegar ao descanso, pero non conseguiu que o balón rematara no fondo da rede.

Xa na segunda parte, o PM Friol seguía xerando ocasións, mais non eran de perigo. Foi de novo o Oviedo, no que probablemente foi o seu único tiro a porta, quen anotou nun saque dende o curruncho que engancha unha xogadora de bolea para pór o 2-0 definitivo no marcador.



O PM Friol que, agora mesmo, xa non se xoga nada, repite unha xornada máis unha tendencia irregular, con partidos moi bos e outros moito máis ‘discretos’ coma o desta xornada. As baixas de xogadoras como Yoleidys, Ana ou Caniço tamén fixeron mella no cadro amarelo.

A retirada do Romanón dá os tres puntos ao CD Lugo

A retirada do Romanón a principios de febreiro dá automáticamente o partido por gañado ao CD Lugo cun resultado de 6-0. Xornada de descanso para as albivermellas.

Vitoria pola mínima para o filial friolés

Partido moi igualado, sen ocasións claras para ningún dos dous conxuntos que se daban cita: PM Friol B e Orillamar.



O PM Friol saiu ó partido tentando presionar nas liñas altas e na saída do balón, dificultando en gran medida o xogo do Orillamar. O partido decorreu sen grandes ocasións nin dominio claro para ningún dos equipos, polo que o resultado puido caer para calquera de ambos bandos.

Durante o encontro, o PM Friol B sufriu a lesión da súa capitá, Ana, o que suporá unha perda importante para o equipo. Porén, o equipo friolés conseguiu ter en case todo momento a posesión do balón e con bo xogo no mediocampo.

Xogadoras do PM Friol B. Foto cedida

Así foi como, a falta de apenas uns 10 minutos de encontro, Lidia puxo o 1-0 cunha falta directa. Co gol, o PM Friol B tivo varias oportunidades para ampliar o resultado pero, finalmente, non foi posible.

Aínda así, a vitoria quedouse en terras friolesas con mérito para un equipo pragado de lesións.

A falta de intensidade e mala sorte condenan ao CD Lugo B

O partido comezaba cun gol tempraneiro das locais, a UD Carral, que se adiantaban no luminoso xa no minuto 4 do encontro. Porén, Ánxela non deixou que se dilatara no tempo o empate do CD Lugo B, que chegaría no minuto 13 (1-1).



A falta de precisión e intensidade das albivermellas deu como resultado dous goles case seguidos, no minuto 18 e 26, para que a UD Carral se puxera cun 3-1 no marcador, que xa non se movería.

A sorte tampouco acompañou ás albivermellas, que fallaron dúas ocasións claras de 1 para 1 coa porteira. Un marchouse fóra e outro, bateu contra o pau.

Once inicial do CD Lugo B. Foto cedida

Xa na segunda parte, o CD Lugo B aumentou a agresividade na presión e conseguiu ter o dominio do balón, mais o resultado non se moveu aínda que as luguesas volveron a ter dúas oportunidades claras.

A SD Chantada volve con goleada á senda da vitoria

O encontro entre o equipo chantadés e o Bandeira no Sangoñedo comezou sen un claro dominador. As visitantes tiveron nos primeiros intres do partido a posesión, pero sen un dominio claro xa que cando o Chantada roubaba, empregábao con perigo xogando ás costas da defensa do Bandeira.

Foi nunha desas xogadas, coa velocidade de Nerea, cando conseguiu quedar a man a man e, tras regatear á porteira, poñía á SD Chantada por diante no marcador (1-0).

Co paso dos minutos, as vermellas foron gañando confianza e, antes do descanso, Laura tivo nas súas botar unha gran oportunidade na que a piques estivo de poñer o 2-0 cun moi bo golpeo que finalmente non entrou.

Tras o paso polos vestiarios, o Bandeira mellorou e comezou insistindo en campo contrario. Nunha desas xogadas, Andrea cometeu un penalti que poría o empate no marcador (1-1).

O Chantada reaccionou ben e volveu a coller o control do partido, o que posibilitou que Saray, no minuto 69, tras unha boa xogada individual, puxera de novo ás locais por diante (2-1).

A partires dese momento o Chantada creceuse e pasou a ter o control total do partido. Coa entrada de Bea (que volvía, tras unha longa lesión, aos terreos de xogo) deulle un aire novo ás dirixidas por Fornas. No primeiro balón que tocou, conseguiu poñer un gran pase a Saray para que esta definira con facilidade e firmara no seu casilleiro persoal un dobrete (3-1).

Once inicial da SD Chantada. Foto cedida

Xa no minuto 85, foi de novo Bea quen sacou un bo córner para que Noa fixera o definitivo 4-1.

Os catro goles da vitoria da SD Chantada chegaron das botas de tres xogadoras en idade cadete, o que amosa o bo futuro que agarda ás chantadesas.

A SD Antas tropeza contra o Arenteiro

Mal partido da SD Antas ante un rival directo, o CD Arenteiro, que levou a iniciativa do xogo durante todo o encontro desputado no Castro Seoane.

A falta de intensidade e contundencia nas disputas de balón serviulle ao Arenteiro para estar máis activo e perigoso durante todo o partido. Dana sería a encargada de liderar ás locais cunha actuación brillante a pesar da súa corta idade. Ela sería a encargada do primeiro man a man que enviou fóra rozando o pau.

Sería nun saque de porta no que o Arenteiro aproveitaría a falta de contundencia das celestes para pórse por diante no marcador grazas a un man a man que a xogadora visitante anotou con facilidade.

Tralo paso polos vestiarios o Antas saiu un chisco mellor ao partido, pero as numerosas interrupcións do encontro evitaron que as seoanesas atoaran esa comodidade necesaria para comezar a facerlle dano ao Arenteiro e chegar á meta rival.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

Xa nos minutos finais foi Jenny quen aproveitou un rexeitamento para pór o empate definitivo. A protagonista do partido, Dana, tivo de novo unha gran ocasión despois dun bo desmarque correndo pola banda e poñendo o balón atrás para que Iria empurrara o balón ao fondo da rede, pero a falta de acerto e sorte privounas de poder anotar o segundo gol que lles tería permitido sumar tres puntos nun partido e ante un rival moi complicado.

Unha Comercial distraída cae contra o Órdenes

O equipo dirixido por Vicky saiu ó terreo de xogo bastante distraído e descolocado,, mais no minuto 30 as vermellas semellaron despertar, triangulando ben o balón e conseguindo chegar a porta, malia que o balón non quixo entrar até o gol de Kathy, xa no minuto 82′ e cando o Órdenes levaba tres goles de vantaxe.

Once inicial da Comercial. Foto cedida

O partido rematou cun 1-3 desfavorable para as lucenses que, porén, marcharon do encontro con bo sabor de boca porque o equipo amosou un bo nivel de xogo pese a que o gol non acompañase. O equipo traballou ben, tanto defendendo como atacando, polo que a súa adestradora amósase optimista. «Estou moi contenta porque sei que pouco a pouco, os resultados chegarán», expresou Vicky.

Aldara, da Milagrosa, foi a gañadora do premio Xogadora Torre de Núñez do mes de febreiro.

A Milagrosa non tivo rival

As xogadoras de Felipe dominaron o encontro de inicio a fin, como amosa o resultado final do luminoso: 6-0 ante o Resmón.

Os goles chegaron de Irene García (x2), Aurora Vázquez (x2), Lucía Martínez e Martina Gómez.

Con estes tres puntos a Milagrosa sitúase con 28 puntos e un cómodo 8º posto na táboa.

O San Lázaro segue imparable

O San Lázaro saiu ao Catro Ventos moi ben colocadas e cun gran nivel, chegando á área do Carballedo. Porén, foi o Carballedo quen se adiantou no marcador despois dunha acción desafortunada do San Lázaro que remata cun gol en propia porta.

A primeira parte rematou co Carballedo por diante no marcador (1-0) pese ás múltiples oportunidades de gol que tivo o San Lázaro e que, porén, non era quen de materializar.

As xogadoras do San Lázaro celebran os tres puntos ao final do encontro. Foto cedida

Xa na segunda metade, na primeira xogada chegou o gol de Douaa para empatar o partido (1-1) e a partires dese momento o San Lázaro seguiu traballando e con intensidade para conseguir que Irene Rebolo (x2) e Kaoutar puxeran o definitivo 1-4 que mantén ao San Lázaro a tres puntos do Santiso, primeiro clasificado. Un resultado que, probablemente, foi máis abultado do que o xogo do Carballedo, remando ata o final, mereceu.

Vitoria pola mínima do Monte Forte

O Monte Forte tivo numerosas ocasións xa dende o comezo do partido. Un disparo de Carla foi o único que entrou ata o fondo da rede e deu a vitoria ás monfortinas pese a dominar o partido e despregar un xogo tanto defensivo como ofensivo.

Porén, os últimos minutos do partido fixéronselles longos xa que, con só un troco dispoñible, os minutos pesaban nas pernas das xogadoras dirixidas por Meilán.

Xogadoras e corpo técnico do Monte Forte. Foto cedida

As numerosas ocasións que tivera o Monte Forte ao longo do partido e que non se aproveitaron, impediron que chegaran ao tramo final con máis vantaxe e unha situación máis cómoda. O Dubra puxo nos últimos minutos ás monfortinas contra as cordas, pero aguantaron ben as locais para manter o resultado e quedar cos tres puntos na casa.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *