#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana gaña o derbi e deixa ao Racing Vilalbés máis lonxe do líder

O Trío de Ases O Cantón desta xornada déixanos na Terceira RFEF a vitoria da Sarriana no derbi da Madalena fronte a un Racing Vilalbés que, tras o triunfo da UD Ourense, ve o liderado a unha distancia difícil de salvar. O Viveiro acadou unha importantísima vitoria na súa pelexa por saír dos postos de perigo no feudo do Noia, mentres que o Polvorín igualou na Cheda fronte a un Alondras que ocupa praza de play off.

Na Preferente o Pol sumou un punto tras desperdiciar unha vantaxe de dous goles fronte ao San Tirso. O Ribadeo tamén igualou no campo do Dubra, mentres que o Lemos caeu na súa visita ao Lalín e o Escairón fixo o propio na casa diante do Negreira.

A Sarriana recupera sensacións e vence no derbi a un Racing Vilalbés que se lles escapa o liderado (0-3)

A Sarriana volveu gañar logo de cinco xornadas e puxo un pé no play off. Fíxoo nun interesante derbi fronte a ao Racing Vilalbés. Os chairegos complican así as súas opcións de ascenso directo unha vez que a UD Ourense venceu no Couto ao Estradense. O primeiro tramo de encontro foi de dominio local. O Racing presionou alto e contou con boas ocasións de gol nas botas de Javi Rey, Cañi ou Make. A lesión de Javi Rey no ecuador do primeiro tempo foi un duro golpe para os chairegos, que perderon o control do centro do campo. A Sarriana logrou adiantarse tras un derribo de Guitián na área que o colexiado sinalou como penalti. Álex Millán non errou desde os once metros.



Na segunda metade, o Racing Vilalbés trocou de sistema e Cañi e Barroso contaron con dúas ocasións case a porta baleira que non foron quen de concretar. A Sarriana, moi vertical, fíxolle moito dano aos locais e nunha contra ben levada por Álex Millán chegou o segundo gol, que Sané marcou a placer. Nunha perda de balón do Racing chegou a sentencia para a Sarriana. Cun cuarto de hora por diante, Sané fixo o terceiro.

O Polvorín realiza un bo encontro e suma un punto fronte ao Alondras (2-2)

Encontro de moita intensidade por parte de ámbolos conxuntos. Polvorín e Alondras buscaron roubar alto e incomodar ao rival na saída de balón. Cunhas premisas semellantes, o filial albivermello foi mellor no primeiro tempo. Logo de estrelar un balón no longueiro chegou o gol para os de Álex Ortiz. Maceira rematou ao fondo da portería un bo centro lateral. Xa son trece os goles do dianteiro no que vai de temporada. Antes do descanso, o conxunto visitante logrou empatar cun remate de cabeza de Kopa ante o que nada pode facer Mini.



Tras o descanso, o Alondras tratou de impoñer o seu xogo e obrigou ao Polvorín a xogar replegado e buscar a contra durante uns minutos. Co avance do periodo final, os lucenses lograron impoñer de novo o seu xogo, pero foron os de Gonza Fernández os que fixeron o segundo tras aproveitar Guille un erro na saída de balón. Non tardou en igualar o Polvorín cun gran gol de falta directa de Padín. Os de Álex Ortiz volveron a atoparse co longueiro nunha vaselina de Antón.

Triunfo de ouro para o Viveiro no feudo do Noia (2-3)

Os mariñáns sacaron petróleo do Julio Mato fronte a un Noia que se xogaba boa parte das súas opcións de seguir con vida no play off. Os de Adrián Benavides sumaron tres puntos moi valiosos para as súas aspiracións de permanencia. O conxunto celeste optou por unha presión intensa en campo contrario que colapsou a saída de balón dos de Iván Carril. Adri Lombao e Fanego contaron con boas ocasións antes de que Xoel fixera o primeiro á saída dun córner. Xusto antes do descanso, un erro de Sylla propiciou unha rápida contra do Noia que culminou Hugo Losada para facer o empate.

O segundo tempo seguiu un guión semellante. A presión do Viveiro afogaba na súa área ao Noia e Adri Lombao non tardou en facer o segundo. Só cinco minutos máis tarde, Fanego forzou o mal despexe do viveirense Aldán, e este marcou na súa propia portería. A falta dun cuarto de hora para o final, Munin fixo o segundo para o Noia e o Viveiro soubo sufrir ata o final. Á contra, nos últimos intres de partido, Diego Santín e Vila contaron con opcións para marcar. Este último reclamou penalti que o colexiado non sinalou.

O Pol desperdicia dous goles de vantaxe fronte ao San Tirso (2-2)



O encontro comezou de xeito espectacular para o Pol. Buján aos seis minutos e Ríos aos doce puxeron en clara vantaxe aos chairegos. Cun fútbol moi vertical os de Manolo García puideron incrementar a diferencia no marcador noutra boa opción de Buján. Co paso dos minutos o San Tirso asentouse sobre o terreo de xogo e foi quen de recurtar cun tanto de Segade. Aos corenta minutos o colexiado, nunha acción polémica expulsou ao visitante Cristian, así como ao adestrador Fabio Rodríguez.

No segundo tempo o Pol tivo o dominio completo do balón, aínda que resultou estéril. Os chairegos non eran quen de atopar os ocos no entramado defensivo dun San Tirso que xogou coas liñas moi xuntas. Cuadrado e Alvarito contaron con ocasións para facer o terceiro e sen embargo foron os visitantes os que acadaron o premio cun golazo de Mario Seoane.

O Lemos cede no campo do Lalín en dúas accións a balón parado (2-1)

Realizou un bo encontro o Lemos no Manuel Anxo Cortizo fronte a un rival que está a xogarse o play off de ascenso. Os de Edu Rodríguez foron mellores nos primeiros corenta e cinco minutos e gozaron de boas ocasións para marcar, entre elas un lanzamento ao longueiro. O Lalín adiantouse cun maxistral lanzamento de falta de Hugo García.

No segundo tempo Adri Díaz gozou dunha boa ocasión para empatar, pero o tanto non tardou en chegar. Tamén nun lanzamento de falta Luis acadou o tanto que seviu para igualar a contenda. O Lalín disfrutou dos seus mellores minutos, aínda que os monfortinos souberon conter as chegadas a área dos locais. O segundo tanto chegou nun penalti moi protestado polo Lemos. Eloy non errou desde os once metros.

imaxes máxicos

O Ribadeo empata no campo do Dubra pero achégase perigosamente ao descenso directo (0-0)

O triunfo do Galicia Mugardos achega o Ribadeo a un só punto dos postos de descenso directo a falta que os mariñáns disputen o encontro aprazado fronte a O Val o vindeiro xoves. No Juan Baleato o encontro resultou moi disputado e con moitas segundas xogadas. O Dubra practicou un fútbol moi directo co obxectivo de pechar ao Ribadeo preto da súa área. Os de Luchi buscaron saír á contra e acadárono con certo perigo, logrando xerar tres chegadas claras que non foron quen de concretar.

Tras o paso por vestiarios as ocasións brilaron pola súa ausencia por parte dos dous conxuntos. Só Migui puido desnivelar a balanza a favor do Ribadeo nunha acción no que o balón se estrelou no pao co gardameta local xa batido.

O Escairón cede diante dun Negreira que aínda pelexa polo liderado (2-4)

O encontro comezou frenético. Aos dous minutos Yann desaproveitou un man a man diante de Jose tras estrelar o balón no longueiro ao definir cunha vaselina. Pouco despois o propio Yann errou o que sería a ocasión maís clara para os de Brais Prados. Un lanzamento de penalti que detivo Jose. Antes de cumprirse o minuto vinte a pena máxima foi asubiada na ára contraria e desta volta serviulle ao Negreira para adiantarse no marcador con gol de Alberto Freire. Rubén Díaz e Julito contaron con boas opcións para marcar, pero novamente foron os visitantes os que marcaron. Nunha rápida transición Joseph puxo o encontro costa arriba para o Escairón.

Nada máis saír de vestiarios chegou o tanto dos locais, obra de Rubén Díaz de falta directa. Foron os mellores minutos do Escairón, que logrou inquedar a área rival aínda que sen chegar a xerar situacións claras de perigo. Nunha falta lateral Joel fixo o terceiro e no último tramo o conxunto nicrariense sentenciou co cuarto tanto. Preto do final Yann recurtou diferencias para o Escairón.

Foto de portada: Mundito Carballo Durán

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *