Non foi unha boa xornada para os conxunto lucenses. Na Segunda RFEF chegou a primeira derrota para o Racing Vilalbés. Foi na Madalena ante o Covadonga no día que se lle rendiu homenaxe a Manolo Lamas delegado do club durante moitos anos e pai do actual adestrador Simón Lamas, falecido a comezos de semana. Na Terceira RFEF, a Sarriana gañou con comodidade no campo do Estradense, mentres que Polvorín e Viveiro caeron nos seus campos diante de Arousa e Somozas, respectivamente. Na Preferente, o derbi provincial entres Castro e Lemos rematou en empate. Un punto tamén sacou a Residencia na súa visita ao campo do Lalín, mentres que o Ribadeo colleitou a primeira derrota como local diante do Miño.
A primeira derrota do Racing Vilalbés en Segunda RFEF chegou na sexta xornada (1-2)
Foi diante do Covadonga, conxunto ovetense que chegou á Madalena cun só punto no seu casilleiro, pero que foi quen de complicar e moito as cousas a un Racing ao que lle costou moito atopar o seu xogo. O cadro asturiano logrou adiantarse no marcador aos vinte minutos de xogo logo dun penalti cometido por López que transformou Omar. Ata o descanso apenas se viron ocasións. Os chairegos buscaban xerar perigo con Cristian como referencia en ataque, pero a zaga do Covadonga amosouse moi segura.
No segundo tempo Simón Lamas deulle entrada a Santi Gegunde e Rares no canto de López e Make e o equipo mellorou no seu xogo. Álex Pérez e Cristian gozaron de dúas boas ocasións para empatar e Rares preto estivo de sorprender ao gardameta visitante cun disparo lonxano. Cando mellor estaba o Racing Vilalbés chegou o segundo tanto visitante. Un lanzamento de falta foi rematado por Nino e o despexe de Álex Santomé aproveitouno Samu Pérez para empurrar o balón ao fondo da portería. O tanto foi un mazazo para un Racing que non baixou os brazos e Santi Gegunde, nun bo remate desde dentro da área obrigou a intervir con acerto a Uru. Xa co tempo cumprido, nun córner, Quico rematou de cabeza e o balón entrou na portería do Covadonga, coa colaboración dun defensor. Na última xogada do encontro Álex Santomé realizou unha parada espectacular a remate de Ariel.
A Sarriana volveu a gañar e fixo con contundencia no campo do Estradense (0-3)
O encontro comezou moi intenso e con moitos duelos no centro do campo. O conxunto local a piques estivo de adiantarse no marcador, pero o remate a porta baleira rematou batendo no pao. Os pupilos do sarriao David Páez non foron quen de ver porta no que vai de campionato. A Sarriana adiantouse aos quince minutos nun pase milimétrico de Miguel que aproveitou Tijan para facer o primeiro. O tanto afectoulle ao cadro local, pero foi quen de inquietar a Javi Liz a lanzamento de Brais Calvo .
Na segunda parte os de Jorge Cuesta ampliaron diferencias por medio de Cuadrado, que recolleu un servizo de Sané para batir a Israel. Nos seguintes minutos houbo un intercambio de ocasións. Boedo obrigou a intervir ao gardameta e o Estradense estrelou outro balón na madeira. Nos últimos intres David fixo o terceiro e definitivo cunha boa volea.
O Polvorín cedeu na Cheda ante o Arousa, malia a adiantarse no marcador (1-3)
O filial albivermello comezou da mellor maneira posible. Nun saque desde o curruncho aos dous minutos de encontro Lizancos abriu o marcador para os de Roberto Fernández. Nunha falta lateral, Borja Míguez empatou o encontro ao rematar logo dun rexeite. Á media hora, o propio Borja Míguez dalle a volta ao marcador ao transformar un penalti. Xusto antes do intermedio, Iñaki fixo o terceiro tras un centro lateral.
O encontro foi de dominio alterno. Os de Luisito fixeron dano a balón parado, sobre todo no primeiro tempo. No segundo, o Polvorín tivo o control do balón, pero a boa defensa arousista impediu que se viran moitas ocasións de gol.
O Viveiro caeu co Somozas en Cantarrana e segue sen puntuar na casa (0-2)
O peor encontro dos mariñáns nesta temporada. O comezo non foi un bo presaxio para o que ía vir. Aos catro minutos Gabarre, ex do Polvorín, fixo o primeiro para os de ferrolterra cun bo lanzamento desde fóra da área. O Somozas estaba mellor posicionado sobre o terreo de xogo e con máis ritmo. O Viveiro non se atopou cómodo e non foi quen de chegar por bandas. Os visitantes foron quen de neutralizar o xogo interior dos de Alberto López, que non eran capaces de xerar situacións de perigo. Tan só Mauro cun lanzamento frouxo foi quen de inquedar a portería defendida por Paco.
Nunha segunda metade sen moitas ocasións, o ex viveirense Julián Nieto aproveitou un erro de Diego Nuñez para superar a Ayoub no un contra un. O Viveiro tivo a ocasión máis clara por medio de Cora, que estrelou o balón no pao. Os celestes tiveron moitas perdas de balón e a zaga do Somozas non pasou apuros no tramo final.
O Castro igualou o derbi provincial fronte ao Lemos no último suspiro (2-2)
Os monfortinos seguen invictos logo de cinco xornadas e os chairegos rachan a xeira de dúas derrotas consecutivas. O encontro comezou de cara para os de Rafa Casanova. No primeiro minuto, o ex lemista Marco fixo o primeiro cun bo disparo cruzado. O cadro visitante co paso dos minutos fíxose co control do partido, pero só inquedou ao Castro a balón parado. A máis clara para os monfortinos foi repelida polo longueiro e á contra Marino a piques estivo de facer o segundo para o Castro. O empate chegou no último tramo da primeira metade obra de Nacho.
A segunda metade foi máis trabada cun xogo menos vistoso e con máis balóns en longo. Nunha transición rápida o Lemos deulle a volta ao marcador cun tanto de Armesto a pase de Dani Arias. O Castro cun fútbol moi directo meteu atrás ao Lemos e con máis corazón que cabeza foi quen de xerar algunha ocasión de gol. O empate chegou co tempo cumprido. O Lemos reclamou falta no despexe de balón do defensor, pero o colexiado sinalou córner. No lanzamento deste, Lois rematou ao fondo da portería.
Empate da Residencia na visita ao histórico Manuel Anxo Cortizo de Lalín (2-2)
Encontro de dous estilos antagónicos. O Lalín, que retornou esta temporada a Preferente despois de varios anos afastado dela, optou por un fútbol directo, mentres que a Resi apostou por ter o balón. Na primeira metade o conxunto lucense sufriu debido á presión realizada polo cadro local. O tanto que abriu o marcador foi do Lalín. Manu Casal, que xa demostrou en Terceira nas filas do Arzúa a súa calidade, anotou logo dun roubo en medio campo.
Na segunda metade, os de Dani Galán foron quen de xerar máis situacións de perigo. No minuto 56, Dani Renda sacou un córner que rematou Borja e o balón quedou solto. Recolleuno Tebi que rematou para lograr o empate. Menos dun minuto lle durou a ledicia aos lucenses. No saque de centro, o Lalín meteu un balón á área, a zaga dudou e Manu Casal fixo o segundo. Os locales deron un paso atrás co marcador a favor e nunha gran xogada de Artai por banda chegou o segundo. O centro deste rematouno Pereira no primeiro pao. A falta de dous minutos para o final, Txiki a piques estivo de darlle a volta ao marcador nun lanzamento de falta que rozou a escadra.
O Ribadeo caeu no Pepe Barrera nun mal encontro diante do Miño (0-2)
Segunda derrota consecutiva do Ribadeo e primeiros puntos que voan do Pepe Barrera. Non tiveron o seu día os pupilos de Dani Moirón, que remodelou o equipo titular coa presenza de Castrín no perfil zurdo do ataque e Santi no centro da defensa. Álex Meitín dispuxo da primeira ocasión para o Ribadeo nun remate de primeiras que saiu fóra por pouco. As imprecisións e numerosas perdas de balón dos locales fixeron que o Miño fora medrando no encontro co paso dos minutos. ata facerse co dominio. Andrés e Ipi protagonizaron dúas chegadas dos visitantes con certo perigo, ata que o colexiado sinalou penalti por man de Iván Rodríguez na área logo dun despexe. A acción, dubidosa, rematou co tanto de Kevin desde os once metros.
Na segunda metade Aitor relevou a Criss e Castrín e Santi trocaron de posto e o Ribadeo tivo os seus mellores minutos. Álex Meitín nunha boa reviravolta na área fixo intervir con acerto ao gardameta Cobelo. Ao igual que no primeiro tempo, o Miño medrou co paso dos minutos e Astray a piques estivo de facer o segundo nun un contra un que parou ben Carrera. Pero o gol visitante non tardou en chegar. Martín, cun gran lanzamento desde trinta metros sorprendeu a Carrera. O Ribadeo tentou recurtar diferencias, pero apenas xerou ocasións no tramo final.