O Trío de Ases da xornada 25 de Terceira División déixanos dous empates dos equipos lucenses, pero con sabor a vitoria, xa que, foron acadados en dous campos complicados. O Racing Vilalbés igualou a un gol no campo do Arousa e o Polvorín empatou a dous en Cangas do Morrazo diante do Alondras. No encontro aprazada da Xornada 17 na Preferente, a Residencia gañou en Barraña ante o Boiro e deu un paso importante cara a permanencia.
Meritorio punto do Racing Vilalbés no campo do Arousa, terceiro clasificado (1-1). O cadro chairego mantense na décima posición e aumenta a cinco puntos a distancia cos postos de descenso directo. Os de Simón Lamas trataron de minimizar riscos en defensa e concederon moi poucas ocasións a un Arousa que conta cun gran potencial ofensivo. Adiantouse o cadro local nun dos seus primeiros achegamentos cun tanto do central Catú, que recolleu un balón solto logo dun centro lateral. Na segunda metade, o Racing sentiuse máis cómodo e controlou mellor o encontro. Make gozou dunha clara ocasión para empatar, pero rematou lixeiramente desviado. O tanto da igualada chegou nun saque de esquina que rematou o burelao Moreda, titular na punta de ataque, no segundo pao.
O Polvorín mantén tres puntos sobre o descenso logo de empatar diante do Alondras (2-2). Encontro de alternativas, que comezou cun dominio infructuoso do cadro local, que dominaba o balón, pero sen a profundidade necesaria para causarlle problemas a unha defensa lucense lastrada polas baixas. Pasada a media hora de partido unha gran xogada de Mauro foi aproveitada por Luismi, que batiu a Julen no man a man. Tivo o empate o Polvorín preto do intermedio nas botas de Cristian, pero Ayoub, ex gardameta da Sarriana, evitou o tanto. Saíron os pupilos de José Durán dos vestiarios coa idea firme de remontalo encontro, e acadárono en menos dun cuarto de hora. Varo, que visitaba ao seu ex equipo, colocou un balón medido para Cristian, que rematou a placer establecendo o empate. Tan só sete minutos despois, Rayco foi obxecto de penalti e él mesmo foi o encargado de transformalo. Co encontro sen moitas ocasións de gol, unha man na área lucense foi sinalada como penalti e Mauro non errou. Nos últimos intres, ámbolos equipos gozaron de ocasións para acadar os tres puntos, pero o marcador non se moveu.
Triunfo de prestixio da Residencia na súa visita ao Boiro, que achega aos lucenses á zona media (1-3). O encontro saiu segundo o previsto para o cadro lucense. Os de Álvaro Meilán cederon o balón ao Boiro e saíron á contro con perigo. O conxunto local dominou dun xeito estéril sen inquietar á zaga dunha Residencia que aproveitou á perfección as súas ocasións. Nun erro da zaga boirense, Veloso fixo o primeiro e pouco despois Dani López recolleu un balón morto e puxo terra de por medio. Na segunda metade o equipo adestado por Luis Santiago incrementou o ritmo e o gol local tan só tardou catro minutos en chegar. Juanma cunha precisa volea batiu a Diego Bravos. Pouco despois, Changui anotou o empate, pero o tanto foi invalidado por man do mítico dianteiro. Puido sentenciar a Residencia en dúas claras ocasións de Veloso e Moha, pero o tanto do triunfo non chegaría ata o últimos minutos, cando Veloso recibiu un balón en profundidade e co porteiro local adiantado batiuno desde máis de corenta metros.

