#Fútbol afeccionado #Feminino

A provincia de Lugo manda na Segunda

Seis dos sete primeiros clasificados da Segunda Galicia pertencen á provincia de Lugo. É máis, os tres primeiros postos son para tres dos nosos conxuntos. O Monte Forte comanda a táboa con man de ferro despois de gañar por 0-8 ao EF Silleda nun partido no que se sobrepuxo á baixa da súa gardamalla Alex. Henar asinou un hat trick e Moji, un dobrete.

Con pleno de triunfos tamén se sitúa o PM Friol B. As de Santi Vieitez non deron opción no derbi ante a Comercial nun duelo cun protagonismo claro, o da porteira Nuria Meijide. O preparador vigués sempre convoca ás súas tres gardamallas, facendo xogar a unha delas de xogadora en cada xornada. Esta vez tocoulle a Nuria, que logrou un hat trick e sumou dúas asistencias. Case nada!

O San Lázaro tamén está entre os equipos que lideran a clasificación, con seis puntos. As debutantes da Ponte aguantaron a superioridade local na primeira metade e creceron tralo paso polos vestiarios. Fixeron un gol, que deixou moi ferido ao Santiso. No tramo final do encontro, as lucenses aproveitaron para sentenciar a un rival que perdonou e pagou con creces. Salma fixo un dobrete.

O Chantada, quinto, tamén acumula dous triunfos. No último, tivo que agardar ata a segunda metade para certificar a súa superioridade. Xa que ao descanso, só vencía pola mínima a pesares de dominar ao Cruces de principio a fin. Ángeles fixo un dobrete. Ademais, as veciñas de Carballedo conseguiron o seu primeiro triunfo. As do presidente-adestrador Adrián Rodríguez remontaron o tanto inicial do Arzúa na segunda metade. Uxía, incorporación de este verán e de tan só trece anos, logrou o primeiro dos tantos para un Carballedo que sempre quixo tocar o balón.



Ángeles, autora de dous goles para o Chantada. EVA ARGIZ

E con catro puntos atopamos a unha Milagrosa coa que Leire anotou outros tantos goles. Un póker que redondeou un encontro enganoso, moito máis igualado do que reflicte o 7-2 final, e condicionado polas lesións de dúas xogadoras visitantes. Sendo unha delas a súa gardamallas.

Pola súa parte, o San Roque queda cun punto despois de sufrir un severo correctivo na súa visita a un Touro máis físico. O cadro de Quiroga acusou as baixas e a falta de pegada na primeira metade.

GOICO, O NOVO SABOR DO GOL NO LUGO

Leire segue ao seu, catro goles ante o Bandeira

Na Primeira Galicia, tocou unha data máis de cara e cruz. A nota positiva púxoa o Lugo. As de Joaquín Blanco realizaron un soberbio exercicio de paciencia e constancia, alternando o xogo combinativo e o directo ante o 5-4-1 plantexado polo O Val. Dous goles nos últimos compases da primeira metade encarrilaron o choque para as albivermellas. As lucenses complicáronse a vida tras o descanso, nun despiste na primeira xogada da reanudación. Porén, o Lugo nunca perdou o control e seguiu xerando ocasións. Sentenciando e certificando os tres puntos, co terceiro e definitivo gol, obra da última fichaxe Goico.



Pola súa parte, o Antas sufriu unha nova goleada ante o Atlético Arousana. No entanto, emerxen brotes verdes no medio da seca. As do Castro Seoane melloraron considerablemente a súa imaxe. Os erros defensivos condenaron ás da Ulloa ao 0-3 ao tempo de lecer. Aínda así, na reanudación o Antas ofreceu bos minutos de fútbol. A falla de puntería provocou que as lucenses quedasen sen marcar ante un rival que aproveitou para facer dous goles máis.

RESULTADOS DA XORNADA

PM Friol 0-1 Bizkerre

O Val 1-3 CD Lugo

Antas 0-5 Atlético Arousana

Comercial 0-9 PM Friol B



EF Silleda 0-8 Monte Forte

Santiso 0-4 San Lázaro

Milagrosa 7-2 Bandeira

Touro 7-0 San Roque

Chantada 4-0 Cruces

Arzúa 1-2 Carballedo

O PM FRIOL NON SABE PUNTUAR NA SEGUNDA RFEF

O PM Friol mantén unha semana máis o seu casilleiro de puntos a cero. Despois de máis dun mes de competición, as de Covi seguen sen dar coa tecla. Esta semana caeron pola mínima na casa ante un Bizkerre sólido e efectivo, que demostrou o porqué dos seus números. As de Getxo aínda non encaixaron unha soa derrota no que vai de Segunda RFEF. E tampouco goles. Un solitario tanto das visitantes ao comezo da reanudación tumbou ao PM Friol, que encadena catro derrotas e dúas xornadas consecutivas sen ver porta.

A provincia de Lugo manda na Segunda

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 5

A provincia de Lugo manda na Segunda

O Meira, único que fai pleno no

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *