Non fai moitos días o CD Alfoz amosaba na súa conta de Instagram unha imaxe para a nostalxia. Un recorte de prensa do ano 1997 que titulaba «El Alfoz vuelve a estar con los mejores». A seguinte campaña, a 1997-1998, o conxunto branquiverde competiría na Preferente, logo de acadar un ascenso histórico, e faríao rodeado de nove conxuntos máis da nosa provincia. Foz, Burela, Racing Vilalbés, Sporting Pontenova, Ribadeo, Iberia, Santaballés, Mindoniense e Sarriana. Ese ano militaban na Terceira o Viveiro, Xove Lago e Lemos.
Poucos anos antes coincidiron na Terceira División equipos como o Viveiro, Xove Lago, Mindoniense, Ribadeo, Burela ou Lemos. Algo inimaxinable hoxe en día. E mesmo foron habituais un chanzo por debaixo conxuntos como o Santaballés, San Lázaro, Milagrosa ou Monterroso e chegaron a xogar como mínimo un ano Cospeito, Quiroga ou Cangas.
Miguel Ángel Burundarena «Burunda» foi un dos futbolistas míticos da Preferente e Terceira dos anos noventa. Para o focense «era unha época de moito público e gran ambiente nas bancadas. Cando fichei polo Burela, xa en Terceira, as empresas da zona apostaron polo fútbol e os equipos tiñan un gran potencial económico. Nós estivemos a piques de subir a Segunda B e Viveiro e Xove Lago tamén rozaron o ascenso».
Burunda non dubida en afirmar que «agora estamos noutra realidade. Os equipos non teñen diñeiro e deben apostar pola súa canteira. O Burela está traballando moi ben esta faceta e non tardará en xogar en Preferente. O Foz segue apostando pola base, aínda que agora mesmo non ten o nivel para dar o salto de categoría. Pero eu creo que é o futuro. Apostar polos xogadores da casa en serio e co tempo os equipos lucenses voltarán á Preferente».
Outro dos incombustibles dos banquiños lucenses é Antonio Gómez, membro do staff da Residencia e con pasado na base do CD Lugo. Coincide con Burunda no aspecto económico. «Antes os equipos tiñan un gran poder económico, sobre todo os da Mariña, aos que había que sumar o San Lázaro, Milagrosa…». Antonio Gómez tamén apunta que «os rapaces antes só pensaban no fútbol e agora teñen moita máis variedade de diversión, ademais de que os xogadores están moi dispersos en varios equipos e non conforman un gran equipo que destaque para lograr xogar en Preferente».
Nesa liña opina Roberto Ramallal, actual adestrador do Lourenzá, que incide na calidade dos adestramentos. «A finais dos noventa, a maioría dos rapaces non marchaban estudar fóra. Na zona había moito traballo e quedábanse aquí, o que incidía que durante a semana acudían adestrar. Iso reflexábase nos partidos e nos resultados».
Para o técnico do cadro laurentino, os conxuntos da zona da Coruña parten cunha gran vantaxe. «Nas zonas próximas ás cidades, como pode ser Coruña ou Santiago, e tamén na Preferente Sur, poden manter o nivel nos adestramentos; o que fai que os equipos manteñan esa competitividade que propicia que podan militar en categorías superiores».
A dispersión xeográfica é unha das claves que apunta o chantadino Juan Rodríguez, actual segundo adestrador do Racing Vilalbés, e anteriormente á fronte da SD Chantada ou Santaballés. «De Carballedo a Lugo hai unha hora e de Lugo a Burela algo máis. Por exemplo, en Ourense moitas vilas están como máximo a vinte minutos da capital, polo que é máis sinxelo que podan surxir equipos máis competitivos».
Outro dos factores que inflúen neste descenso de conxuntos lucenses nas categorías máis altas do fútbol afeccionado, para Juan Rodríguez ten dúas ramas. «Por un lado a escaseza de potencial económico de moitos clubs para reter aos xogadores da zona que marchan estudar ou traballar á cidade e fan alí a súa vida e non retornan para xogar. E por outro que moitos xogadores, por diversos motivos, que poden ser económicos ou por arraigo a un club, prefiren xogar nunha categoría inferior aínda que teñan nivel para facelo máis arriba. Na Mariña non tódolos futbolistas queren xogar no Viveiro e no sur da provincia non todos queren xogar no Lemos, que son as vilas máis poboadas. Esa dispersión prexudica que surxan equipos potentes ao non existir potencial humano suficiente«.
Juan Rodríguez tamén aporta un dato matemático. «Cada ano están estipulados máis ascensos de equipos da provincia da Coruña que de Lugo, polo que é lóxico que sexamos menos«.