Antón Méndez deixa a estrutura da SD Becerreá 17 anos despois. Antón incorporase como segundo adestrador ao CD Lugo en 1ª RFEF da man de Roberto Trashorras. Antón despediuse sen sabelo cos seus marcando sete goles e un triunfo importante ante o Friol. Goleadores tamén estiveron Pacín na Comercial e Isma no Brollón. Os seus equipos gañaron por 0-3 con todos os tantos da súa autoría.
Dezanove xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense, Iberia e Oural (14 vitorias)
- Equipos que menos perderon: Pastoricense (un partido)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (46 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (54 goles)
- Equipos que menos goles encaixaron: Pastoricense e Iberia (14 goles)
- O rei do empate: Xermade (10)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (20 goles)
- Tendo en conta as cinco xornadas de 2024…
- Gañaron os cinco partidos: O Iberia e o Brollón no sur.
- Futbolistas na mellor xeira goleadora: Isma do Brollón e Ospina do Oural (5 goles)
- Equipos menos goleados: O Pastoricense, o Iberia, o Folgueiro, o Cabreiros e o Brollón (tres goles)
O Pastoricense non erra
O club da Pastoriza logrou a 14ª vitoria da tempada. Sumou o terceiro triunfo seguido, na casa da Candelaria (0-2). Acumula catorce encontros sen perder. Queda con 46 puntos no máis alto da táboa, dous de marxe sobre o Iberia. Aproveita para aumentar a distancia co Racing B; agora separados en catro puntos.
Pola súa parte, a Candelaria encaixou a terceira derrota consecutiva. Queda con cincos puntos de vantaxe sobre os postos de descenso directo, aínda que os equipos que están por baixo comezan a puntuar nas últimas xornadas.
Ambos conxuntos presentáronse ao partido con baixas. A Candelaria acudiu con 13 xogadores e o líder sen algúns dos seus futbolistas máis habituais. No primeiro tempo dominou o Pastoricense, pero sen ter ocasións claras de gol.
O encontro cambiou uns minutos antes do descanso. O porteiro local Jacobo foi expulsado e Simón Rodríguez tivo que recompoñer o equipo. Xes entrou no canto para defender a portería.
Ao pouco de comezar o segundo tempo, os locais marcaron en propia. Seguiu dominando o Pastoricense, pero a Candelaria non se foi do partido. Incluso lle meteu algún susto ao rival. Carlos estivo seguro baixo paus. Antes da recta final, Cristian sentenciou cun bo remate de cabeza tras un centro de Iago Goás.
O Iberia volve ao segundo posto
O equipo de San Miguel de Reinante é o mellor do grupo en canto a resultados en 2024. Vén de conseguir o quinto triunfo seguido. Foi pola mínima nas Valgas ante o Alfoz (1-0). Supera na clasificación momentaneamente ao Racing B e queda a dous puntos do líder.
O Alfoz continúa asentado na zona media baixa da táboa clasificatoria. Conta con dez puntos sobre o descenso directo. Os postos de promoción de ascenso están a doce.
Dominaron os locais no primeiro tempo. Adiantáronse a través da estratexia cun remate de Borja. Con todo, o resultado ao descanso puido ser de empate se non fora porque o pau rexeitou a gran ocasión do Alfoz.
No segundo acto, o Iberia non foi quen de aumentar o marcador a pesar de ter ocasións. Non sentenciou e acabou pedindo a hora.
Remata a imbatibilidade do Racing B en Cospeito
Por primeira vez na tempada o filial do Racing Villalbés perdeu dous partidos seguidos. Leva tres derrotas no curso. É a primeira vez que perde xogando como local no campo da Fonte de Cospeito. Alí conseguiu cinco triunfos.
Foi o Cabreiros quen acabou con esa boa xeira (2-3). O cadro preparado polo vilalbés Isaac Rouco é a revelación en 2024 na categoría. Logrou o terceiro triunfo seguido. Dende a chegada de Isaac, acumulan trece puntos de quince posibles. Precisamente trece puntos é a distancia que teñen cos postos de descenso directo. A promoción está a nove.
Dous golazos e dous penaltis resumen a primeira parte. Ao Racing B costoulle realizar o seu xogo, mentres o Cabreiros tentaba saír ao contragolpe. O filial adiantouse cun gran gol de Anxo disparando dende lonxe tras unha boa acción de Alfredo na banda.
O Cabreiros igualou por medio de Cazás de penalti. Máis tarde, Joan Tembrás nunha gran acción colocou o balón preto da escadra rival para facer o segundo. Antes do tempo de lecer, man na área visitante e empate do Racing B.
No segundo tempo, o cadro preparado por Iván Lamas tivo máis fluidez no xogo. Con todo, non atinou nas ocasións das que dispuxo. No tempo extra, tras un córner e un erro en defensa, Totti deulle a vitoria aos seus.
A boa nova no filial racinguista foi o regreso de Cadra tras non poder xogar por lesión dende a tempada pasada. O central do 2003 xa debutara en Terceira co primeiro equipo.
O Folgueiro dá un gran paso para xogar a promoción
O Xermade – Folgueiro era un dos grandes encontros da xornada. O triunfo do cadro visitante (1-2) sitúaos na 4ª praza con 34 puntos e cunha diferenza de seis sobre o Sporting Pontenova e o propio Xermade, os dous clubs máis preto da zona de privilexio. O Folgueiro queda co gol average ao seu favor logo do empate da primeira volta.
É o primeiro partido que o Xermade perde na casa no que vai de liga. Tivo máis ocasións claras o cadro visitante no primeiro tempo. Pero quen se adiantou foi o Xermade cun lanzamento de falta directa de Chungui.
No segundo acto, os locais non foron quen de aproveitar as oportunidades que tiveron e o Folgueiro logrou a remontada do partido.
O Sanci é quen marca agora a zona de privilexio
O San Ciprián mantén o seu posto de play off, aínda que agora é 5º. Cos mesmos puntos ca o Folgueiro e polo tanto tamén con seis de marxe sobre os seus perseguidores. Só conseguiu un triunfo nos últimos seis encontros e vén de empatar co Cospeito (1-1).
O conxunto vermello sumou o seu sétimo empate do curso e vai dicindo adeus ás posibilidades de pelexar por entrar na zona de privilexio. De momento, segue estando máis preto o descenso directo; aínda que a dez puntos.
Ambos equipos tiveron ocasións para marcar no primeiro tempo. A máis clara foi do Sanci cun balón que petou no pau. Na segunda metade foi o Cospeito quen golpeou primeiro xa na recta final. Un penalti sobre Xoán, transformouno Gabi en gol. Nos últimos intres, logo dunha xogada a balón parado, Uru aproveitou os erros visitantes para marcar o empate.
Terceiro partido seguido do Roupar puntuando
Sete puntos de nove posibles son os números do Roupar nas últimas tres xornadas de liga. O empate na casa do Sporting Pontenova (1-1) axúdalle a crer máis nas posibilidades de pemanencia. Segue penúltimo a dous puntos do seu antecesor.
Pola súa parte, o cadro da Mina perdeu unha boa oportunidade de achegarse ao 5º posto. Volve a ser sexto, pero a seis puntos desa zona de privilexio.
O Sporting dominou o xogo ante un Roupar que non estivo cómodo no encontro. O gardamallas Amsa Diatta resultou ser chave. Marcos adiantou ao cadro pontenovés. Puideron ampliar a vantaxe pero Amsa detivo unha pena máxima. Aí o Roupar quedou cun futbolista menos por expulsión.
Xa nos últimos instantes de partido, un córner a favor do Roupar derivou no empate. O porteiro subiu a rematar e, na xogada posterior ao saque de esquina, sufriu un penalti que Nando convertiu en gol.
Pacín non quere problemas para a Comercial
Terceira vitoria nos últimos catro partidos para a Comercial. Aséntase na zona media con 25 puntos, os mesmos ca o Cabreiros. Venceu ao Abadín (0-3) cun claro protagonista; Pacín autor dos tres goles. O conxunto abadinense queda con catro de marxe sobre o descenso directo.
Na primeira parte os dous equipos tiveron ocasións. O encontro cambiou no segundo acto cun penalti a favor para os visitantes. Pacín non errou dende os once metros. Máis tarde aproveitou un erro defensivo para marcar o segundo. O Abadín quedou cun menos e Pacín sentenciou co terceiro.
A sorte estivo co Muimenta nun duelo clave co Mondoñedo
O Muimenta e o Mondoñedo viviron un dos duelos máis dramáticos da xornada. Saíron vitoriosos os celestes (3-1) no día no que estrearon nova equipación. Cos tres puntos saen da zona de descenso directo e meten ao Mondoñedo na última posición. Ademais o Muimenta tamén logrou o gol average ao seu favor.
Si é certo que a fortuna non acompañou os locais con respecto ás lesións. Jairo Gegunde, o seu xogador máis determinante, tivo que retirarse mancado no primeiro acto. Antes deulle tempo a adiantar aos seus a través dun penalti cometido sobre Miguel Morán.
Pouco a pouco o Mondoñedo foise estirando. Xerou algo de perigo antes de rematar o primeiro tempo, pero por alto o gardamallas local Noche estivo perfecto na súa especialidade.
O cadro visitante tamén comezou mellor o segundo acto. Javi conseguiu empatar nunha boa definición. Seguiron estando mellor no campo, pero quedaron cun menos pola expulsión de Iff. O Muimenta aproveitou un balón parado para volver poñerse por diante. Jorge Gómez aproveitou a indefensión visitante e rematou a gol co xeonllo. Xa co encontro case rematado, Alberto Regueiro empalou unha volea que terminou sendo un golazo para pechar a tarde.
O Abadín é 13º con dezaseis puntos. O Muimenta ocupa a antepenúltima posición con catorce. En descenso directo están o Roupar (12 pts.) e o Mondoñedo (12 pts.).
- O máis interesante da xornada que vén (zona norte)
- Folgueiro – Iberia (sáb. ás 16:15h en Boa Vista)
- Pastoricense – Xermade (dom. ás 16:15h no Acebreiro)
- Alfoz – Muimenta (sáb. ás 17:00h no Municipal
O Oural non afrouxa e chega aos 45 puntos
O equipo desta parroquia de Sarria continúa mandando na Segunda Sur. Sumou o seu 14º triunfo do curso e chega aos 45 puntos. Mantén catro de vantaxe co Brollón e cinco co Becerreá. Aumenta as distancias co San Lázaro e co Friol. Xa son dez puntos de diferenza.
O Oural venceu fóra da casa ao Paradela (2-4). O cadro do Gandarón ve como se afastan as súas posibilidades de remontada clasificatoria. Queda asentado na zona media, a dez puntos dos postos de privilexio. Quedan 33 puntos en xogo.
No encontro pasaron bastantes cousas. O Paradela estivo dúas veces por diante no marcador. Case que todo o segundo tempo foi un duelo de dez xogadores contra dez.
Foi o Paradela quen se puxo por diante logo dun rexeite tras unha acción a balón parado. Andrés marcou un bo gol para os seus. O Oural custoulle enlazar xogadas. Os locais quedaron cun menos antes do descanso por expulsión de Javi.
No segundo tempo, Mario igualou o encontro e marcou o seu vixésimo gol no campionato. O Oural comezou a dominar máis, pero o Paradela volveuse poñer por diante. Penalti do porteiro Manel sobre Samos. O gardamallas foi expulsado e Albertito marcou dende os once metros.
No dez contra dez saíulle mellor ao Oural. Nun contragolpe Arias empatou. No tempo extra Fer marcou o terceiro e logo Ospina anotou o cuarto xa no final.
O Brollón ao ritmo de Isma
Quinto triunfo en 2024 para o Brollón. Traxectoria ascendente co que supera os 40 puntos (41 en total). Mantense a catro puntos do líder, ten un máis ca o Becerreá (3º) e once máis ca o sexto clasificado.
Venceu ao Sporting Lucense (0-3) cun hat-trick de Isma. O conxunto capitalino volve a última posición da táboa coa vitoria do Chantada B. Está a tres puntos de saír deses postos.
Deu a cara e moito o Sporting Lucense. A pesar de que o Brollón se adiantou ao cuarto de hora. Isma definiu a pase de Damián.
Os visitantes dominaban, pero o Sporting defendíase ben. Cos cambios do segundo tempo, os locais xeraron máis perigo en ataque principalmente a través de Mujib. No tramo final, o Brollón foi capaz de sentenciar con dous goles máis de Isma.
Antón despídese dando un golpe na mesa ante o Friol
Pasaron tantas cousas no Becerreá – Friol como nos días posteriores ao partido. O Becerreá venceu no duelo directo da xornada ao Friol (7-3). Agora ten cinco puntos máis ca o seu rival (5º). Chega aos 40 puntos e queda tamén co gol average ao seu favor con respecto ao cadro friolés. O Friol acumula dúas derrotas consecutivas por primeira vez na temporada.
Esa foi a despedida de Antón Méndez tras 17 anos na estrutura da SD Becerreá. O técnico compaxinaba este cargo xa co de ser adestrador na estrutura do CD Lugo, ultimamente como segundo preparador no filial. Esta semana chegoulle a oportunidade de formar parte do corpo técnico do primeiro equipo. Polo que Antón deixa de compaxinar agora esta dobre función. Javi Gómez, que era xa o segundo adestrador, será quen asuma a responsabilidade no banco do Becerreá.
No encontro víronse dez goles. Ao descanso o resultado era de 2-2. O Becerreá marcou dous máis ao comezar a segunda metade e o Friol aínda se meteu no partido co terceiro (4-3). Anuláronlle un gol ao Friol que podería ser o 4-4. Logo, desatouse o olfacto goleador local e marcaron tres máis para sentenciar sen que o Friol tivese opción nese tramo do partido.
O Quiroga colle aire a costa do San Lázaro
O San Lázaro mantense na 4ª posición (35 puntos) a pesar de perder en Quiroga. Levaba sete partidos sen perder. Con todo, ten cinco puntos de marxe co 6º clasificado. Pola súa parte, o club quirogués rompeu a mala dinámica. Acumulaba nove encontros sen gañar. A cuarta vitoria do curso sitúa ao Quiroga con cinco de marxe sobre o descenso directo.
Yelko adiantou ao San Lázaro a través dun penalti. Mediada a primeira parte, o Quiroga igualou cunha falta directa. Apresurouse o San Lázaro e o partido foi un correcamiños. Nun córner, o Quiroga púxose por diante. Ao final o San Lázaro tivo a oportunidade de levar un punto pero o pau impediuno.
Ao Ferreira aínda lle queda moito por dicir
O Ferreira aproveitou as derrotas do San Lázaro e do Friol para achegarse de novo á zona de privilexio. Venceu nun duelo de proximidade e coñecidos ao Lemos B. Os tres puntos colócano a cinco do 4º e do 5º posto. O filial lemista queda na zona media baixa con nove de distancia co descenso directo.
O equipo de Pantón dominou ante un filial con baixas. Encarrilou o encontro nos primeiro minutos. Primeiro, adiantouse por medio dun penalti. Edgar acertou dende os once metros. Antes do descanso. Logo, Rafa anotou o segundo. No segundo tempo, Edgar completaría o resultado co seu dobrete particular.
Cuarta vitoria en 2024 para o Incio
Terceiro triunfo nos catro partidos que Ruboi leva como responsable do Incio. O cadro amarelo ascende á zona media da táboa logo de superar ao Antas na súa casa. Aumenta a once puntos a súa distancia co descenso directo. Pola súa parte, o Antas está empatado a puntos co Ferreira, suma tres xornadas sen gañar e segue a cinco da zona de privilexio.
Sen moitas ocasións no primeiro tempo, o Incio marcou por medio de Vila a pase de Weimar. O Antas anotou de penalti. Na segunda parte, o Incio aproveitou un bo lanzamento de Casanova para marcar o gol do triunfo.
O Palas aséntase na regularidade
O cadro da Ulloa continúa asentado na zona media, logo de sumar de tres ante o Carballedo (1-2). Suma 26 puntos e queda a nove da zona de promoción. A vantaxe co descenso directo é de 14 puntos. Só en dous momentos da temporada encaixaron dúas derrotas seguidas. E despois desa dinámica sempre a superaron cunha vitoria.
Pola súa parte, o Carballedo non coñece a vitoria en 2024. Acumula cinco derrotas seguidas. Con todo, aínda queda cun punto de marxe con respecto ao descenso directo.
No primeiro acto, o Carballedo púxose por diante cedo cun gol de Toni. O xogo foi pouco vistoso, pero a media hora Álvaro aproveitouse dun erro local para empatar. Doval tivo o segundo local nun bo remate de cabeza que marchou fóra por pouco. No segundo tempo, mellorou o Palas que conseguiu un gran gol que lle deu a vitoria.
Segundo triunfo da tempada para o Chantada B
O filial da SD rompeu a mala dinámica, tras cinco partido seguidos perdidos. Vitoria na casa ante o San Roque (2-1) coa que marcha do último posto e queda a un de saír do descenso directo. Ademais impídelle ao seu rival escapar definitivamente da zona medio baixa. É certo que o conxunto capitalino ten dez puntos de distancia co filial, pero este queda co gol average ao seu favor.
Bo fútbol do Chantada. Dominou na primeira metade ante un San Roque errático na toma de decisións. Marcou logo dun córner. O rival empatou xusto antes do descanso.
No segundo tempo volveu saír moi ben o filial. Noutro córner marcaron gol. Intentou o San Roque corrixir erros, pero custoulle moito xerar espazos e fíxoselles longo o partido. Melloraron a imaxe e, ao verse por baixo no marcador, foron cara adiante. Tiveron a posesión da pelota e enviaron un balón ao pau xusto ao final.
O Quiroga é 13º con dezasete puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición con trece puntos. En descenso directo están o Chantada B (12 pts.) e o Sporting Lucense (10 pts.).
- O máis interesante da xornada que vén (zona sur)
- San Lázaro – Ferreira (sáb. ás 18:00h no Municipal Rodríguez Lago 1)
- Carballedo – Quiroga (sáb. ás 18:00h no Catro Ventos)
- Oural – Friol (dom. ás 16:15h no Luis Pallín)