#Fútbol afeccionado #Fútbol Base #Preferente Futgal

A entrevista, Nuno Mecía: «Castrín foi decisivo na miña fichaxe»

Estreamos sección para a temporada 2023/2024. Cada sábado presentaremos unha entrevista con algún xogador, adestrador ou outro individuo vinculado ao noso fútbol. Comezamos, así, pola porta grande.

Moitos na Mariña coñeceran a traxectoria de Nuno Mecía, un focense de tan só 23 anos que debutou esta temporada no fútbol sénior galego. Porén, Nuno respira fútbol por todos os seus poros desde ben pequeno. Tras dar os seus primeiros pasos no fútbol base do Santiago de Foz, o mediocentro coqueteou coas cores do Deportivo en varios torneos de verán e, finalmente, cambiou o vermello do Santiago de Foz polo albivermello do CD Lugo en idade alevín.

Nuno, superando a un rival no Pepe Barrera.

No conxunto capitalino mantivo a súa progresión e destacou en todas as categorías, ata que chegou a xuvenís. Tan só na súa casa saben ben os quilómetros e o tempo que invertiu en todas as viaxes desde a súa natal Foz, así como os sacrificios que tivo que facer. Tamén na súa casa tiveron sempre claro que os estudos tiñan que ser prioritarios na vida de Nuno, algo que o propio xogador secundaba. Así, ao rematar o Bacharelato, o mariñán decidiu iniciar a universidade nos Estados Unidos cunha beca deportiva que acadou grazas ao seu bon rendemento no instituto e nos terreos de xogo. Un exemplo para todos.

O futbolista embarcouse así no seu gran reto: sacar unha carreira mentres desfrutaba do fútbol na división universitaria americana, primeiro en Nova York e despois en Ohio. Pero a morriña sempre pega forte. Así, cinco anos despois, xa formado e titulado, e cunha empresa fundada, Nuno voltou á Mariña. Pero a volta á casa non significou, nin moito menos, dicir adeus ao fútbol. O focense debutou na Preferente Norte a pasada fin de semana co Ribadeo, na victoria dos seus ante a Residencia. No Pepe Barrera coincide con Pablo Castrín ou Xairo, ex-compañeiros no CD Lugo.



O lucense, co «10» da Universidade de Ohio.

Futbolinlugo: O primeiro que queremos saber é como está sendo a túa re-adaptación ao fútbol galego.

Nuno: Pois boa. É certo que me está custando un pouco, porque levaba oito meses parado. A temporada alí remata en decembro, estiven lesionado… E tampouco sabía se ía seguir xogando, así que tampouco me preparei nada. Ao final decidínme por seguir, e algo está custando. Ademais veño de competir sempre contra xente da miña idade, é a primeira vez que me enfrento a gente máis maior. Pero estou moi contento, hai moito compañerismo, xa tes a rutina de adestrar e xogar os domingos…



Facíame ilusión volver xogar con Castrín.

FIL: Sempre fuches un home sociable. Manténse iso no vestiario do Ribadeo?

N: Si, a verdade é que si. Lévome moi ben con todos os compañeiros, sempre quedas tomar algo despois de adestrar… É algo que valoro moito, levarse ben con todos, aínda que haxa moitas idades diferentes.

FIL: Volvícheste atopar con Pablo «Castrín», un reforzo de luxo para o Ribadeo. Influiu a súa presencia no club na túa decisión de fichar?

N: Foi un punto moi importante. Eu xa entrenei algunha vez co Ribadeo, cando viña no Nadal ou en vacacións para non perder a forma. Tamén me levo moi ben con Dani (Moirón). Eu tiña dúbidas de se seguir xogando ao fútbol ou non, pero en canto Castrín me dixo que ía firmar en Ribadeo, xa lle dixen que sí a Moirón. Nin media hora pasara (ri). Facíame ilusión volver xogar con el.

FIL: Un Ribadeo, por certo, que apunta alto este ano.



N: Si, temos moi bon equipo. Penso que o importante é que temos fondo de armario, non só 11-12 xogadores, seno 17-18 que compiten moi ben e é algo que nos vai axudar moito ao longo do ano.

Nuno, ca camiseta do Dépor nun torneo.

FIL: Pero no medio do campo hai competencia forte.

N: Si. Pero eu estou aquí para aportar o meu gran de area. Apetéceme desfrutar outra vez do fútbol, coller boas sensacións pouco a pouco… Fáltame moito aínda para estar ben, pero quero desfrutar e aprender dos meus compañeiros cada adestramento e cada partido. O que buscas é estar a gusto.

FIL: Toca aprender e competir como fan os Xaime, Santi, Criss...

N: Eu nunca cheguei a xogar contra gente máis maior ca min. Danche mil voltas en moitas cousas, nótoo moito nos partidos. Xogas contra rivais con menos técnica ou que por idade deberían estar peor a nivel físico, pero chegan aos balóns divididos, usan o corpo de marabilla… e dices «jodeume»!

FIL: Seguro que no Martínez Otero querían ver a Nuno coas cores do equipo da súa vila.

N: Falei co Foz tamén. Pero o Ribadeo sempre se portou de marabilla conmigo, abriume as portas para adestrar cando eu viña de vacacións, nunca me pediron nada a cambio… e agora querían contar conmigo, así que non tiven dúbidas á hora de decidir.

Nos EE.UU. o fútbol parece un deporte distinto, pero teñen un alto nivel de profesionalidade.

FIL: Xogabas nunha categoría universitaria, pero que diferencias notas con respecto ao fútbol estadounidense?

N: Ao final parece un deporte distinto, porque a liga vai de finais de agosto a decembro e xogas todos os xoves e todos os sábados; o tempo vai de 90′ a 0′ en vez de 0′ a 90′, hai cambios ilimitados… No inverno fai moito frío e é impensable xogar con nevadas enormes. Tantos paróns costábanche, porque cando empezabas a estar a ton, en novembro, xa case acababas. Ou se torcías un nocello e parabas dúas semanas, perdíaste catro partidos. O nivel futbolístico é máis baixo, porque non teñen a cultura que hai aquí, pero están medrando moito. Cada vez vai máis xente de fóra tamén.

O cadro do Ribadeo para a 23/24. Nuno, na fila de abaixo, o cuarto comezando pola dereita. IMAXE: Facebook Ribadeo FC.

FIL: Animarías aos rapaces a vivir unha experiencia como a túa? Tanto no plano deportivo como no persoal.

N: Danche a oportunidade de sacar unha carreira e un mestrado mentres togas ao fútbol. Ademais fanche sentir como un profesional: autobuses, hoteles, vestiarios, fisios… Nike chegou a darnos dous pares de botas gratis, entras ao autobús ou ao hotel e xa tes a comida servida, masaxistas antes e despois dos adestramentos… Eu aquí era un xogador normal, e alí puiden sacar cartos e unha carreira co fútbol. E agora aínda teño tempo para vivir o fútbol provincial, que ten moitas cousas boas tamén.

A entrevista, Nuno Mecía: «Castrín foi decisivo na miña fichaxe»

Diario dun mercado. Episodio 397

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *