A 12ª xornada da Segunda Rexional mantén ao Meira invicto na competición e líder absoluto na parte norte da provincia. No sur, volveu o liderado compartido; unha proba máis da igualdade que se vive neste grupo. Contámolo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira alcanzou os trinta puntos. Sumou a novena vitoria da campaña ante o Xermade. Adiantáronse cedo os de Labrada na Lomba. Pero ao pouco de marcar, os visitantes conseguiron igualar por medio dun penalti.
Xa no segundo tempo, o Xermade entrou moi ben e tivo opcións para remontar momentaneamente o partido. Non o fixo, e no último tercio de encontro foi o Meira o que si estivo acertado para anotar dous goles máis.
O Folgueiro queda un pouco máis lonxe do primeiro posto ao empatar co Guitiriz. Cinco puntos é a distancia que teñen agora os do Vicedo con respecto ao líder.
Non houbo goles en Boavista. O partido foi desputado e onde houbo varias ocasións a balón parado. Os locais perderon na segunda parte a Aurelio que se mancou e aínda non puideron contar coa súa flamante fichaxe de novembro, Erni.
Na terceira praza mantense o Iberia a pesar da súa derrota co Cospeito. O cadro chairego foi un dos grandes beneficiados da xornada. Entra en zona de play off por primeira vez no curso.
O Iberia queda a oito puntos do líder e o Cospeito encabeza agora un trío de equipos con vinte puntos, a dez do primeiro posto. O Roupar (5º) e o Muimenta son os que o acompañan na táboa.
No partido da Fonte, os locais realizaron un partido moi completo ante un Iberia que tamén deu a cara. O certo é que ao equipo vermello púxoselle ben o partido cun gol de cedo.
No segundo tempo chegou o segundo gol. No Cospeito debutou Gabi, o atacante de Triabá pasou por equipos como o Castro, o Pastoricense ou o Castroverde.
No Iberia debutaron os xuvenís Iván Batista e Rubén. No que vai de curso catro xogadores do equipo base estreáronse co cadro de Reinante.
O Roupar mantense na fase de ascenso a pesar de acumular catro xornadas sen gañar. Na última fin de semana empatou na casa da Comercial. Foi un partido accidentado para o conxunto verde xa que sufriu as lesións de Edi, David e Marcos.
Catro equipos atópanse nunha zona intermedia da táboa empatados a 16 puntos. O Fonsagrada, o Xermade, o Alfoz e a Candelaria están a catro puntos da zona de play off e con catro puntos de marxe sobre a antepenúltima posición.
Aínda que de xeito directo só descende un equipo, os temidos arrastres de todas as temporadas fan que os clubs que ocupen as últimas posicións da táboa non podan estar tranquilos.
Non obstante, o Fonsagrada sumou a súa terceira vitoria dos últimos cinco partidos. Superou a un Celta Barreiros que se chegou a adiantar no Cascabeiro. Pero pagou moi cara a expulsión de André e as baixas coas que chegaba novamente ao partido.
Tamén chegaba cunha ausencia importante o cadro fonsagradino, sen porteiro e só con doce futbolistas na convocatoria. O dianteiro Igor asumiu o papel baixo paus. O seu compañeiro Pedro luciuse cun hat-trick.
Pola súa parte, o Alfoz sumou a súa segunda vitoria seguida. Venceu pola mínima ao Goiriz no Ventiño.
A Candelaria empatou na casa co Castro B nun partido de seis goles. O equipo da Rúa estivo dirixido xa por Jaime Matouse logo da saída de Abel Eijo.
Os locais foron por diante no marcador boa parte do encontro, pero o filial deu un gran rendemento de novo e acabou empatando.
Da zona baixa, salientou o triunfo do Cabreiros ante o Muimenta. O equipo preparador polo pontés Paco queda no antepenúltimo posto pero moi preto do seus antecesores na clasificación.
O Cabreiros adiantouse no marcador na primeira metade. Ambos equipos coinciden que o resultado puido cambiar nese primeiro tempo se o árbitro chegara a entender que a falta do porteiro Nesi sobre un dianteiro do Muimenta era merecedora de expulsión.
No segundo acto, os celestes empataron. Aínda que nuns bos minutos dos locais, Cazás macou dous goles máis para completar o seu trío de goles. Un Muimenta moi mermado polas baixas seguiuno intentando. Marcou Seijas pero non lle chegou para volver empatar o duelo.
Na zona sur, volve o liderado conxunto. O Friol e o Oural encabezan a táboa clasificatoria empatados a 26 puntos. O cadro friolés venceu con claridade ao Corgo no Municipal. Tivo o partido controlado practicamente de principio a fin.
En Corgo comeza unha nova etapa logo da saída do adestrador Abad. Colle o equipo para dirixilo Abel Rochela. O ex adestrador e futbolista do Cabreiros tratará de mellorar a un conxunto que polo momento ocupa a penúltima posición. No cadro de xogadores milita o seu curmán Andrés Rochela.
Pola súa parte, o Oural venceu pola mínima ao Becerreá nun dos grandes partidos da xornada. Encontro igualado no que unha das chaves estivo no penalti errado polo Becerreá.
Aínda así, co empate no marcador, o Oural tivo varias ocasións e conseguiu marcar o gol do triunfo.
Unha das grandes sorpresas da finde produciuse en Montirón. O San Roque superou pola mínima ao Guntín que agora é 3º. Os locais souberon aguantar cando tocaba e non se viron grandes ocasións.
Os trocos no segundo tempo tamén foron clave. Os locais levaron o partido nunha acción a balón parado que deu os seus froitos.
Na cuarta praza está o Paradela que volveu gañar logo de dúas derrotas. Fíxoo ante o filial a SD Chantada. Adiantouse cedo e tivo o partido bastane controlado.
Do máis salientable do choque foi o bo gol de Alejo. Partindo dende o extremo dereito veuse cara dentro, superou a dous rivais e tocou o balón templado con rosca ao pau longo. Ao máis puro estilo Messi para o deleite da bancada do Gandarón.
Empatado co Paradela e marcando a zona de fase de asceso está o Ferreira con 23 puntos. O conxunto de Pantón sumou o seu terceiro triunfo seguido ante o San Lázaro. Foi un econtro moi desputado baixo unha néboa pecha no Baliño.
O Becerreá e a Milagrosa están empatados a 19 puntos. Teñen catro menos ca o 5º clasificado. A Mila venceu pola mínima o Río Sil na Carqueixa. Un penalti transformado por Anxo desequilibrou o marcador.
Os catro equipos do concello de Lugo ocupan circunstancialmente posicións seguidas na táboa. Por baixo da Mila está o San Roque con dezasete puntos, séguelle o San Lázaro con dezaseis e na décima posición está o Sporting Lucense con quince.
Os pupilos preparados por Lolo empataron como locais ante o Lemos B. Primeiro punto do filial lemista a domicilio no que vai de curso.
O Sporting xogou case toda a segunda metade cun menos pola expulsión de Brian Expósito. No equipo adestrado por Fernando Elcoso foi Aalejandro Sanmartiño qen logrou o gol do empate.
Na zona baixa, o Carballedo logrou a primeira vitoria da temporada ante o Brollón. Foi un partido igualado no que as ocasións se incrementaron no segundo tempo.
O Brollón atopouse cun bo Fran baixo paus e non foi quen de batir a porteríarival. Os locais aproveitaron o seu momento e marcaron por medio de Moncho. Un gol para a historia que lle dá ao Carballedo CF o primeiro triunfo na categoría.