Ademáis do Partido da Xornada, que pon en xogo o liderato no grupo Sur de Segunda Autonómica, esta xornada tráenos partidos interesantes en tódalas categorías. Aquí unha pequena escolma:
Preferente Norte
– Ribadeo F.C. – Xallas F.C. (Sábado ás 17:30 horas no Martínez Otero): os de Rafa Casanova, desta volta en Foz, buscarán a súa terceira vitoria consecutiva. Reciben ao colista, un Xallas que aínda non conseguiu gañar nesta temporada.
– Viveiro C.F. – S.D. Residencia (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): derbi provincial no que o conxunto local tentará consolidalo liderato categoría. Enfronte os de Álvaro Meilán, que logo de acadar sete dos últimos nove puntos en xogo, aupáronse á zona media da clasificación.
Primeira Autonómica
– S.D. Outeiro de Rei – S.D. Burela (Domingo ás 16:30 horas no Municipal de Outeiro): o conxunto local, nun gran momento de xogo e resultados, tratará de mantelo liderato diante dun Burela que precisa os tres puntos. Os de Jaime, logo de dúas xornadas sen gañar, non queren verse relegados das primeiras posicións.
– Atlético Escairón – S.D. Chantada (Domingo ás 17 horas no Municipal do Saviñao): encontro entre dous dos perseguidores do líder. O cadro local, con só tres tres tantos encaixados e nove puntos acadados de xeito consecutivo, recibe a un Chantada que buscará superalo na clasificación.
Segunda Autonómica
– Mondoñedo F.C. – Abadín C.F. (Sábado ás 17:30 horas no Viñas da Veiga): o ‘Derbi do Fiouco’. En plenas festas das San Lucas, o conxunto local buscará un motivo máis para celebrar. Triunfo máis que necesario para os dous equipos, que aínda non saben o que é gañar nesta campaña.
– S.D. Candelaria – C.D. San Ciprián (Sábado ás 17 horas na Granda): derbi entre os dous equipos do concello de Cervo. O conxunto local, que non perde desde a primeira xornada ligueira, tentará poñerllo complicado ao líder da categoría. Os de Carra, que só cederon un empate ante o Celta Barreiros, buscarán distanciarse dos seus rivais xa desde o comezo.
Terceira Autonómica
– Fonsagrada Balompé – S.D. Viveiro (Sábado ás 19:30 horas no Gómez Besteiro): encontro entre conxuntos que contan os seus encontros por vitorias. O equipo local, aínda que cun encontro menos parece disposto, este ano si, a pelexar polo ascenso directo. Enfronte, o filial viveirense, no seu primeiro ano en competición, deixa claros os seus obxectivos.
– C.D. Sober – Sporting Lucense (Sábado ás 16:15 horas en Centeás): o cadro local, que se amosa máis sólido lonxe do seu campo, recibe aos lucenses, que contan os seus encontros por vitorias, coa intención de logralos primeiros tres puntos na casa.
Reto Iberdrola
– Peluquería Mixta Friol – F.C. Barcelona B (Domingo ás 12 horas na Reigosa): ámbolos conxuntos chegan a este encontro logo de perder os dous últimos partidos. Un triufo situaría ás lucenses nun zona cómoda na clasificación.
Segunda División Galega Feminina
– S.D. Chantada – Sporting Burgo (Domingo ás 19 horas no Sangoñedo): urxe un triunfo para as chantadinas. Con catro xornadas disputadas aínda non foron quen de puntuar. O rival, despois dun mal comezo, chega logo de tres encontros sen perder.
Liga Fútbol 7 Feminina
– S.D. Burela – Atlético San Pedro (Sábado ás 20 horas no Anexo á Marosa): as mariñáns xa amosaron as súas cartas no primeiro encontro. Buscarán un novo triunfo que as sitúe na cabeza da clasificación. O rival tamén sacou adiante o encontro inaugural.