#Fútbol afeccionado

A Axenda: catro xornadas despois o Viveiro volve a Cantarrana

Ademáis do derbi provincial entre a Residencia e o Foz, dous conxuntos que pelexan pola permanencia na Preferente, temos moitas outras citas ao longo e ancho da nosa provincia:

PREFERENTE NORTE

 – Viveiro C.F. – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): logo do periplo de catro encontros consecutivos lonxe de Cantarrana, os de Chusky tentarán voltar á senda da vitoria despois dos últimos empates. Enfronte un Montañeros que non perde desde o nove de novembro, data na que chegou ao banquiño coruñés Moisés Pereiro.

– Ribadeo F.C. – Laracha C.F. (Domingo ás 12:30 nas Valgas): un triunfo nos seis últimos encontros relegaron aos de Rafa Casanova dos postos cabeceiros. Buscarán reencontrarse coa vitoria para escalar postos na clasificación ante un Laracha fundido nos postos de descenso, pero que chega tras gañar o último encontro ante o Sigüeiro. Pablo Rivas voltará á que foi a súa casa nas últimas temporadas.



PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – C.D. Castro – S.D. Pol (Sábado ás 17 horas no Arturo Pereiro): derbi con moito en xogo. O conxunto local, agora con Marcos Veiga no banco, precisa con urxencia tres puntos, logo de catro xornadas sen coñecela vitoria, para fuxir da zona de perigo. Enfronte, os de Fernando Corredoira chegan cunha xeira inversa. Cinco triunfos consecutivos e tan só unha derrota nos últimos nove encontros situáronos como firmes candidatos ao ascenso.

– S.D. Burela – Atlético Escairón (Domingo ás 16:15 horas na Marosa): catro encontros sen gañar relegaron aos de Jaime Méndez ao quinto posto, sete puntos por debaixo da zona de ascenso. Reciben na Marosa, onde aínda ninguén gañou ao líder, que buscará dar un golpe enriba da mesa e aumentar a distancia cos seus perseguidores.



– S.D. Santaballés – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 16:30 horas na Liga): o conxunto chairego, outro dos invictos no seu campo, buscará un triunfo que os manteña na segund praza logo da derrota no Sangoñedo. Recibe a un Outeiro de Rei que atravesou unha crise de resultados que o apartou da pelexa polo ascenso. A chegada de Gonzalo Edrosa pode servirlle como revulsivo.

SEGUNDA AUTONÓMICA

 – S.D.C. Cabreiros – C.D. San Ciprián (Domingo ás 16:15 horas na Cea): encontro clave na pelexa polo ascenso. O cadro local, que se amosa máis fiable como visitante, recibe aos de Carra que despois de colleitar as dúas únicas derrotas da temporada repuxéronse cun triunfo ante o Gutiriz. Unha vitoria do Cabreiros igualaría aos dous equipos con trinta e cinco puntos.

– C.D. Brollón – C.D. Río Sil (Domingo ás 16:30 horas nos Medos): o conxunto local, que vén de gañar a domicilio ao filial do Chantada, tentará facerse forte na casa ante unha das sensacións da categoría. O cadro da Carqueixa é cuarto clasificado a tan só cinco puntos dos postos de ascenso e foi quen de gañar cinco dos seis últimos encontros.

TERCEIRA AUTONÓMICA



 – S.D. Cazás – A.D. Matela (Sábado ás 16:30 horas no Catro Ventos): o cadro local, cómodamente instalado na zona de promoción de ascenso, buscará facerse cos tres puntos ante un Matela que non perdeu ningún encontro lonxe do seu campo, e que tentará un triunfo que o acerque aos postos de ascenso directo.

 – Club Lemos B – Carballedo C.F. (Sábado ás 16 horas no Luis Bodegas): dous conxuntos con rachas inversas. Dous triunfos consecutivos manteñen ao filial monfortino na cuarta praza, coa promoción a bo recaudo, pero lonxe da segunda posición. Enfronte un Carballedo que perdeu nos seus dous últimos enfrontamentos, pero mantén cinco puntos de ventaxa sobre o sétimo posto.

RETO IBERDROLA

 – Peluquería Mixta Friol – Atlético de Madrid B (Sábado ás 16:30 na Reigosa): logo de cinco derrotas consecutivas, o conxunto adestrado por Geluco Villar, agora coa axuda de Pere Tobaruela, tentará acadar un triunfo ante un ilustre do fútbol español. O filial do Atlético chega á nosa provincia instalado na zona media da táboa clasificatoria. O cadro friolista, con tres puntos de marxe sobre a zona de descenso, quererá poñer terra de por medio cos dous últimos clasificados.

PRIMEIRA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – Peluquería Mixta Friol B – S.D. O Val (Domingo ás 12:15 horas na Reigosa): Prosegue a boa racha do filial friolense, que suma nove encontros sen coñecela derrota. As de Covi buscarán un triunfo que as achegue aos postos cabeceiros diante do cadro de Ferrolterra, que só gañaron un dos seus últismos seis encontros e achegáronse á zona de perigo.

SEGUNDA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – S.D. Chantada – U.D. Carral (Domingo ás 13 horas no Sangoñedo): o conxunto local buscará tres puntos que as acheguen á zona morna da clasificación logo de dúas xornadas sen coñecela vitoria. Enfronte, un Carral que chega logo de ser goleado no seu campo polo todopoderoso Sporting Cambre.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *