#Fútbol afeccionado #Fútbol Base #Primeira Futgal #Segunda Futgal

A-56: Traste (SD Chantada): «Competir, xóguese en Guntín ou na Peroxa»

A medio camiño entre Lugo e Ourense, as capitais de provincia. Desexando que chegue a A-56, e como protagonista da segunda entrega desta nova sección conxunta de FutbolinOurense e FutbolinLugo que busca unir puntos en común entre o mundo futbolístico de ambas provincias. Fómonos ata Chantada para falar dun club que tamén anda a cabalo entre Lugo e Ourense; ou quizais sexa máis adecuado dicir que recorrendo Lugo e recorrendo Ourense.
A SD Chantada é o único club de fútbol que compite en ambas provincias: na do norte cos seus equipos sénior, na do sur cos da base. A que se debe isto? Para falar diso e moito máis conversamos con Adrián Méndez ‘Traste’, que desde hai uns meses é o coordinador deportivo do club; compaxinará o cargo co de xogador do primeiro equipo e adestrador do filial, debutando nesta faceta na provincia de Lugo logo de varios anos dirixindo na base da SD Chantada e competindo na provincia de Ourense.

Futbolin: Como se leva a situación de ter a equipos do club competindo na provincia de Lugo e outros na de Ourense?

Adrián Méndez ‘Traste’: A verdade é que xa se trata dunha situación totalmente normalizada, supoño que polos anos que leva sendo así. Penso que todos os integrantes do club entendemos os motivos polos que pasa isto e sabemos que ao final o importante é poder competir, independentemente de se o lugar onde se celebra o partido se chama Guntín ou A Peroxa. Somos moitos xa os que vivimos ese “cambio” de rivais ao chegar á etapa sénior e non o vemos prexudicial para ninguén. Ata algún ten feito a broma de que así facemos chegar o nome da S.D. Chantada por todas as esquinas de Galicia…

Futbolin: Dende cando a base do club compite en Ourense? Que factores influíron nesa decisión?



AM: Pola información que teño, esa decisión tomouse cando aínda nin eu nacera. Parece ser que as ligas eran por zonas dentro da provincia de Lugo e iso facía que houbese poucos equipos contra os que competir. En cambio, en Ourense había un número maior de clubs, co que aumentaba considerablemente a competitividade. Foi por isto polo que se fixo este cambio, e logo simplemente foi manténdose no tempo.

Futbolin: Actualmente, que valoración facedes deses cambio? Pensastes nalgún momento en volver a competir con todos os equipos do club en Lugo?

AM: Neste momento podo dicir que estamos contentos co trato recibido por parte da Delegación de Ourense e que temos unha relación moi positiva cos demais clubs, que xa nos consideran un máis da provincia. As ligas seguen a ter competitividade e están ben estruturadas, con formatos atractivos. Ademais, un factor clave neste tema é a situación xeográfica. É certo que Chantada pertence á provincia de Lugo, pero está máis preto de Ourense, e iso fai que competir coa base nesta provincia supoña un aforro importante tamén no eido económico. Competir en Lugo significaría numerosos desprazamentos á costa lucense e, en definitiva, na comparativa de quilómetros totais entre unha competición e outra, as diferenzas son o suficientemente importantes como para telo en conta. Algo do que se benefician tamén os propios rapaces, e máis se pensamos nos numerosos xogadores que temos competindo residentes en Carballedo.



En canto a volver cos equipos da base para as ligas de Lugo, é verdade que foi algo que nalgúns momentos se valorou e estivo encima da mesa, pero pensamos que eses argumentos dos que falei seguen a ter un peso importante na decisión.

Futbolin: Haberá quen diga que, sendo un concello da provincia de Lugo, deberiades competir con todas as categorías do club en dita provincia. Que valoración fas ó respecto?

AM: Por suposto que entendemos e respectamos todas as opinións. Somos os primeiros ós que non nos parecería lóxico se estivésemos noutra situación xeográfica por exemplo, pero a realidade é a que é. Ademais, existen moitos casos coma o noso en Galicia. Nós non queremos ser a excepción, pero vendo que é unha situación que se repite noutros clubs en zonas intermedias, pensamos que é o mellor.

«Queremos manter o vínculo coa nosa provincia e que en ningún momento se perda»



Futbolin: E á inversa, nalgún momento valorastes ou se valora a posibilidade de facer nos sénior o mesmo que na base e buscar que compitan en Ourense?

AM: Non sei se nalgún momento se valorou, pero actualmente tampouco temos pensado tomar esa decisión. Queremos manter o vínculo coa nosa provincia e que en ningún momento se perda. De aí que compitan os nosos equipos sénior na zona de Lugo. Creo que a S.D. Chantada segue a identificarse coma un club lucense e ogallá podamos seguir facéndoo do mesmo xeito ca estes últimos 50 anos.

Futbolin: O feito de iniciarse nunha provincia, para logo continuar noutra, provoca algunha desvantaxe para os rapaces?

AM: É certo que os rapaces chegan aos equipos sénior totalmente nun contexto diferente ao que fan os dos demais clubs, xa que moitos teñen un descoñecemento total dos elementos da competición. Pero non o consideramos un factor vital, senón un paso máis na súa etapa de formación e aprendizaxe. Ademais, esta situación favorece a que se establezan moitos vínculos persoais, xa que se coñece a moitas máis persoas polo feito de competir con moitos clubs distintos ao logo de ambas etapas.

«Competir nas dúas provincias faime coñecer a máis persoas relacionadas con este deporte»

Futbolinourense: Probablemente sexas un dos que máis vive de preto esta situación, xa que nas últimas tempadas compaxinaches a túa labor de adestrador na base e a de xogar no sénior. Que valoración fas de participar en ambas provincias a nivel individual?

AM: Esta situación fai que poda coñecer de primeira man a maneira na que se afronta a competición en distintos clubs, aínda que co matiz de que hai moitas diferenzas entre as categorías base e as sénior, pero podo facerme unha idea básica. Ademais, faime coñecer a máis persoas relacionadas con este deporte: xogadores, adestradores, árbitros…etc. Iso é algo moi positivo, do que sempre podes sacar proveito. Cantas máis experiencias podas ter, máis podes aprender.

Futbolinourense: Fálanos agora un pouco do club. Como se está a levar este xa case ano completo sen desenvolver a actividade?

AM: Con moita tristeza. E todo se acentúa cando estamos a falar dun club tan familiar como é a S.D. Chantada. Ninguén podía imaxinar que estariamos tanto tempo sen que rodara o balón no Sangoñedo. Botamos de menos o día a día, a competitividade dos adestramentos, a celebración dun gol, ver á nosa xente na grada, as ceas de equipo. Os que temos a sorte de poder estar nunha dinámica dun club similar á S.D. Chantada, sabemos destes e de moitos outros momentos de felicidade que nos proporciona este deporte. Espero que esta situación nos servira para seguir e darlle cada vez máis valor a pequenos detalles como pode ser simplemente formar parte dun club.

Fóra do que é a actividade, o club non deixa de pensar nesas persoas que colaboran activamente e que non están pasando por un bo momento por mor da pandemia. Esperamos que todo mellore e podamos seguir desfrutando xuntos. Lamentablemente, o club foi o primeiro en sufrir da peor maneira esta situación, xa que perdemos ao noso socio número 1, Don Ángel Albilares. Trataremos de dedicarlle os bos momentos cando podamos volver aos terreos de xogo.

«Botamos de menos o día a día, a competitividade dos adestramentos, a celebración dun gol, ver á nosa xente na grada, as ceas de equipo…»

«Non tiña moito sentido facer unha competición na que a maioría dos equipos non estaban inscritos»

Futbolin: Erades dos equipos inscritos na 1ªAutonómica, entendedes que se vos prexudicou por non arrincar a competición?

AM: A verdade é que o feito de inscribirse ou non era unha decisión moi difícil por todos os matices que podía ter a situación que aínda hoxe estamos a vivir. De feito, sei que a directiva tivo moitas reunións e dedicou horas e horas para poder tomar a decisión máis acertada tendo en conta sempre aos principais protagonistas. Finalmente, decidiuse facer esa primeira inscrición pensando neses xogadores que querían competir, pero sabendo que en calquera momento se podía dar a situación de parar a actividade se a situación sanitaria non acompañaba. En todo momento o club apoiou totalmente a decisión tamén daqueles xogadores que non ían a xogar, xa que era lóxico polas distintas circunstancias persoais que podían motivar a súa opinión. Tamén se respectou totalmente aos equipos que se negaron a competir, xa que podían ter situacións que o imposibilitaran ou que non o viran axeitado.

A pesares de estar inscritos, o club entendeu a decisión final da Federación, xa que vimos como non tiña moito sentido facer unha competición na que a maioría dos equipos non estaban inscritos e, ata nos propios inscritos, as ausencias de xogadores eran notables. Ademais, acabouse demostrando que nos prazos marcados non era posible esa volta á competición.

«Imaxino un club que seguirá dándolle moita relevancia a formación de persoas»

Futbolin: Xa que de presente non podemos, falemos de futuro. Como será a SD Chantada do futuro?

AM: Falar de futuro no fútbol é arriscado. Depende da dirección de cada paso que se vaia dando, xa que o camiño elixido pode levarnos a distintos destinos. Non mellores ou peores, senón diferentes. Pero dando por feito que a dirección siga sendo a mesma, eu imaxino que o futuro da S.D. Chantada siga sendo similar ao que é neste momento. Pode ser que as categorías cambien, e sempre nos permitimos a licenza de soñar con estar competindo o máis arriba posible, pero os rapaces que foron avanzando nas distintas categorías inferiores do club e os que seguirán facéndoo, marcarán o nivel. Imaxino un equipo feminino xa máis que asentado e recollendo froitos dun proxecto no que a ilusión é a principal baza. Imaxino un club que seguirá dándolle moita relevancia a formación de persoas, xerando recursos humanos propios que se identifiquen plenamente coa súa filosofía. E imaxino un club con unha masa social moi a ter en conta nestes niveis e que sexa un extra para acadar obxectivos.

Futbolin: A nivel persoal o pasado verán deches un paso adiante ó coller a coordinación deportiva do club, que che levou a tomar esta decisión e con que metas ou obxectivos tomas o cargo?

AM: Basicamente aceptei a proposta pola confianza que me transmitiu a directiva en todo momento e porque vou a desempeñar esa función no club da miña vida. Dende que me incorporei para xogar naquel equipo cadete, pasaron case 14 anos nos que fun coñecendo o club dende distintas posicións, algo que me fai sentir capacitado para levar a cabo esta función. E que sexa na S.D. Chantada tamén ten moita importancia porque iso fai que me motive a dar ese extra, porque é certo que non me vexo de coordinador doutro club. Como máis desfruto deste deporte é como xogador (aínda que estou vendo que esta etapa pasa voando…) e agora especialmente como adestrador, algo que xa levo facendo 5 anos e no que quero seguir progresando, xa que realmente creo que vai ser esa a maneira de seguir ligado ao fútbol durante moitos anos máis.

En canto a obxectivos marcados, en todo momento a directiva e eu coincidimos na liña a seguir. Cremos que o traballo feito por Juan dende esta función foi moi positivo e si algo define o cambio é a palabra continuidade. O principal obxectivo é que siga adiante o proxecto dun club no que o seu forte sexa unha gran aposta pola xente da casa, tratando de potenciar a formación nas categorías inferiores e dándolle un impulso ao equipo feminino que tantas expectativas xerou estes anos. Claro que nos gustaría, por exemplo, que o primeiro equipo volvese á Preferente logo de acercarse moito nos últimos tempos, pero agardo que eses resultados se podan conseguir froito dunha dinámica de traballo e desta idea.

«Todos temos ese momento de saír da zona de confort e buscar seguir progresando»

Futbolin: Pensas que vas a ser un deses “home de club”?

AM: Doulle moito valor ao moito que aprendín dende dentro e a todas as vivencias das que tanto desfrutei, rodeado de persoas inmellorables. Por iso, agardo estar toda a miña vida ligado a este club, porque o valor sentimental pesa moito neste caso. Xa o teño comentado na casa, a S.D. Chantada é como unha parte máis da familia. Cos seus días mellores e peores, con tempadas nas que as cousas saen e noutras nas que non, pero forma parte de min. Pero a maneira de estar ligado irá cambiando, como é lóxico.

A etapa como xogador rematareina nel case ao 100% (por aquelo que din de que nunca se pode asegurar nada). Faime ilusión poder xogar con aqueles rapaces aos que adestrei durante tantos anos na súa etapa de formación. Tamén con aqueles que levo compartindo vestiario moito tempo. A figura de adestrador xa é distinta, depende de moitos máis factores ca un mesmo. Gústame moito adestrar e no club tamén estiven moi cómodo nesta faceta. Pero por uns motivos ou outros, neste rol seguro que vivirei outras experiencias que me axuden a seguir mellorando.

Todos temos ese momento de saír da zona de confort e buscar seguir progresando. O importante é saber darlle o espazo que merece, ser agradecido, independentemente de se é traballando dende dentro ou simplemente como un seguidor máis, como cando tiña 14 anos e estaba pendente da rolda informativa da Radio Galega para saber o resultado do primeiro equipo nos días que xogaba fóra da casa.

TRASTE NA A-56…

Un campo da provincia de Lugo?

Deixando a un lado o especial que será sempre o renovado Sangoñedo, creo que me quedaría con Cantarrana. Ambiente de fútbol de xeito especial. Un campo mítico que agora desfruta da terceira división.

Un campo da provincia de Ourense?

Gustaríame ter competido no campo de O Couto, pero non se deu a circunstancia. Máis pensando na etapa de formación, diría que Os Remedios.

Un lugar da provincia de Lugo?

Tiro moito pola casa. Chantada e a Ribeira Sacra, zona que hai que destacar nesta sección de camiño Lugo – Ourense.

Un lugar da provincia de Ourense?

A cidade de Ourense. Ao final os chantadinos facemos moitas visitas durante o ano.

Un compañeiro de vestiario?

Resulta imposible quedarme con un. Ao longo de tantos anos, compartes vestiario con moitas persoas e eu sentinme privilexiado realmente de poder aprender deles. A miña vida futbolística pasa por Chantada e de aí xa todo o mundo coñece referentes do club nese aspecto.

Un momento vivido no fútbol?

Se teño que quedarme con un, diría que o ascenso que vivín como xogador daquel xuvenil da S.D. Chantada a liga Nacional. Foi un ano espectacular para todos os que tiñamos a ilusión de facer historia co club do noso pobo e rodeado de amigos. Nese momento, recolléronse os froitos dun gran traballo de moitas persoas.

A-56: Traste (SD Chantada): «Competir, xóguese en Guntín ou na Peroxa»

O partido Fisioterapia Ronda . . .

A-56: Traste (SD Chantada): «Competir, xóguese en Guntín ou na Peroxa»

O anecdotario: «Cedrón, fomos nós», por Diego

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *