#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

A-56: César Rodríguez: “Xogaba con ficha falsa en Rexional para seguir no fútbol”

Se alguén pode dicir que está a medio camiño na nosa A-56 son os de Carballedo. Instalados nos límites administrativos da provincia de Lugo e de Ourense. Non obstante, un dos seus xogadores ilustres é considerado de Lugo cando xoga en terras aurienses. César Rodríguez Vázquez (Vilar de Monte – Aguada – Carballedo, 25-08-1992) protagoniza desta volta a nosa sección conxunta de Futbolinourense. Lidera co seu Atlético Arnoia o grupo ourensán da Preferente a dúas xornadas para o final da 1ª fase. Un futbolista que xogou de “ilegal” na Terceira Rexional para non perder polo fútbol, está ás portas dunha fase de ascenso á Terceira Divisón.

Futbolin: Como está o equipo?

César Rodríguez: No mellor momento da temporada. A chegada de Juanjo Vilachá deunos aire fresco. Estabamos algo desenchufados e trocou tamén o sistema de xogo. O obxectivo era quedar entre os dous primeiros e polo momento aí estamos. Se conseguimos o pase ao play off, o que intentaremos será o ascenso.

“A chegada de Juanjo Vilachá renovounos”



Futbolin: Alberto Álvarez deixou o equipo logo das primeiras xornadas, que pasou?

CR: Empezamos ben logo dun ano parado por mor da pandemia. O equipo ten bos xogadores, pero tivemos unha especie de falta de actitude ou baixón físico. O certo é que a chegada de Juanjo Vilachá renovounos.



Futbolin: Como viviu o vestiario a saída do míster?

CR: Pillounos de sorpresa. Non estabamos tan mal clasificatoriamente. Viñamos de perder en Barbadás que é un bo equipo pero estaba todo moi apertado entre os rivais.

Futbolin: Cambia moito xogar con este formato breve de competición?

CR: Digamos que todo se iguala. Levábamos moito tempo sen xogar, os encontros son todos derbis e os partidos son sempre igualados. Aínda que si que é certo que equipos como o Verín ou o Barbadás están chamados a estar arriba.

“Ambos adestradores déronme confianza polo momento”



Futbolin: Como te estás atopando a nivel individual?

CR: Moi ben. A temporada pasada cando chegou a pandemia xa estaba parado por culpa dunha lesión de xeonllo. Pero estoume atopando ben. Ambos adestradores déronme confianza polo momento.

Futbolin: Como se produciu a túa chegada ao Atlético Arnoia?

CR: Xa o ano pasado antes de fichar no Lemos estaban interesados en min. Seguían tendo moito interese e Ovenza foi clave. É moi amigo meu dende que eramos pequenos e el xoga alí. Estou moi cómodo e o grupo sorprendeume bastante para ben. Igual de cando xogabamos contra eles tiña outra imaxe. Pero agora paréceme un grupo espectacular persoalmente e tamén a nivel futbolístico. Todo o mundo está enchufado; tanto os que xogan como os que xogan menos. Somos vinte e pico sempre adestrando.

“O Lemos foi o mellor equipo no que estiven”

Futbolin: Non houbo opcións de seguir no Lemos?

CR: Si, pero por cuestións persoais decidín non seguir. Monforte quédame bastante lonxe e quixen reducir o tempo dedicado ao fútbol. Sinceramente non podo escoller un equipo porque en todos estiven cómodos. Pero o Lemos foi o mellor equipo no que estiven. Polo adestrador, os compañeiros, o sistema de xogo… daba gusto ir adestrar.

Futbolin: Veste con capacidade de xogar en Terceira?

CR: Rexeiteino unhas cantas veces por distintas circunstancias. Pero si que me apetecería. No caso de poder ascender, gustaríame intentalo. Ata que estea na categoría nunca se sabe nada. Eu sendo honesto veño de moi abaixo. Xoguei na Barrela en Terceira Rexional e algúns cos que estou xogando estiveron na base do Deportivo e incluso no Fabril.

Da Terceira Rexional á Liga Nacional Xuvenil

Futbolin: Non tiveches a oportunidade de xogar saíndo da túa contorna no fútbol base?

CR: Cando era pequeno xogaba no Cea en alevín cando eu tiña tres anos menos. Había fútbol sala tamén en Carballedo e xogaba alí. Unha vez o Chantada colléranos a uns cantos para ir xogar un torneo de Fútbol 7. Nese campionato chamáronme para facer as probar co Dépor, pero por motivos persoais non fun. Logo estiven media temporada no Calasancio en cadetes e na SD Chantada en xuvenís.

Futbolin: Xogaches antes en Terceira Rexional ca na Liga Nacional Xuvenil…

CR: Estaba no Barrela en Terceira Rexional con quince anos. Xogaramos contra o Chantada B e dende a SD dixéronme se quería ir probar cos xuvenís. Cheguei para adestrar co equipo B pero logo xa me subiu Óscar Méndez para o cadro de Liga Galega e conseguimos o ascenso a Nacional sendo titular case sempre.

Futbolin: Como lembras esa experiencia tan novo na Terceira Rexional?

CR: Xogaba con ficha falsa porque non podía…

Futbolin: Estará prescrito xa, non?

CR: Si si, iso espero. De feito, veume moi ben o de xogar aí. Eu no corpo a corpo era bastante delgadiño daquela. E había xente moi grande. Logo no Chantada en xuvenís eu metía o corpor e case sempre me pitaban falta.

Futbolin: Como lembras ese momento histórico tamén na SD Chantada co ascenso a Liga Nacional?

CR: Era o neno mimado de alí. Do Chantada leveime unha das amizades máis sanas grazas ao fútbol con Traste. E a Óscar Méndez débolle moito ao meterme a xogar en Galega e logo en Nacional. Quedei pichichi, fixen cousas nun campo de fútbol que antes non era quen. Esa xeración foi espectacular. Na segunda volta non perdemos ningún partido.

Futbolin: E antes de volver a SD en Preferente tamén pasaches pola Peroxa…

CR: Si, porque subimos de xuvenís facela pretemporada co primeiro equipo. Pero logo iamos ir para o filial que estaba en Segunda penso. Entón a min chamáronme da Peroxa que estaba en Primeira e decidín marchar. Alí o míster Toño deume moita confianza e quedei tamén de máximo goleador. Despois foi cando me volveron chamar do Chantada. Foi unha pena descender ese ano en Preferente pero fora espectacular. Competímoslle a todos os equipos e descenderamos por arrastres. Ata o Noia que ascendera dominando empatara en Chantada. No Sangoñedo sempre é difícil.

“Se non me lesiono vou xogar no Carballedo seguro”

Futbolin: Á par da túa faceta como xogador, es directivo do Carballedo. Como formas parte deste proxecto na túa vila?

CR: Teño moi boa relación con Adri que xa me adestraba cando estivera na Barrela. De primeiras quixo facer o equipo feminino e pediume axuda. Eu xa lle dixen que sen problema para o que fixera falta. Sorprendeume moito a idea do feminino ao ser unha zona na que non era habitual. Pero o que tamén me sorprendeu foi a cantidade de rapazas que se animaron e o seu compromiso. Iso animou a facelo conxunto masculino. É certo que somos un núcleo pequeno, pero hai rapaces de Chantada ao mellor que queren xogar máis e nos dámoslle outra opción. Posiblemente se estivesemos xogando os futbolistas de aquí poderiamos estar máis arriba.

Futbolin: Contemplas o de volver xogar na túa vila?

CR: Polo momento si que me gustaría seguir a un nivel un pouco máis alto. Pero se non me lesiono vou xogar no Carballedo seguro.

Futbolin: O Carballedo é un dos poucos exemplos de nacemento de equipo de fútbol. O habitual en Lugo e en Ourense é o contrario. É viable un equipo así?

CR: Hai que traballar moito. Adri e Iván movéronse moito pra facer socios. Preocúpanse moito porque os xogadores sigan enchufados agora neste tempo de pandemia. Creo que non se van desenchufar e van volver con gana.

Futbolin: Notas diferenza no fútbol lucense e ourensán?

CR: Penso que si que se nota. En Lugo quizais é algo máis físico. Por Ourense ao mellor tocan máis o balón. Pero non sempre é así. No Lemos iso non se cumpre, tocan o balón que dá gusto.

CÉSAR RODRÍGUEZ EN CURTO…

Foto: SD Chantada

Un campo da provincia de Lugo?

A Pinguela en Monforte.

Un campo da provincia de Ourense?

O Marco na Peroxa.

Un lugar da provincia de Lugo?

Vilar de Monte (Aguada), a miña aldea. Case lugar preferido tamén da provincia de Ourense porque está aí no límite (risas).

Un compañeiro de vestiario?

De cada vestiario saíu alguén especial. Ovenza agora no Arnoia e tamén na Peroxa, Dafonte no Lemos e Traste no Chantada.

Un momento vivido no fútbol?

O primeiro gol que marquei en Preferente no Sangoñedo contra o Noia. A xente criticaba na pretemporada que non iamos chegar a ningún lado e aquel gol celebrárase moito.

A-56: César Rodríguez: “Xogaba con ficha falsa en Rexional para seguir no fútbol”

O Partido Fisioterapia Ronda . . .

A-56: César Rodríguez: “Xogaba con ficha falsa en Rexional para seguir no fútbol”

O anecdotario: «Cando lle pitamos ao radar»,

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *