A 28ª xornada da Primeira Futgal, a análise
-
- 0
- 3min de lectura
Os Máxicos da Primeira afrontan a recta final da temporada con obxectivos claros no punto de mira. Hai quen procura o ascenso directo, mentres que outros conxuntos buscan salvar a categoría. Este último é o caso do Outeiro de Rei, que visita o feudo do San Lázaro co reto de saír da zona de descenso. No Luis Pallín, a SD Oural terá un ollo posto no que suceda nas Gándaras, pois o Outeiro é rival directo pola permanencia.
Porén, se os de Negrete superan na casa ao Racing Villalbés ‘B’, manterán a súa posición diante dos de Aarón Sánchez. O filial racinguista, en zona tranquila, procurará a victoria na parroquia sarriá. Outro cadro chairego que xa fixo os deberes é un Santaballés que visita o Arturo Pereiro, onde agarda un Castro moi en forma e que ostenta a segunda posición. Os de Dumi procurarán a victoria para achegarse ao líder, o Burela: o primeiro clasificado visita o Municipal de Xove nun vibrante derbi mariñán que promete intensidade e bo fútbol.
O outro derbi da fin de semana será protagonizado por Taboada e Chantada Atlético. Virtualmente salvados, ambos conxuntos procurarán dar unha alegría aos seus siareiros, ao igual que o Foz. Os de Pelayo reciben a un Pastoricense máis apurado na táboa nun fermoso partido entre dous dos equipos máis verticais da Primeira. Para os de Juanma, a victoria sería un sopro de aire fresco. Tamén o Monterroso buscará tres puntos en Cerdeiriños para marcar distancia coa zona baixa. Diante, un Lourenzá que sempre se erixe como un rival difícil, especialmente sobre céspede natural.
Na zona alta, a SD Chantada e a Residencia procurarán manter as súas opcións de promoción. A situación antóxase máis complicada para os da vila do Asma, que reciben no Sangoñedo a un Guntín nun estado de forma impresionante —seis victorias consecutivas—, mentres que os branquiazuis visitan a sempre incómoda Lomba, onde agarda un Meira que aínda soña coa salvación.
Por último, no Grupo 6, a Milagrosa recibe en Frigsa ao Vila do Corpus —que se atopa en terra de ninguén— e precisa superalos para saír da zona de descenso. Os de Madriles terán que facer da súa casa un fortín se queren acadar unha permanencia moi apretada na Primeira Futgal.