Nos primeiros anos da década dos 90, cando comecei a ver fútbol case que compulsivamente, e dunha forma moi modesta lle pretendía dar unhas patadas ao balón, sempre tiven claro que a portería era o meu sitio. Malia que non cheguei nin a xogar máis alá do fútbol base, e sen moito éxito, un sempre busca un ídolo no que fixarse. Gustábanme os porteiros con personalidade moi marcada, Jorge Campos, Chilavert … eran as referencias.
De tódolos xeitos necesitaba a alguén máis próximo, máis cercano e ninguén mellor ca Docobo, que daquela era o gardameta dunha S.D. Compostela que comezaba a poñerse de moda. Ademáis, pra presumir cos colegas decíalles que fora na clase de miña nai no colexio, que por outro lado era certo. Así que, convertiuse para min na referencia máis próxima do que era un porteiro de primeira.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/02/docobo-cromo-300x204.jpg)
Foto:www.todocoleccion.net
Ramón Ángel Fernández Docobo, nado en Ribadeo no ano 1962 pode presumir de ser o único ribadense na era moderna que chegou a debutar en Primeira (antes acadouno Lecube no ano 1928 xogando no Atlético de Madrid). Non foi un camiño curto nin doado, pero as gañas e a perseverancia fixeron que o lograse. Os seus primeiros pasos no fútbol comezaron na U.D. Xove Lago «con doce anos viñéronme buscar. Foi Silvestre Rúa, que era o seu presidente e fundador, que recorría a Mariña na búsqueda de xogadores para os equipos da base e un día apareceu na Rochela, na casa de meus pais, fun con él e alí pasei polos infantiles, cadetes e xuveniles«, recorda Docobo, que tamén xogou un ano no equipo sénior na daquela chamada Rexional Preferente «unha categoría aquel ano moi potente xa que só había un grupo en toda Galicia, non estaba dividida en Norte e Sur como actualmente«.
Previamente a dar o salto ao primeiro equipo do conxunto xovense, Docobo marchou un ano cedido ao Calasancio de Monforte. Según nos conta «nos xuveniles do Xove Lago xogamos unha promoción de ascenso á liga nacional xuvenil contra o Calasancio e perdémola pero ao ano seguinte conseguiron a miña cesión e xoguei con eles unha temporada na daquela máxima categoría xuvenil«.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Un ano máis tarde chegou a chamada do Deportivo da Coruña. Logo de pasar a pertinente proba, Docobo comezou a adestrar e a xogar co Fabril, onde estivo catro anos en Terceira División. Nese tempo, puido debutar co primeiro equipo en Segunda División, na temporada 81-82, froito dunha xornada de folga de futbolistas convocada pola AFE no mes de abril. O conxunto coruñés desprazou a Burgos aos xogadores do seu equipo filial, xogando así Docobo o seu primeiro partido en Segunda no Plantío ás ordes de Luis Rodríguez Vaz.
Logo de completalo seu periplo no Fabril, Ramón Ángel Docobo pasa a formar parte da primeira plantilla do Deportivo en Segunda División, tendo como adestradores a Aranguren e a Eusebio Ríos. Nesa etapa non gozou de moitos minutos e a cesión ao Lalín, daquela en Segunda B, foi unha gran saída, xa que dispuxo de minutos e acadaron unha gran clasificación na metade da táboa. Aquel ano militaban na categoría de bronce do fútbol español oito equipos galegos: Ourense, Pontevedra, Lugo, As Pontes, Bergantiños, Arousa, Arenteiro e o Lalín, que era adestrado por un xoven Fernando Vázquez que daba os seus primeiros pasos nos banquiños. Sirva como curiosidade que o gardameta suplente de Docobo aquela temporada era Luis César Sampedro, ex adestrador do C.D. Lugo e actualmente no Real Valladolid.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O seguinte ano retorna á plantilla do Deportivo para logo fichar pola S.D. Compostela na temporada 89-90. Esa temporada milita en Terceira División, acadando o ascenso á Segunda División B. Tan só un ano xogaron nesa categoría, xa que, a seguinte campaña case sen tempo para adaptarse voltan a acadalo ascenso a Segunda División. Esa temporada Docobo foi o xogador que máis minutos disputou, sendo un imprescindible para Fernando Castro Santos. «A etapa do Compostela foi moi bonita, para min algo histórico xa que empecei xogando en Terceira e logo logramos ascensos consecutivos polo que puiden debutar en Primeira, aínda que só fosen dous encontros»
O debut en Primeira División de Docobo coa S.D. Compostela, logo da memorable promoción ante o Raio Vallecano no desempate en Oviedo, fíxose de rogar e non tivo lugar ata a xornada 37 de liga nun campo histórico como é Mestalla. Os santiagueses saíron derrotados 4-1 e faltáballes sellala permenancia no último encontro en San Lázaro ante o Tenerife. Fixérono, co ribadense na porta e con goles de Ohen e Christensen. «É un recordo que che queda para toda a vida, poder xogar na máxima categoría«, asevera Docobo.
Non duda en afirmar que non ten memoria pra lembrar anécdotas daqueles anos «aínda que se nos xuntamos uns cantos sairían centos delas«. Soamente recorda unha frase do presidente Caneda «hai que carburar«, «era unha expresión que usaba para case todo, tiñamos que carburar» recorda rindo Docobo.
O seu único equipo fóra de Galicia foi o Castellón na temporada 95-96, onde alternou titularidade e suplencia, pero que non lembra de xeito grato, «foi un ano complicado, ademáis a partir do nadal tivemos moitos problemas para cobrar, pero por sorte puidose arranxar a situación»
A temporada 96-97 foi a da súa retirada. E fíxoo no equipo do seu pobo, no Ribadeo F.C. en Terceira División. Para Docobo «a mágoa foi non poder mantela categoría«.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Unha vez rematada a carreira profesional, foi adestrador do Ribadeo durante seis anos, en dúas etapas no equipo senior e na base, pero logo non seguiu nos banquiños «non teño o tempo nen a motivación suficiente para ser adestrador, é unha profesión á que lle hai que adicar moitas horas e non dispoño delas«.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/02/docobo-tenda-169x300.jpg)
Desde a súa retirada dos terreos de xogo rexenta xunto coa súa muller «Deportes Docobo«, unha tenda de material deportivo na Rúa Virxe do Camiño en Ribadeo. «Aproveitei que tiña aquí un local e puiden montar a tenda, e así sigo vinculado dalgún xeito co mundo do deporte, así o vexo eu, aínda que non é unha relación completa xa que se hai que adaptar a tódolos tipos de cliente. É un traballo que me gusta e que me serve para seguir adiante»