#Fútbol afeccionado

Palabra de… José Carlos Díaz: «Quince anos baixo os paos»

Quince anos, ese foi o tempo que eu botei no Iberia CF, toda a miña vida futbolística!!! E debín ser tan malo que ningún outro equipo se fixou en min, xa que nunca tiven oferta algunha para cambiar de club.

Ainda que pareza raro logo de xogar 15 anos ó fútbol, tardei en coller a paixón por este deporte. De neno, mentres os outros rapaces de San Miguel xogaban ó fútbol na praza do Souto, eu prefería andar en bici ou xogar a outras cousas, ainda que teño botado moitas pachangas con tal de non estar só.

Máis adiante xa sendo un rapaciño, con 13 ou 14 anos, o meu gran deporte era o baloncesto. Cantas horas xogando no patio do colexio co meu amigo Vila e con Toni de Popeye!!!… pero o feito de que en San Miguel non houbera equipo de basket e pese á insistencia de Vila por seguir os seu pasos hacia Ribadeo, decidín entrar a forma parte das categorías inferiores do Iberia FC.

Empecei na recén inaugurada categoría infantil, que daquela debía incluir as idades de 14 e 15 anos. Tras unha temporada nesta categoría viñeron 3 en xuveniles para xa na última empezar a dar o salto á categoría de adultos. Lembro que o meu debut co primeiro equipo foi en Alfoz, nun partido de copa. Un debut moi fugaz propiciado por unha desafortunada lesión do porteiro titular aquel día, Manuel, pero ó pouco de entrar eu no campo (vaia nervios!!!!!), lesionouse o árbitro, co que houbo que suspendelo partido. Nin 5 minutos xogados e únicamente tocara o balón unha vez, pero aquelo soubera a gloria….



Xa rematando a miña última tempada de xuvenil penso que tivera algunha oportunidade máis para xogar no equipo adulto, pero non lembro cantas veces nin contra qué equipos.

Plantilla do Iberia na década dos 90

Foi na miña primeira tempada como adulto cando empecei a consolidarme. Avalado pola persoa que máis empeño puxo en que eu saíra adiante nesto do fútbol, o por aquel entonces adestrador do Iberia, o focense Arturo. O pouco que fun eu no mundo do fútbol débollo nun 99% a este gran home, e dende aquela este gran amigo. El foi o que apostou por un rapaz alto, de pelo longo e coa falla de experiencia dos recén cumplidos 18 anos.

Pois dende os 18 ata os 30 anos, temporada tras temporada, enfundeime a camiseta do Iberia CF, todo un privilexo poder xogar tantos anos no equipo do teu pobo e no equipo do teu corazón. Houbo de todo, momentos moi bos e outros non tanto, victorias, derrotas, loubanzas, críticas, paradas e cantadas… Incluso nun par de temporadas cheguei a xogar tódolos minutos.



Para min xogar no Iberia foi un orgullo, pois penso que nos primeiros anos eramos un equipo moi querido na zona e case que admirado, xa que a base do equipo era xente nova da canteira, pero non só do propio San Miguel nin do Concello de Barreiros, senón tamén da Devesa, Remourelle, Trabada, Lourenzá…. formabamos unha gran familia cunha sóa ilusión, xogar ó fútbol.

Cun presuposto mínimo, o Iberia chegou a codearse cos todopoderosos Ribadeo, Foz, Burela … ainda que nosoutros sabíamos que esa non era a nosa guerra, nós eramos conscientes que o noso sitio era a Primeira Rexional e manternos ahí era o gran obxetivo.

No que sí eramos a envexa de todos, era polo campo que tiñamos, As Valgas, feito por aportacións da xente do pobo e con moito traballo e ilusión. Foi durante moitos anos un dos mellores campos de fútbol da provincia, algo que para nós era un orgullo.

Anos máis tarde, o Iberia do pobo, o Iberia de todos, ese equipo modesto, sufriu un cambio de identidade coa chegada como presidente dun constructor da zona, coa idea de levalo Iberia ó máis alto das esferas futbolísticas da provincia e a pretensión do ascenso a Terceira división. Para o meu pouco entender, aquí se foi acabando o glamour do Iberia, os canteiráns foron sustituidos por foráneos con altas cotizacións monetarias, pero que á hora da verdade non amosaban no campo o que se esperaba deles. Dentro destes foráneos hai que salvagardar a varios xogadores, como Alberto Bermúdez, José Benito, os irmáns De Las Heras e algúns outros rapaces que si ven chegaron como grandes fichaxes, souberon enseguida o que era o «sentimento Iberia» e se adaptaron ó equipo como se fosen da casa.



Para min unha das chamadas á miña retirada foi cando na contorna nos empezaron a chamar «os galácticos«, non era a idea que eu tiña do meu club. Non sei si acertadamente ou non, notei que a miña etapa no Iberia e no fútbol como xogador debía chegar ó seu fin, polo que decidín colgar os guantes e pouco a pouco me fun alonxando dos estadios, incluso como espectador, xa que ir ver un partido ás Valgas e só coñecer un xogador, pois non era o que máis me chamaba, así que fun cambiando as rutinas.

De todos estes anos quédome cos amigos que fixen, con moita xente que coñecín, coa alegría que che dá que ainda hoxe xente que nin coñeces te recoñeza e se lembre que «eras o porteiro do Iberia«. Como partidos máis lembrados, cómo non!!!! o primeiro derbi contra o Celta Barreiros, un día de fin de ano no Campo do Cascabeiro, no que gañamos 0-2. E tamén un partido no Estadio de San Lázaro fronte ó filial do Compostela, no que estivéramos a punto de dala sorpresa ante un numeroso público.

Cousas malas tamén houbo, ainda que se esquecen máis rápido, quizáis o peor era cando un veciño che chamaba burro ou te insultaba por algún erro cometido, pero tamén foi algo que che ensinaba o que sería a vida e te curtía.

Algo que tamén me dá algo de mágoa, é os poucos recursos que tiñamos naquela época para poder sair adiante neste mundo. Había rapaces que se tieveran a sorte de nacer noutro sitio poderían chegar a ser grandes xogadores, pero esa lotería non tocou e ahí estabamos 20 tíos detrás dun «Mikasa» que para rematar de cabeza había que pensalo antes, porque era igual que pegarlle a un cañó.

Hoxe en día e logo do meu paso pola S.D. Ribadeo, durante 8 anos como adestrador dos «mini» nas categorías inferiores do fútbol, estou moi desconectado deste mundillo e máis centrado nos meus propios fillos e no seu deporte, o atletismo, tratando de axudarlles en todo o posible, ensinarlles o pouco que sei, tratar de que non cometan os meus erros e darlles as posibilidades que a miña xeneración non tivemos.

José Carlos Díaz, foi porteiro do Iberia CF e posteriormente adestrador de categorías inferiores da SD Ribadeo

[themoneytizer id=»15360-16″]

Mery e Peque, da SCD Milagrosa, convocadas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *