Chega o Trío de Ases Panadería do Cantón e faino co triunfo do Racing Vilalbés cinco xornadas despois na Terceira RFEF. Os chairegos venceron pola mínima no campo do Gran Peña. A Sarriana empatou sen goles no feudo do Lalín e o Viveiro caeu diante do Silva na Grela.
Na Preferente, o Burela venceu no derbi provincial fronte ao Chantada, o Pol fixo o propio na súa visita ao campo do Dumbría e o Lemos gañou na Pinguela pola mínima ao Valladares.
TERCEIRA RFEF
A Sarriana resiste con dez no campo do Lalín (0-0)
Choque de estilos no Manuel Anxo Cortizo. A Sarriana optou por un fútbol combinativo fronte a un Lalín que buscou un xogo máis directo, dirixido polo ex técnico sarriao Iván Carril. Os de Alberto Mariano contaron con varias ocasións para adiantarse no marcador, mentres que os locais só eran quen de inquedar a través de centros laterais. A falta de dez minutos para o descanso chegou unha acción clave para o desenrolo posterior do encontro ao ver Keko o cartón vermello directo. A partir de aí o Lalín contou con dous disparos ao pao da portería defendida por Pirot. A nota negativa protagonizaouna o ex racinguista Santi Prado tivo que saír evacuado en ambulancia tras unha grave lesión producida ao tentar curtar un balón dividido.
Tras o intermedio, a Sarriana trocou de sistema e cedeu o balón a un Lalín que gozou de numerosos achegamentos á área rival, pero non de ocasións claras para marcar. De feito, a opción de gol máis clara chegou moi preto do final, ao sacar un defensor baixo paos un remate de Adri Rodríguez.
O Racing Vilalbés vence ao Gran Peña e volve a zona de play off (0-1)
Encontro aberto e con alternativas para ámbolos dous conxuntos o disputado en Barreiro. O Racing Vilalbés logrou adiantarse tras un centro de Borja Míguez que rematou a gol Javi Muiño. O Gran Peña tivo máis o balón, pero os de Juan Rodríguez ben situados en defensa non pasaron demasiados apuros e buscaron inquedar ao rival a través de transicións rápidas.
No segundo tempo, o Racing Vilalbés non pasou apuros salvo nalgunha situación de balón parado, e mesmo puido ampliar diferencias cun gol de Borja Míguez, que o colexiado anulou por fóra de xogo.

O Viveiro cae na súa visita ao Silva e segue na derradeira posición (2-0)
Non foi quen o Viveiro de sacar nada positivo da Grela, nun primeiro tempo no que o conxunto celeste non estivo atinado. Logo dun primeiro tramo de encontro no que os de Marcos Pereiro lograron gañar os segundos balóns e xogar en campo contrario, o Silva fíxose co dominio, sobre todo grazas ao seu poderío físico, e xerou situacións de perigo sobre todo a balón parado. No ecuador do primeiro acto, nun balón colgado á área, Jorge Cano puxo por diante aos locais cun bo remate. Aínda que o partido se equilibrou a partir do gol, o Viveiro encaixou outro tanto logo dunha acción por banda do Silva que rematou Parafita de cabeza no segundo pao.
Tras o paso por vestiarios, Marcos Pereiro deulle entrada a Huguito e Antón e os mariñáns foron a polo gol que os metera no partido e xeraron situacións de perigo moi claras. Huguito, Cora e Esquerdeiro, esta última a máis clara, tiveron nas súas botas o gol, pero non foi posible.

PREFERENTE FUTGAL
Triunfo traballado do Lemos fronte ao Valladares na Pinguela (1-0)
O Lemos contintua invicto e a un só punto do líder dun encontro difícil fronte ao Valladares. O conxunto visitante tivo controlado o encontro nos primeiros corenta e cinco minutos, dominando o medio do campo e xogando moi directo sobre os seus puntas. Os monfortinos non se atopaban cómodos e non eran quen de gañar segundas xogadas. Malia todo o marcador non se moveu no periodo inicial.
Alberto López realizou un triple troco no descanso e deulle entrada a Dafonte, Iñaki e Herrero e o xogo do Lemos mellorou notablemente. O cadro local dominou o xogo e chegou á área rival con perigo. Herrero e Caden gozaron de ocasións claras para marcar. O tanto chegou no tramo final, nunha rápida transición á espalda dos centrais que Herrero culminou cun bo tiro cruzado. O Valladares tentou o empate nos últimos intres por medio de balóns colgados á área, pero a zaga do Lemos neutralizou ben o perigo.

O Pol aplica a receita do Dumbría e gaña no Conco (0-1)
Catro vitorias e cinco empates en nove xornadas. O Pol visitou o campo do Dumbría e saiu vitorioso para manterse na zona nobre da táboa clasificatoria e invicto. O cadro local optou xogar repregado e cun fútbol moi directo sobre Souto, o seu dianteiro, fronte a un Pol ao que lle custou elaborar o seu fútbol. Co paso dos minutos, os de Ramón Labrada xeraron varias situacións de perigo, ata que moi preto do descanso chegou o único gol do encontro. E fíxoo coa fórmula local, cun balón colgado sobre Fito. Javi Liz sacou en longo, Ross prolongou e Fito definiu á perfección.
No segundo tempo o encontro seguiu a mesma dinámica. O Pol levou o peso do xogo fronte a un Dumbría metido no seu campo e que non logrou inquedar a Javi Liz ao longo dos noventa minutos. Malia todo, os chairegos non foron quen de sentenciar e o conxunto local nos últimos intres buscou a igualada mediante balóns colgados á área que a zaga do Pol foi quen de controlar.
O Burela gaña o derbi fronte ao Chantada e deixa a portería a cero por primeira vez na tempada (1-0)
O derbi provincial quedou na Marosa. O Burela entrou mellor ao partido e o gol non tardou en chegar. Anxo centrou e Yago rematou o balón ao fondo da portería nunha acción mal defendida polo Chantada. Non se viron moitas ocasións no primeiro tempo. O cadro visitante soamente inquedou a portería mariñá nalgunha acción a balón parado, mentres que o conxunto verde tentou ampliar diferencias con tiros desde fóra da área.
Tras o intermedio, o Chantada xogou máis en campo rival, aínda que sen a profundidade suficiente para optar ao empate. Malia todo, o Burela non foi quen de pechar o partido e a incertidume mantívose ata un final no que catro xogadores remataron expulsados, dous por cada equipo. Claudio e Diego Chao perderánse o seguinte encontro por parte do Burela e Sergio e Yago Bouzas no Chantada.

