Poucas veces se poden dar encontros como estos na Primeira Futgal onde o resultado pode parecer definitivo para os intereses de ambos equipos. Neste caso, o encontro da xornada de Caixa Rural viaxa cara o Estadio Roca, onde este domingo ás doce da mañá se medirá o primeiro clasificado do Grupo 3 ata o momento, o Racing Villalbés B, fronte ao segundo clasificado, a Residencia. A competición está poñendo a ambos como favoritos de cara á loita polo ascenso directo.
Os chairegos afrontan este encontro como locais e sabendo que son un dos equipos máis fortes da categoría na faceta defensiva. Ata o de agora, o traballo dos de Lamas borda a perfección con tan só dous goles encaixados en oito xornadas. No olfato goleador teñen un nome moi claro, David Gegunde, que xa leva oito tantos. Pero o atacante tamén vai ser a baixa máis importante do encontro, xa que un problema muscular non o terá no terreo de xogo.
Pola súa parte, a Residencia destaca, e moito, no seu apartado ofensivo. O desafío para a mellor defensa do campionato será frear ao mellor ataque, porque os de Rafa Casanova suman xa 27 tantos. Un motor que carbura e que deixa por detrás a moitos dos que, a priori, parecían os maiores candidatos. Os lucenses teñen moi claro que non poden ceder ningunha oportunidade despois do que aconteceu a campaña pasada se queren voltar á Preferente o máis rápido posible.
OS PROTAGONISTAS
Yago Miguélez, porteiro do Racing Villalbés B

Comezo de curso para o filial: A verdade é que hai poucas cousas que se poidan mellorar. É soñado porque non contabamos con estar nas xornadas que van ir así. É un comezo ideal.
Equipo menos goleado da Primeira Futgal: É moito mérito da defensa que teñamos tantas portas a cero. Non estamos cometendo erros e temos un rendemento moi bon. Levamos moi poucos tiros en contra e iso é moito grazas a todo o traballo que estamos facendo como equipo nesa tarefa.
Chave do encontro ante a Residencia: Creo que non é un partido moi diferente a todos os que levamos ata o de agora. Se mantemos o noso nivel e seguimos facendo as cousas tal é como as estamos facendo, penso que temos moitas posibilidades de levarnos o encontro.

Mauro Busi, dianteiro da Residencia

Comezo de curso para a Residencia: Creo que estamos facendo un bo traballo desde o inicio da tempada. O equipo está comprometido, estamos competindo ben e hai que seguir nesta liña, traballando con humildade e intentando mellorar cada semana..
Segundo máximo goleador da categoría: Estou contento co inicio de tempada, tanto polos goles como polas sensacións no campo. Ao final, o importante é axudar ao equipo e que os bos resultados sigan chegando. Oxalá poida manter esta dinámica durante toda a tempada.
Chave do encontro ante o Racing Villalbés B: Vai ser un partido moi complicado, contra un rival directo e que tamén está facendo unha gran tempada. Creo que a clave vai estar en competir como equipo, estar concentrados durante os 90 minutos e aproveitar as nosas ocasións. Oxalá poidamos levar os tres puntos.
A ANÉCDOTA
Pode ser un día de moitos goles no Roca pese a que as estadísticas de ambos equipos non o poidan plantexar desta forma. Se só vemos o histórico entre ambos equipos nos últimos anos, só nun encontro se marcaron menos de tres tantos. Agora, tamén hai unha realidade incontestable. Nos últimos catro, a vitoria foi en tres ocasións para a Residencia e na outra houbo un empate.
A AXENDA
Terceira RFEF
Lalín-Sarriana (domingo ás 17.00 horas no Manuel Anxo Cortizo): Era, case sen lugar a dúbidas, un dos encontros máis esperados da tempada en todo o fútbol galego e ademais chega cunha situación clasificatoria con moito en xogo. Son terceiro e segundo da táboa respectivamente, pero ambos están empatados a puntos na persecución dun Boiro que non pisa o freo. Un encontro espectacular no que os de Alberto Mariano queren sumar de tres.
Preferente Futgal
Burela-SD Chantada (domingo ás 16.30 horas na Marosa): A alerta de derbi queda máis que activada porque, pese a só levar nove xornadas de competición, é un encontro entre rivais directos pola permanencia. Os dous últimos campións do grupo 3 da Primeira Futgal volven a atoparse nos seus camiños para un encontro moi desputado e no que os tres puntos son moi importantes para salvar a categoría.
Primeira Futgal
Oural-Brollón (domingo ás 12.00 horas no Luis Pallín): Unha rivalidade de proximidade con lazos compartidos e un obxectivo común, aguantar un ano máis na Primeira Futgal. Os dous equipos están na media táboa con nove puntos, pero non se poden relaxar en ningún momento, xa que o Chantada Atlético está a catro puntos e con bos números nos últimos encontros.
Segunda Futgal
Antas-Paradela (domingo ás 16.00 horas no Castro Seoane): O primeiro e o segundo do grupo sur da Segunda Futgal mídense para desputar o liderado da categoría. A velocidade de ambos é practicamente calcada, sumando a mesma cantidade de puntos, 16. Iso si, o equipo que tamén estará vendo o encontro será o Friol, xa que en caso de empate poderían poñerse líderes en solitario.
Terceira Futgal
Casás-Comercial (domingo ás 16.00 horas no Municipal Rodríguez Lago 2): Este derbi lucense vai ser unha proba importante para ambos equipos. Os visitantes chegan como líderes da categoría, mentres que o Casás está cuarto a un punto. Co reñida que está a Terceira este ano, ningún dos dous pode deixar ningunha carta sen botar.
Fútbol feminino
Atlético Villalonga-PM Friol (sábado ás 17.00 horas en San Pedro): Despois do empate da semana pasada, o Friol ten diante dos seus ollos un encontro importantísimo a nivel clasificatorio. Seguen liderando en solitario, pero hai tres equipos a un só punto. Entre eles, está o Atlético Villalonga, equipo máis goleador da categoría con 32 tantos a favor.

