A sétima xornada da Segunda deixou, coma sempre, nomes propios. Xoel Laya asinou os tres goles do Cabreiros no triunfo en Román, un deles pateando o balón dende o saque do recanto. Mentres tanto, Xopi comezou cun gol olímpico a segunda vitoria consecutiva do Xove Lago.
A xuventude tamén pediu paso. Hugo Corredoira, aínda en idade xuvenil, entrou no segundo tempo para participar nos dous goles do San Roque despois de anotar catro co xuvenil o día anterior. No Monterroso B, o cadete Jesu completou un gran encontro na súa cuarta titularidade da temporada, aínda que os seus acabaron sucumbindo ante o Friol.
Na parte alta do grupo norte, o Pastoricense mantense líder con 19 puntos e tres de marxe sobre Guitiriz e Iberia. Os guitiricenses son segundos polo diferencial de goles e presentan a mellor xeira do grupo, con cinco vitorias consecutivas. O Alfoz queda a un punto de ambos e a Candelaria xa é quinta despois de encadear catro triunfos.
No sur continúa o triplo liderado. Antas, Paradela e Friol gañaron os seus encontros e alcanzan os 16 puntos. O Santa Comba queda cuarto con 13 e a Sarriana B, que ten un partido menos, mantense con 12.
GRUPO 1
O Pastoricense mantén o mando no derbi
O Pastoricense sumou a súa sexta vitoria da temporada ao superar ao Meira no derbi (3-0). O cadro do Acebreiro mantense no máis alto da clasificación con 19 puntos e acumula tres encontros sen encaixar gol neste inicio de Liga.
O partido chegou sen goles á media hora, cando Osky adiantou aos locais co seu terceiro tanto da temporada. Xa na segunda metade, Manupa resultou determinante tras saír dende o banco. O dianteiro asinou dous goles nun intervalo de catro minutos para conseguir o seu primeiro dobrete do curso e pechar o encontro.

A situación clasificatoria dos visitantes empeora. O Meira encadea cinco derrotas consecutivas e queda con catro puntos, en postos de descenso directo.

Cinco vitorias seguidas impulsan ao Guitiriz
O Guitiriz superou pola mínima ao Celta Barreiros (1-0) nun duelo entre dous equipos da parte alta. Os locais encadean xa cinco triunfos consecutivos, a mellor xeira actual do grupo.
O Celta tivo unha gran oportunidade para poñerse por diante na primeira metade. Mateo foi derrubado na área e Rocky lanzou o penalti, pero Jesús detivo o disparo. O Guitiriz foi medrando no encontro e acabou atopando o único gol na segunda metade por medio de Asier Bao.
Os visitantes reclamaron unha posible man na área local na acción anterior ao tanto, pero o partido continuou e o Guitiriz aproveitou a transición para marcar.
Os tres puntos colocan aos guitiricenses segundos con 16 puntos, igualados co Iberia pero cun mellor diferencial de goles. Ocupan así a posición que dá acceso á promoción de ascenso. O Celta queda con 11 puntos.
O próximo compromiso do Guitiriz será tamén de altura: visitará no Municipal ao Alfoz, cuarto cun punto menos.
O Alfoz gaña un duelo directo na parte alta
O Alfoz venceu ao Iberia (1-2) nun dos grandes encontros da xornada e alcanza os 15 puntos, a só un dos dous equipos que o preceden na clasificación.
Iván García adiantou aos visitantes ao cuarto de hora desde o punto de penalti, nunha acción moi discutida polos locais. O Iberia conseguiu reaccionar antes do descanso e Barrera estableceu o empate.
Xa na segunda metade, David Candia marcou o 1-2 aos poucos minutos da reanudación. O Iberia buscou a reacción, pero acabou ademais o encontro con dez pola expulsión de Marcos Pernas, que entrara no segundo período.
Catro triunfos seguidos para a Candelaria
Castro e Candelaria chegaban ao seu duelo atravesando un bo momento, pero foron os visitantes os que conseguiron prolongalo. A Candelaria venceu 1-2 e encadea catro vitorias consecutivas, que a sitúan quinta con 13 puntos.
Iván Maseda abriu o marcador e, arredor da media hora, Aleixo transformou un penalti para establecer o 0-2.
O Castro reaccionou na segunda metade e Muiña recurtou distancias. Os locais apertaron na procura do empate, mentres a Candelaria tivo que afrontar un segundo período no que sufriu tres lesións e acabou con dez pola expulsión do central Ramiro.
Aleixo continúa coa súa particular serie goleadora. Marcou nas últimas catro xornadas, nas que suma seis tantos. Muiña tamén viu portería e alcanza os sete.
Mondoñedo e Goiriz seguen da man
Chegaban ambos con dez puntos e marcharon tamén igualados de Viñas da Veiga. Mondoñedo e Goiriz empataron sen goles (0-0) nun encontro moi traballado no aspecto físico e táctico.
O Mondoñedo levou máis peso durante fases da primeira metade. O Goiriz tivo tamén un bo tramo tras o descanso e os locais acabaron apertando nos últimos minutos. Ambos dispuxeron de oportunidades para romper o empate.
O resultado deixa aos dous con 11 puntos, igualados tamén co Celta Barreiros.
O Goiriz continúa destacando polo seu balance defensivo. Só encaixou catro goles nas sete primeiras xornadas, a mesma cifra que Pastoricense e Iberia.
O Mondoñedo contou ademais na súa convocatoria con ata catro xogadores en idade xuvenil.
Un melidao triunfa en Román
Xoel Laya foi o gran protagonista da segunda vitoria da temporada do Cabreiros. O seu equipo venceu ao Catro Roldas (1-3) cun hat-trick do futbolista chegado este curso ao conxunto xermadés.
O encontro permaneceu sen goles durante boa parte da tarde. Arredor do minuto 70, Xoel conseguiu abrir o marcador cun lanzamento dende o recanto. Samu Orosa, ex xogador do Cabreiros, empatou antes de entrar nos últimos dez minutos.
Na recta final reapareceu Xoel. Marcou outros dous tantos, o último deles desde o punto de penalti, para completar o seu triplete e levar os tres puntos para Cabreiros. Nese tramo final foi expulsado Nacho Picaza, a recente fichaxe do Catro Roldas para a portería.
O triunfo permite ao Cabreiros alcanzar os sete puntos, mentres o Catro Roldas queda con catro en postos de descenso directo.
O Xove Lago colle impulso con gol olímpico de Xopi
O Xove Lago sumou a súa segunda vitoria consecutiva ao superar ao Abadín (1-2). Despois de estrear o seu balance de triunfos unha semana antes, os mariñáns alcanzan agora os sete puntos.
Xopi abriu o marcador cun gol olímpico e coa permisividade da defensa e portería local. O Xove dispuxo de ocasións para ampliar a diferenza, mentres o Abadín conseguiu manterse no partido ata chegar con opcións ao tramo final.
Foi entón cando Bufy conseguiu o empate para os locais. A igualdade durou pouco. Carlos Timiraos marcou de falta directa para establecer o definitivo 1-2.
O Abadín queda con seis puntos, os mesmos que o Riotorto, mentres o Xove confirma a súa reacción despois dun inicio no que lle custara atopar a primeira vitoria.
O Riotorto consegue o segundo triunfo
O Riotorto superou ao Xermade (1-2) nun encontro ao que ambos chegaban con necesidade de puntuar.
A primeira metade rematou sen goles e cun partido igualado. Xa no segundo período, Dante adiantou ao Riotorto nunha transición. Posteriormente, Nicolás Mazorra ‘Zurdo’ ampliou a diferenza ata o 0-2.
O Xermade non se entregou e Jose Adega conseguiu recurtar distancias, pero os locais non puideron atopar o empate.
O Riotorto tratou de manterse organizado atrás e conceder poucas ocasións para buscar as súas opcións ao contragolpe. No equipo notouse tamén a presenza de Manu Carreira, que estivera ausente nos anteriores encontros.
É a primeira vitoria despois da saída de Merino, con Miguilla botándolle unha man ao club mentres agarda pola chegada doutro adestrador. O Riotorto alcanza os seis puntos e sae do descenso directo. O Xermade, con tres, pecha a clasificación.

GRUPO 2
O Antas mantén o liderado cunha vitoria dedicada
O Antas continúa no máis alto da clasificación despois de vencer no campo do Rubián (2-3). Os visitantes dedicáronlle o triunfo ao seu delegado, Víctor Rodríguez, e aos seus fillos Martín e Hugo.
O Rubián entrou mellor no encontro e chegou ao descanso por diante grazas a un gol en propia porta de Garea.
A situación cambiou despois do descanso. Nico igualou cun gran disparo desde longa distancia e pouco despois asistiu a Portu, que resolveu ante o porteiro para facer o 1-2.
O Rubián reaccionou e César López devolveu as táboas ao marcador nunha acción a balón parado. No tramo final, Guy acabou decidindo o encontro co 2-3.
O Antas afrontou o partido con varias ausencias e tivo que completar a convocatoria con xogadores xuvenís. Con esta vitoria chega aos 16 puntos e conserva o primeiro posto no triplo empate da cabeza.
Portu, pola súa banda, leva tres xornadas consecutivas marcando e alcanza os oito goles.
Carba sostén ao Paradela no trío de cabeza
O Paradela remontou ante A Piringalla (2-1) para continuar compartindo o liderado con Antas e Friol. Carba, xogador da Carballosa, foi o autor dos dous goles locais.
A Piringalla sorprendeu moi cedo por medio de Manucho. O encontro mantívose competido e o Paradela tivo que agardar ata xusto antes do descanso para conseguir o empate, obra de Carba.
No segundo período, o xogador, que se moveu desta volta pola banda, volveu aparecer para completar o seu dobrete e a remontada.
O Paradela alcanza así os 16 puntos, mentres A Piringalla continúa con tres en postos de descenso directo.
Dúas faltas directas sosteñen ao Friol na cabeza
O Friol logrou a súa quinta vitoria da campaña ao superar ao Monterroso B no Anexo de Cerdeiriños (2-3).
Os visitantes comezaron con forza e aos dez minutos xa gañaban por dous goles. Bruno Castro abriu o marcador de falta directa e, pouco despois, Marcos Arias culminou un bo contragolpe para facer o 0-2.
O Monterroso B reaccionou na recta final da primeira metade. Yoni Mejuto e Jorge Cantillo conseguiron igualar o partido antes do descanso.
A segunda metade foi máis axustada, aínda que o Friol dispuxo das ocasións máis claras. O desenlace chegou nos últimos instantes. Outra falta na frontal permitiu a Samu Argerey marcar de golpeo directo o definitivo 2-3.
O encontro deixou ademais outro nome propio no filial monterrosino. Jesu, aínda en idade cadete, completou a súa cuarta titularidade da temporada e foi un dos máis destacados nos seus.
O Friol chega aos 16 puntos e mantense no triplo empate polo liderado. O Monterroso B queda con nove.
Táboas entre dous veciños na clasificación
Santa Comba e San Lázaro empataron (1-1) nun duelo entre dous equipos que chegaban próximos tanto na clasificación como na distancia xeográfica.
O San Lázaro adiantouse antes do cuarto de hora. Unha boa acción entre Cristian e Efrén Fociños acabou co tanto deste último.
A resposta do Santa Comba chegou antes da media hora. Un centro lateral percorreu a área e Diego Amarelo apareceu no segundo pau para establecer o empate.
O encontro estivo marcado polo xogo directo, as disputas e as transicións. Houbo poucas ocasións claras e os dous equipos xeraron boa parte do perigo nas accións a balón parado. O marcador xa non se moveu.
O Santa Comba queda cuarto con 13 puntos, a tres da cabeza, mentres o San Lázaro alcanza os dez.
Hugo Corredoira pide paso no San Roque
O San Roque venceu ao Portomarín (2-0) cunha aparición especialmente salientable na segunda metade. O xuvenil Hugo Corredoira entrou desde o banco e participou nos dous goles locais despois de marcar catro co equipo xuvenil o día anterior.
O encontro mantívose pechado durante boa parte da tarde. Os dous equipos dispuxeron de opcións e o empate sen goles resistiu ata o tramo final.
A entrada de Hugo acabou resultando determinante. O xuvenil participou na acción que acabou coa asistencia para que Yelko abrira o marcador. Co Portomarín xa buscando o empate, cambiaron os papeis: Yelko asistiu e Hugo asinou o 2-0.
O San Roque alcanza os dez puntos, mentres o Portomarín non consegue dar continuidade á súa primeira vitoria da temporada e queda con tres en descenso directo.
O Palas continúa medrando
O Palas venceu ao Incio (2-0) e alcanza os 11 puntos, que lle permiten situarse na sexta posición.
Os locais levaron máis a iniciativa, aínda que O Incio conseguiu manter o empate durante aproximadamente unha hora. Foi entón cando Martínez, xogador de Gundiá, abriu o marcador.
O Incio tratou de buscar algún punto no tramo final e asumiu máis riscos. Xa no desconto, o Palas aproveitou unha transición e Raxi estableceu o definitivo 2-0.
O Incio queda con seis puntos na 13.ª posición, xusto por riba dos postos de descenso directo.
O Ferreira frea á Sarriana B
O Ferreira superou á Sarriana B (2-1) nun encontro disputado e alcanza os nove puntos.
Fagín abriu o marcador mediada a primeira metade. O filial reaccionou e conseguiu chegar ao descanso coa igualdade grazas ao tanto de Cholas.
No segundo período, Rafa Vázquez transformou un penalti para devolverlle a vantaxe ao Ferreira. A Sarriana B buscou o empate no tramo final, pero non conseguiu atopalo.
A mala noticia para o filial chegou practicamente ao comezo do encontro. Camilo lesionouse nos primeiros minutos. O futbolista, incorporado este verán e un dos xogadores que viña destacando neste inicio ligueiro, estará previsiblemente de baixa varias semanas.
A Sarriana B queda con 12 puntos, aínda que cómpre lembrar que ten un partido menos. O Ferreira entra no triplo empate a nove con Monterroso B e Rubián.
O Corgo segue sen atopar a segunda vitoria
O Corgo empatou co Chantada B (2-2) e continúa sen conseguir outra vitoria despois de arrasar na primeira xornada.
Os locais golpearon moi cedo. David Peral marcou cun disparo desde fóra da área. O Corgo continuou xerando perigo, pero o Chantada B conseguiu empatar nunha acción a balón parado que acabou cun gol en propia porta de Gabi.
Antes do descanso, os locais tiveron unha oportunidade inmellorable para volver poñerse por diante. Xoia sufriu un penalti e asumiu o lanzamento, pero non conseguiu transformalo.
Xa na segunda metade, o Chantada B aproveitou un córner para completar a remontada momentánea. Tras un rexeitamento na área, Miguel Vázquez marcou o 1-2.
O Corgo pasou a levar máis peso do partido e acabou atopando o empate. Ethan controlou na área pequena un centro de Gabi e fixo o 2-2. Os locais continuaron buscando o terceiro, aínda que o Chantada B tamén dispuxo dunha opción no tramo final que resolveu Harry.
O punto deixa ao Corgo con cinco puntos e en descenso directo. O Chantada B chega aos oito e conta ademais cun partido pendente.


