O Muelle Bar trae unha nova semana de Máxicos, que deixou catro victorias visitantes, catro para os locais e tan só dous empates.
O Lemos ‘B’ empata en Nogueira de Ramuín (2-2). Chegaba con baixas o filial lemista e, pese a comezar por debaixo no electrónico no minuto 3′ de xogo, os monfortinos repuxéronse ben e gozaron dunha serie de ocasións consecutivas que acabaron no empate antes do tempo de lecer. A posta en escea do segundo tempo foi idéntica: gol temperán dos ourensáns no que o Lemos ‘B’ pecou de pouca experiencia. Mediada a segunda parte, un balón colgado á área e unha prolongación permitiu ao dianteiro lucense facer o 2-2.
Desde o 78′, o Lemos ‘B’ xogou en inferioridade e sufriu moitísimo: achicou balóns desde a zaga e mesmo viu como o Nogueira erraba unha pena máxima. Ao final, un punto moi sufrido e meritorio para os Máxicos lucenses.
O Chantada Atlético e o Monterroso empatan (1-1). Os Máxicos chantadinos comezaron mellor, pero un erro de concentración supuxo o 0-1 do Monterroso. Ao dominio posicional dos do Sangoñedo respondían os de Cerdeiriños cunha boa defensa, que se truncou cunha pena máxima moi protestada polos visitantes e que supuxo o 1-1. Na segunda metade, o partido tornouse de ida e volta e ambos equipos puideron anotar: o Monterroso viu como lle anulaban un gol, César enviou un balón ao pau e o corpo de Héctor evitou que un disparo do cadro monterrosino chegase á rede.
O Racing Villalbés ‘B’, máis líder tras superar á Residencia (4-1). Adiantáronse os branquiazuis cunha pena máxima que transformou Dani Renda no 1′ e, durante o primeiro cuarto de hora, a Resi foi mellor. Porén, o filial chairego gañou o pulso do partido paseniño e chegou ao tempo de lecer con boas sensacións. O descanso tamén lle sentou ben aos Máxicos chairegos, que introduciron cambios e subiron moito o ritmo de xogo.
Ao rápido empate local sumáronse varias ocasións que terminaron por traducirse na remontada e nunha victoria de moita autoridade (4-1) para un filial que vai moi en serio nesta Primeira Futgal.

O Brollón asola o Luis Pallín (0-6). Tan só houbo unha cor no feudo cementeiro. No primeiro minuto chegou o gol de Pacho á saída dun córner e, minutos despois, o mesmo protagonista fixo un golazo desde media distancia para poñer o 0-2 no 4′ de xogo. Non soubo reaccionar un Oural que tivo un día nefasto e que encaixou dous tantos máis antes do tempo de lecer. Os Máxicos da Pobra fixeron o 0-3 nunha transición e, pese a que Yago tivo o gol local nas súas botas, unha parede de Bilal e Leo rematou co 0-4.
Na segunda metade, o Brollón procurou controlar o choque e evitar sorpresas. Os de Monarca buscaron o gol e melloraron a súa imaxe, pero o día estaba para os visitantes, que fixeron dous goles máis para pechar un choque impoluto dos de Diego Rey.
O Guntín tira de efectividade para superar ao Foz (2-1). Un erro en saída de balón dos mariñáns supuxo o primeiro tanto do Guntín, pero o Foz soubo repoñerse e gañou presenza en campo rival para igualar o choque pouco despois cunha transición culminada por Asier. Co paso dos minutos, o partido atrancouse e tornouse máis pechado, ata que chegaron as lesións dos visitantes Lucas e Mista. O local Borja avisou cun balón ao pau e, pouco despois, un rápido contragolpe traduciuse no 2-1. Na última acción do choque, o Foz puido igualar nun remate que tería sido o empate a dous goles, pero o disparo foise fóra e os puntos quedaron no Ladairol
O Outeiro supera ao Lourenzá de Brenan (1-2). O cadro local cedeu o coiro ao Outeiro, que se adiantou cunha pena máxima e gozou dun tramo de bo xogo. Porén, a lesión de Revu condicionou aos Máxicos chairegos e o Lourenzá comezou a gañar peso no xogo. Xa no segundo tempo, cando mellor estaban os mariñáns, os visitantes aproveitaron unha transición rápida para duplicar a vantaxe.
A expulsión de Luis Alberto nunha xogada illada deu ás ao Lourenzá, que recurtou diferenzas nunha falta lateral e se envorocou na procura do empate, pero os de Rubén Candal minimizaron as opcións locais e sacaron tres puntos de ouro da Santa Cruz.
Quince minutos e dous irmáns decantan o Santaballés-Milagrosa (3-0). A Milagrosa errou dúas claras ocasións a balón parado no primeiro tempo, incluíndo unha gol pantasma que reclamaron os capitalinos. Tamén Leo puido adiantar aos seus antes dun tempo de lecer que mantivo a igualdade. Abel voltou errar para a Mila, mentres que o Santaballés conseguiu adiantarse por medio de David no 79′. Aí comezou a festa dos irmáns Rodríguez Novas, que anotaron dous tantos máis (2-0 Martín e 3-0 David) cando os Máxicos visitantes se envorcaban na procura dun gol. Ao final, os puntos e os goles foron para os da Liga.
Os seis primeiros Máxicos móvense en tan só seis puntos
O Ribadeo remonta na casa ante un combativo Folgueiro (4-1). O gol do Folgueiro aos 18 segundos de xogo puxo en valor a concentración e intensidade dos Máxicos visitantes, cun gran disparo de Aarón desde fóra da área. Costoulle ao Ribadeo coller o pulso do partido. Bruno empatou á media hora de xogo á saída dun córner e Iván aproveitou un balón á área cando se achegaba o descanso para culminar a remontada, 2-1.
Na segunda metade, un contragolpe levado por Castrín e culminado por Iván supuxo o 3-1. Xa na recta final, Cruña pechou o resultado para deixar tres puntos que os manteñen preto do líder da categoría.
O Escairón supera ao Becerreá de Richard (0-3). Os Máxicos locais estiveron máis cómodos no xogo directo que protagonizou a primeira media hora, pero Asier desnivelou o choque cun golazo desde o medio do campo. No primeiro minuto da segunda metade chegou o 0-2 cun centro-chut de Germán. Pouco despois, a expulsión do visitante Álex deu ás ao Becerreá, que insistiu moito e cargou a área do Escairón, pero non tivo fortuna de cara ao gol. Marzán puxo a sentenza ao rematar unha falta lateral, 0-3, para levar os puntos cara o Saviñao.
O Taboada cae ante un efectivo Cire (0-2). Os Máxicos lucenses fixeron unha boa primeira parte na que só concederon unha opción ao conxunto de Melide, que non estivo cómodo nos primeiros 45′ sobre o Canti. Xa no segundo tempo, o plan de partido local funcionaba á perfección: o Taboada estrelou un balón no longueiro e o Cire non chegaba con claridade. Restaban tan só 8 minutos cando, tras un saque de banda a prol dos visitantes, chegou o gol coruñés. Os branquiazuis envorcáronse na procura da igualada, pero Guerreiro non atinou de cara a porta e, no 90′, o Cire fixo un gol olímpico para pechar o choque, 0-2.


