Houbo gol en todos os campos nos que se competiu e tan só dous conxuntos deixaron a portería rival baleira. A nova semana deixou varios partidazos na provincia.
O Ribadeo supera a un Lourenzá de circunstancias (1-6). A dimisión de Rubén Acebedo a semana previa, as baixas e a carga de minutos dos rapaces xuvenís condicionaron ao cadro local, que competiu ben pero acusou moito o ritmo que impuxo o Ribadeo. Os celestes anotaron dous tantos na primeira metade e baixaron os brazos nun segundo tempo no que os do Pepe Barrera non deron opcións a un conxunto que dirixiu Brenan de xeito interino.
Outeiro e Santaballés suman e seguen (1-1). O Santaballés foi dominador na primeira media hora e conseguiu adiantarse por medio de Alberte logo dunha acción de fútbol directo. O Outeiro desfíxose da presión co paso dos minutos, provocou unha pena máxima e igualou desde os once metros. Xa na segunda metade, e aínda que Alberte puido facer o segundo, os locais foron superiores. Co paso dos minutos, o cadro de Rubén Candal errou tres claras ocasións que lle terían dado a victoria. Ao final, dadas as alternativas vistas en cada parte, o empate a un gol fixo xustiza no Municipal.

A Milagrosa acusa a falta de gol diante do líder (0-2). O cadro local presionou moito a un Racing Villalbés que tratou de facer dano con envíos ás costas. Porén, a defensa local estivo moi sólida no primeiro tempo e o xogo non deixou grandes ocasións de gol. Na segunda metade, Leo puido anotar o gol branquivermello cando aínda reinaba o empate cun disparo ao pau, pero os chairegos tiraron de efectividade cun zurdazo de Alexandre. Migui pechou o choque con mestría cando a Milagrosa xa estaba envorcada na procura do empate. Ao final, 0-2 no Gorgoso.
Milagrosa e Chantada Atlético quedaron sen o premio do gol
A Residencia cociña un bo resultado ante o Chantada Atlético (4-0). O Chantada Atlético viuse superado no cuarto de hora inicial, pero medrou pouco a pouco no xogo e controlaba o partido cando chegou o primeiro gol local. Á volta dos vestiarios, o segundo tanto branquiazul foi un xarro de auga fría para os da vila do Asma, que perderon a cara do partido e encaixaron dous goles máis. Os «ingredientes» de Rafa Casanova permiten á «Resi» seguir de preto ao líder da competición logo dun partido que se afeou polas expulsións de Torres e de Alonso por unha lea entre eles.
O Monterroso deixa o derbi en Cerdeiriños (3-1). O dominio inicial do Monterroso traduciuse en dous goles na primeira media hora de xogo. Coa vantaxe no electrónico, os vermellos perderon fuelle e o Taboada deu un paso adiante. David Potente fixo o gol que daba esperanza a un cadro branquiazul que tirou de coraxe no segundo tempo e que tivo contra as cordas a un Monterroso que se lamentou de non ter pechado o partido cando puido. Xa co tempo cumprido chegou a sentenza local co terceiro gol (3-1) que deixou moito máis que tres puntos no feudo monterrosino.

O Oural de Monarca saca un gran punto de Melide (1-1). Os coruñeses propuxeron un fútbol combinativo e vistoso, mentres que o cadro sarrián fixo moito dano con contragolpes moi ben lanzados. Houbo que agardar ata o segundo tempo para ver goles. Borja puxo o primeiro para o cadro local á volta dos vestiarios, pero o Oural non deixou de crer na súa idea e obtivo o premio á súa intensidade cun gol de Weimar para darlle un punto de ouro ao cadro cementeiro.
O Guntín vence nun dos campos máis duros da categoría (1-2). A boa posta en escea dos locais truncouse co 0-1 do Guntín, no que os locais protestaron fóra de xogo. Pouco despois, os laranxas viron como se lles anulaba outro tanto, neste caso por unha dubidosa posición incorrecta. A expulsión de Damián fíxolle moito dano aos dos Medos, que axustaron liñas no tempo de lecer pero encaixaron o 0-2 nunha transición rápida dos visitantes. Mediado o segundo tempo chegou o 1-2, que puxo contra as cordas a un Guntín que non sentenciou e rematou pedindo o asubío final na Pobra, pero levou os puntos cara o Ladairo.
O Foz despega a costa do Becerreá (3-1). O Becerreá repúxose dun mal inicio co paso dos minutos e foi quen de adiantarse logo de varias ocasións locais. Un centro lateral supuxo o empate antes do descanso e, xa no segundo tempo, o Foz fixo o segundo para dar a volta ao resultado. Os visitantes estiveron a piques de igualar con fútbol moi directo diante dun conxunto mariñán que tampouco estivo atinado de cara a gol. Nos intres finais chegou a sentenza do Foz ante os da Montaña, que seguen na procura da súa primeira victoria.
O Escairón non dá opción ao Folgueiro (7-2). Houbo dous partidos moi distintos no Saviñao. Na primeira metade, o bloque baixo mariñán dificultou moito a un Escairón que conseguiu o 1-0 nun centro lateral, pero o Folgueiro fixo o empate pouco despois. O gran gol de Isma, desde o medio campo e ás beiras do descanso, deu aire novo ao cadro local, que mellorou moito cos cambios e dominou de principio a fin a segunda metade, ata chegar ao resultado definitivo de 7-2 no Municipal.
O Lemos ‘B’ supera con contundencia ao Lamela (3-0). O temperán gol monfortino (Pallín no 4′) deu moitas táboas a un cadro lemista que soubo manexar perfectamente o resultado. A ansiedade visitante fíxose notar e os da vila do Cabe duplicaron a vantaxe á media hora de xogo. Desde ese intre o partido estivo marcado polas constantes disputas no centro do campo e pola intensidade de ambos conxuntos, sen grandes ocasións para ningún. Pallín, un dos Máxicos da xornada, pechou o encontro co definitivo 3-0 no tempo engadido.


