#Sin categoría

Viveiro e Racing Vilalbés empatan no derbi provincial

Foto de portada: Mundito Carballo Durán

O Trío de Ases Panadería do Cantón desta xornada déixanos pleno de empates dos nosos representantes na Terceira RFEF. No derbi de Cantarrana, Viveiro e Racing Vilalbés igualaron nun derbi vibrante, mentres que a Sarriana sumou un punto na súa visita ao campo do Barco.

Na Preferente, o Lemos goleou na Pinguela ao Cultura Areas e segue segundo xusto antes da súa visita ao campo do líder, o Marín. O Pol empatou no campo do Carral, mentres que o Chantada caeu no feudo do Dumbría e o Burela fixo o propio na Marosa fronte ao Sigüeiro.

Terceira RFEF

O Racing Vilalbés suma a cuarta xornada sen gañar tras igualar no derbi fronte ao Viveiro (1-1)

O encontro comezou cun Viveiro que quixo levar a iniciativa do xogo fronte a un Racing Vilalbés establecido nun bloque baixo agardando para saír á contra. Borja Míguez aproveitou un balón á espalda da defensa tivo a primeira para os visitantes, e noutra acción semellante chegou unha acción clave. O dianteiro caeu na área nunha acción fronte ao central Diego e colexiado sinalou penalti, nunha acción protestada polos mariñáns. Borja Míguez convertiu a pena máxima e obrigou ao Viveiro a tomar algún risco na procura do empate. Os de Marcos Pereiro foron superiores no tramo final do primeiro tempo e tiveron ocasións para establecer o empate, a máis claras do debutante Lucas, que entrou no campo tras a lesión de Arturo.

Tras o paso por vestiarios, o Viveiro saiu mellor e logrou igualar o partido nun lanzamento de falta directo de Rolle. Foron os mellores minutos dos celestes no derbi. Peli e Jacobo contaron con boas opcións para adiantar aos locais. Co paso dos minutos, o Racing Vilalbés volveu a medrar no partido e en varias transicións contaron con opcións para marcar. Adri Castro, Javi Muiño e Rodri Alonso puideron decantar o partido para os de Juan Rodríguez no tramo final.

A Sarriana iguala un difícil encontro no campo do Barco (1-1)

Partido con dúas metades ben diferenciadas. Na primeira, o Barco fíxose co control do xogo sobre todo a través das rápidas contras e cun gran repliegue para evitar que a Sarriana xerara perigo diante da portería defendida por Imanol. O cadro local adiantouse no marcador sobrepasada a media hora de xogo, nunha acción de estratexia, que culminou Raúl Arias cun remate desde dentro da área. Os de Alberto Mariano apenas xeraron ocasións de gol nos primeiros corenta e cinco minutos.


A entrada de Keko no segundo tempo deulle outro aire á Sarriana e os visitantes colleron o temón do encontro. Os sarriaos reclamaron un penalti sobre Osián, antes de que Adri Rodríguez rematara ao fondo da portería un bo servizo de Álex Pérez. No tramo final, Pascu contou cunha boa opción de gol, que malia a fallida intervención do gardameta non rematou na portería.

Preferente Futgal

O Lemos golea ao Cultural Areas e segue a punto do liderado (5-1)

Encontro de claro dominio local desde o comezo ata o final. O Lemos practicou un fútbol combinativo e unha presión moi alta ao seu rival, que propiciou un bo número de ocasións de gol. O primeiro tanto chegou aos catro minutos de xogo, obra de Herrero ao converter unha pena máxima cometida sobre Aragón. O segundo tanto chegou logo dunha combinación por banda, centrou Herrero e rematou Youness no segundo pao. Aragón puido deixar o choque visto para sentencia antes do descanso, pero non atinou no man a man diante do gardameta visitante.

O segundo tempo comezou tal e como rematou o primeiro, cun Lemos dominador e chegando á área rival nun bo número de ocasións por medio de Caden, Iker, Youness e Herrero. O terceiro tanto tivo os mesmos protagonistas que o segundo. Herrero serviu e Youness rematou a gol. Iker, tras unha boa combinación con Caden fixo o cuarto e o quinto levou a sinatura do británico. Nada máis sacar de centro, o Cultural Areas marcou o tanto da honra.

O Pol segue invicto logo de sumar un punto no feudo do Carral (2-2)

Mantense en zona de play off un Pol que é o único conxunto invicto do grupo norte da Preferente Futgal. O Carral defendeu nun bloque moi baixo na procura de saír con perigo á contra, aínda que non estiveron atinados. Ao Pol atrangantóuselle a defensa local e apenas foi quen de inquedar a portería rival no primeiro tempo, salvo nun remate de Fito que bateu no pao e nun testarazo de Dani Montes que marchou fóra. Moi preto do descanso, o Carral adiantouse por medio de Jony nun rexeite tras un saque de esquina.

Tras o paso por vestiarios, o Pol saiu moito máis incisivo e cun espectacular Javi Rey os de Labrada lograron remontar con dous goles do mediapunta lucense, o máis destacado do conxunto chairego. Malia todo, o marcador favorable non foi duradeiro. Nunha perda de balón, novamente Jony empatou o choque. No tramo final, Javi Rey e Hugo Buide puideron facer o terceiro para o Pol.

O Chantada suma unha derrota cruel no campo do Dumbría (2-1)

Cae a postos de descenso o conxunto chantadino logo da súa visita a un Dumbría que non coñecía a vitoria. Os de Traste, que acudiron ao encontro moi lastrados polas baixas, sufriron no comezo do choque por mor do fútbol directo dos locais, que contaron con chegadas perigosas á portería defendida por Moncho. O Chantada estirouse co paso dos minutos e Brais Mariño, a pase de Damián, a piques estivo de facer o primeiro. Na seguinte acción o propio Brais Mariño logrou o tanto, grazas a un bo disparo que non puido deter o gardameta local.

No segundo tempo, o Chantada optou por cederlle o balón ao rival na procura de transicións rápidas. Os chantadinos conseguiron o seu obxectivo durante boa parte do encontro. Non concederon ocasións e Michi estivo moi preto de facer o segundo e sentenciar o choque cun disparo ao pao. A sorte non estivo do lado dos de Traste e os locais remontaron no tramo final. No minuto 85 Pablo Costa rematou ao fondo da portería unha falta lateral e Toni fixo o segundo ao aproveitar un rexeite xa co tempo cumprido.

Derrota do Burela na Marosa fronte ao Sigüeiro (2-3)

O Burela continua en zona de descenso penalizado en boa medida polos numerosos goles recibidos. O forte vento condicionou o xogo de ámbolos conxuntos na Marosa. O conxunto visitante logrou adiantarse nunha rápida contra que culminou Peli. O Burela non tardou en reaccionar e fíxoo cun espectacular gol olímpico de Jairo López. Os de Julio Castro realizaron bos minutos e a piques estiveron de lograr o segundo tanto. Sen embargo, este caeu do lado visitante, noutra contra finalizada desta volta por Iker.

No segundo tempo, o Burela empurrou na procura do tanto do empate, aínda que sen a claridade suficiente para logralo. O Sigüeiro, cando transcorría o minuto quince do periodo final, fixo o terceiro tras un pase filtrado que rematou ao fondo da portería Cristian. Os trocos déronlle osíxeno ao Burela que non se veu abaixo e David Ben recurtou diferencias a falta de cinco minutos para o final ao rematar un centro lateral. Nos últimos intres, as ocasións para os locais sucedéronse, sen acerto.

Viveiro e Racing Vilalbés empatan no derbi provincial

Jacobo (Viveiro): «Vin o vídeo da parada

Viveiro e Racing Vilalbés empatan no derbi provincial

Viveiro e Racing Vilalbés empatan no derbi