O empate protagoniza unha nova xornada da Primeira Futgal

O Muelle Bar trae consigo unha semana máis dos Máxicos da Primeira Futgal, que se saldou con sete empates, dúas victorias visitantes e tan só un triunfo local.

O duelo entre enxeirados sáldase cun empate sen goles (0-0). O Racing Villalbés ‘B’ levou a iniciativa do xogo e o Outeiro mantívose nun bloque medio-baixo que dificultou o fútbol local. As caídas de Gabri á banda permitiron ao filial chairego chegar con perigo, pero non concretaron as súas opcións.

Na segunda metade, a expulsión de Cadenas obrigou aos visitantes a pechar máis as súas liñas e aupou ao Racing. Con todo, o xogo combinativo local atascouse e o Outeiro puido anotar nun balón parado rematado por Navia. Na recta final puido chegar o gol local nun remate que detivo con mestría Alberto. Ao final, 0-0 nun partido no que o Racing propuxo bo fútbol, pero no que o Outeiro contivo ben os ataques rivais.

Sete empates protagonizaron unha xornada na que tan só o Taboada foi quen de gañar na casa

Táboas no Sangoñedo entre Atlético e Milagrosa (1-1). A intensidade da Milagrosa notouse na primeira media hora e Leo conseguiu o gol visitante logo dunha boa xogada combinativa cun disparo desde fóra. O Chantada Atlético mellorou moito na segunda metade e conseguiu o empate ao pouco de reanudar o xogo. Ian tivo nas súas botas o segundo dos capitalinos e, desde ese intre, os da vila do Asma apretaron moito ao seu rival, pero Fabián fixo unha gran actuación para manter o empate no Sangoñedo nunha tarde de fútbol moi vistoso.

O Foz asalta O Vicedo para afastar a zona quente (0-2). Os focenses comezaron mellor e, logo dunha boa ocasión que detivo Javi, Asier transformou unha pena máxima protestada polo Folgueiro. O 0-1 fixo dano a un cadro local que non se repuxo ata o segundo tempo, cando subiron as súas liñas e dispuxeron dunha ocasión de Hugo e outra de Oki. O Foz perdoara no primeiro tempo, pero tiraron de efectividade nunha transición na que Mista aproveitou o rexeite logo dun tiro de Asier. Desde ese intre, os de Boa Vista abriron moitos espazos e concederon oportunidades aos Máxicos visitantes, pero non houbo máis goles.

Outro empate sen goles entre Santaballés e Lourenzá (0-0). A intensidade, as disputas e as segundas xogadas foron protagonistas na Liga. Os dous conxuntos amosáronse moi sólidos en defensa e trataron de minimizar as oportunidades rivais. A expeción dun penalti a prol do Santaballés mediado o primeiro tempo, non houbo oportunidades destacadas. De feito, o Santaballés errou a pena máxima —que antes protestara moito o Lourenzá— e o empate imperaba no electrónico cando chegou o descanso.


Os plans de partido de Cholas e Rubén cumpríronse ata a recta final, cando os Máxicos chairegos deron un paso adiante e afundiron ao Lourenzá no seu campo. A base de centros laterais e balóns parados, o Santaballés fixo méritos para anotar, pero a soberbia actuación do cadro ‘fabeiro’ traduciuse no reparto de puntos na Chaira.

O Taboada faise forte no ‘Canti’ a costa da Residencia (2-1). A presión alta local dificultou o fútbol combinativo visitante, pero a Residencia colleu o pulso do partido paseniño. Porén, un disparo afastado de Quintás traduciuse no 1-0 antes do tempo de lecer, o segundo gol do lateral en dúas xornadas consecutivas. No segundo tempo, Mosky duplicou a renda rapidamente e, desde ese intre, os de Rafa Casanova dominaron o xogo: con varias ocasións e cun home máis sobre o verde, gozaron de oportunidades, recurtaron diferenzas cun penalti e procuraron o empate, pero a boa actuación da zaga e do gardamallas locais deixaron os puntos na Medela, 2-1.

Oural e Monterroso igualan no Luis Pallín (2-2). Os Máxicos locais dominaron nunha primeira parte na que xeraron perigo con centros laterais e neutralizaron o xogo directo do Monterroso. Cando se achegaba o tempo de lecer, os sarriáns fixeron o 1-0 e chegaron con vantaxe ao descanso. No comezo da segunda metade, a disposición dos visitantes traduciuse no empate de Fernandito. Lorenzo completou a remontada cun lanzamento de penalti. Co paso dos minutos e lonxe de baixar os brazos, o cadro cementeiro acadou o empate definitivo cun gol de Goyanes no engadido que facía xustiza ao visto sobre o céspede dun Luis Pallín que desfrutou do último partido de Jorge á fronte do conxunto do Oural.

O Guntín consegue un bo punto ante un rocoso Melide (1-1). Houbo unha parte para cada equipo no Ladairo. Os coruñeses foron mellores no primeiro tempo, ao estar máis intensos e presentar un bo fútbol, froito do que o marcador sinalaba un 0-1 no tempo de lecer. Os de Germán Campos, porén, reaccionaron tras o parón e foron absolutos dominadores do duelo no segundo tempo. Dani Pérez puxo o empate mediada a segunda metade e, desde aí, os Máxicos laranxas tiveron opcións para culminar unha remontada que non rematou por chegar nunha vistosa tarde de fútbol.

O enésimo empate da tarde foi en Ribadeo (1-1). O Atlético Escairón fixo unha proposta de fútbol sólida e o Ribadeo atopouse con atrancos en ataque. Porén, Santi tivo unha oportunidade clara para adiantar aos seus e, pouco despois, Iván puido anotar cun disparo que rematou en saque de esquina. Nese córner chegou o gol celeste cun remate de Bruno. Os do Saviñao tardaron en reaccionar e sufriron durante uns intres, pero conseguiron o empate nun contragolpe finalizado por Oski.

Na segunda metade, os visitantes entregaron o coiro ao cadro mariñán, que tivo pouca claridade ofensiva, aínda que puido anotar cun lanzamento á trave de Cruña e nun barullo da área xa no tempo engadido. Tamén Germán puido facer o segundo gol visitante cun tiro desde a frontal, pero o empate impúxose no Pepe Barrera.

O Brollón remonta e afunde ao Becerreá (1-2). Unha das dúas victorias visitantes da semana tivo lugar nun Municipal de Becerreá que xa non tiña a Javi Gómez como adestrador. Meko dirixiu aos da Montaña, que se adiantaron na primeira metade cun balón directo logo das dúas primeiras ocasións visitantes. Kevin puido duplicar a vantaxe cun disparo ao pau antes do descanso e, xa no segundo tempo, o Becerreá tamén estivo a piques de facer o segundo nunha clara ocasión.

O Brollón mellorou paseniño a súa imaxe: mediada a segunda metade, Pacho fixo un gran desmarque para definir diante de Dani e lograr o empate. Pouco despois, o propio Pacho fixo o segundo cun golazo desde a esquina de área. O cadro local procurou o empate con balóns parados, mentres que os da Pobra puideron ampliar a vantaxe con transicións, pero o electrónico non se moveu máis no Municipal.

O Francelos «rouboulle» o empate ao Lemos ‘B’ no engadido

Ao Lemos ‘B’ escápanselle dous puntos no último intre (1-1). O filial lemista chegou a Francelos con moitas baixas, pero estivo moito mellor que os seus rivais na recta inicial, aínda que non gozou de grandes ocasións. Pouco despois de comezar o segundo tempo, unha boa xogada por banda dereita e un gran disparo de Iván Da Silva supuxo o 0-1.

O Francelos subiu as súas liñas e tratou de castigar aos da vila do Cabe con balóns ás costas aos que estaba moi atento Fernando. Porén, cando xa pasaban seis minutos do 90′, o ourensán Damián asinou un golazo que deixou aos de Yesi coa mel nos beizos logo dun partido moi serio no que tan só conseguiron un empate.

empate