O medio dixital Futbolinlugo e El Progreso alíanse polo balompé da provincia. Por oitava vez presentan conxuntamente a Guía Fútbol en Lugo, a publicación que analiza os equipos do fútbol afeccionado sénior que xogarán nas distintas ligas esta tempada. A novidade é a presenza do Viveiro, do Rácing Villalbés e da Sarriana.
A Guía estará dispoñible a partir deste venres 11 de setembro. Poderase adquirir nos puntos de venda de El Progreso en toda a provincia e noutros concellos limítrofes, como é o caso das Pontes. O prezo por exemplar mantense en 2 €.
A Guía de todxs
“A de todxs” é o lema do spot promocional desta publicación. A peza audiovisual fai referencia á principal novidade desta edición: a inclusión dos equipos lucenses masculinos que xogan na Terceira RFEF.
A pesar da súa condición de liga estatal, os responsables da publicación consideran xusto que tres equipos de referencia na provincia coma Viveiro, Villalbés e Sarriana aparezan nas páxinas da considerada a actual biblia do fútbol provincial.

Por esta razón, o protagonista do spot é Brais Prieto. O xogador, natural de Frexulfe (O Valadouro), pasou xa polos tres representantes da provincia na Terceira RFEF masculina. Debutou co Viveiro na temporada 2021/22 e, nesa mesma campaña, fichou pola Sarriana, onde estivo tres cursos e medio. Este verán, chegou a Vilalba e a pasada fin de semana xogou os seus primeiros minutos coa camisola vilalbesa en Terceira RFEF.
Prieto exerce un pouco de detective e outro pouco de pillabán para resolver a problemática da falta dos equipos da 3.ª na Guía. Bota contas, estuda os datos dos capitáns e, por fin, resolve o conflito. As voces de Arturo Calvo (Viveiro), Alberto Lamas ‘Make’ (Rácing Villalbés) e Keko Vilariño (Sarriana), ao berro de “estamos dentro”, deixan claro que a deste curso é a Guía máis completa.
A maioría das imaxes foron gravadas no Estadio da Madalena, en Vilalba. Ademais, tamén nos achegamos ata Cantarrana–Municipal Kiko Rey e ao Municipal do Corgo, un dos escenarios nos que este verán a Sarriana realizou a súa pretemporada debida a remodelación do céspede da Ribela.

Máis equipos na Guía, a pesar das baixas
Para a súa adecuación aos equipos de Terceira, houbo que suprimir algunha páxina introdutoria das diferentes categorías, xa que o número de equipos de partida era superior ao do curso anterior. “É certo que esta campaña, por desgraza, non saen a competir nin o Matela nin o Bóveda, pero botaron a andar o Río Ouro e os filiais do Becerreá e do Corgo”, salienta Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo e coordinador deste traballo.
En total, 88 conxuntos veranse representados na enciclopedia anual do balompé provincial. Polo demais, o monográfico mantén as 96 páxinas a toda cor. Suprímense as páxinas introdutorias para deixar eses ocos libres, pero cada categoría, dende a Terceira RFEF masculina ata a Terceira División Galega feminina, vai reflectida na parte superior das páxinas. Cada club conta coa súa páxina individualizada e tamén continúa o espazo destinado a coñecer a todos os árbitros da delegación lucense.
Por oitava vez (dende 2018, pero cun parón durante a pandemia), Futbolinlugo e El Progreso traballaron conxuntamente para sacar adiante esta biblia do balompé.
Ademais de Diego Díaz, participou o equipo habitual de Futbolinlugo —Eva Argiz, Iván Calaza, Marcos Fernández, Santi Real e Eros López—, xunto con Jorge Bergantiños, Rachu Carballedo, Diego Cendán, Pablo Delgado, Carlos Julio González, Mateo López ‘Meco’ e Toño Rico. Un grupo de 13 persoas entregadas á causa.

O Racing Villalbés aparece por primeira vez
A entrada dos clubs masculinos da 3.ª permite que o cadro vilalbés teña a súa primeira páxina na Guía, xa que acumula 18 temporadas seguidas en categoría estatal. No caso do Viveiro e da Sarriana, xa se viran representados cando lles tocou competir en Preferente.
A SD Chantada, de novo a entidade con máis representación na Guía
Un ano máis, a SD Chantada mantense como o club con máis equipos na Guía ‘Fútbol en Lugo’. Conta con dous masculinos, que compiten na Preferente e na Segunda Galicia, ademais do cadro feminino que xogará na Segunda Galega. É unha tempada especial na vila do Asma, xa que tanto o cadro masculino coma o feminino veñen de lograr a pasada primavera cadanseu ascenso.
Outras entidades dobran representación como é o caso do Rácing Villalbés (primeiro equipo e filial), PM Friol (primeiro equipo e filial), Club Lemos (primeiro equipo e filial), SD Pol (primeiro equipo e filial), SCD Milagrosa (masc. e fem.), SD Monterroso (primeiro equipo e filial), Taboada CF (primeiro equipo e filial), Becerreá (primeiro equipo e filial), SD Antas (masc. e fem.), San Lázaro (masc. e fem.), SDC San Roque (masc. e fem.), Corgo (primeiro equipo e filial) e SG Comercial (masc. e fem.).


