A Primeira Futgal xa coñece o que depararán os seus calendarios de cara á próxima tempada. O curso ten moito que contar, xa que voltaremos a ter aos equipos lucenses en dous grupos. 17 estarán no grupo lucense coa reincorporación do Brollón e a entrada do Cire de Melide. A participación no exilio voltará a chegar polo grupo de Ourense, onde esta campaña será o Lemos B o que lle toque cambiar de provincia. Un ano que será especial para Folgueiro e Becerreá, que desfrutarán da categoría despois dos seus merecidos ascensos o curso pasado.
Todo bota a andar o 6 de setembro
A tempada arrincará con grandes encontros o 6 de setembro. De feito, o novo equipo do grupo medirase a un dos cocos da categoría, Ribadeo-Cire de Melide. Hai tamén encontros con trascendencia local, como o derbi do sur entre Taboada e Chantada Atlético. Do resto, xogaranse nese día Oural-Racing Villalbés B, Guntín-Santaballés, Becerreá-Lourenzá, Folgueiro-Outeiro de Rei, Atlético Escairón-Milagrosa, Foz-Residencia e Brollón-Monterroso. Na parte ourensá, o Lemos B abrirá a liga xogando ante o Córgomo en Monforte.
O comezo tamén agasallará encontros fermosos na segunda xornada, que se disputará o 13 de setembro. Algún dos máis destacados son o Residencia-Atlético Escairón ou o Monterroso-Foz. As primeiras xornadas serán moi importantes para que todos os equipos se vaian situando nas súas propias zonas da clasificación, o que permitirá ver cal vai ser o futura da Primeira Futgal.
Os derbis da categoría
No canto dos derbis, o repaso comeza na xornada 5 co Racing Villalbés B-Santaballés, que se xogará o 4 de outubro. A volta será o 14 de febreiro, xornada 22. Nas mesmas datas tamén se dará un dos grandes encontros da Mariña, Ribadeo-Foz. O primeiro será no Pepe Barrera e o segundo no Martínez Otero. No sur, o Monterroso-Taboada será na xornada 8, mentres que a volta será na 25. Por último, a Milagrosa e a Residencia xogarán na xornada 13 no Luis Gorgoso e na 30 na Cheda.

As dúas xornadas que decidirán a Primeira Futgal
As últimas xornadas sempre prometen moitas emocións e, nesta tempada, non é menos. Na penúltima xogada, que será o 9 de maio, os encontros serán: Monterroso-Ribadeo, Residencia-Cire de Melide, Milagrosa-Brollón, Outeiro de Rei-Foz, Lourenzá-Atlético Escairón, Santaballés-Folgueiro, Racing Villalbés B-Becerreá, Chantada Atlético-Guntín e Taboada-Oural. No grupo ourensán, será Atlético Vilariño-Lemos B.
Todo chegará ao seu fin o 16 de maio cun menú espectacular por toda a provincia. O menú para a última xornada da Primeira Futgal será: Cire de Melide-Monterroso (no que será o regreso dun encontro entre equipos moi próximos), Brollón-Residencia, Foz-Milagrosa, Atlético Escairón-Outeiro de Rei, Folgueiro-Lourenzá, Becerreá-Santaballés, Guntín-Racing Villalbés B, Oural-Chantada Atlético e Ribadeo-Taboada. Para o Lemos B, o peche será na casa ante o Rayo 21.


