Diario dun mercado. Episodio 536
-
Santi Real | 04/08/2026
- 0
- 2min de lectura
Comezado agosto, o mercado trae novidades aínda na meirande parte das categorías con representación lucense. Tanto é así que na Terceira RFEF a Sarriana anunciou a marcha de Javi Piay. O futbolista pontevedrés, xa renovado, tiña unha cláusula no seu contrato que lle permitía marchar de aparecer ofertas do estranxeiro. Así, xogará no Oliviana Sulmona, club da cidade de Sulmona —no centro da Península Itálica— e que compite na Eccellenza, quinto nivel do calcio e máxima categoría rexional, semellante á Terceira RFEF española.
Xa na Primeira Futgal, o Foz segue a reforzarse, neste caso coa chegada de Mista desde o Candelaria. O atacante tamén militara no Alfoz. Outro dianteiro é protagonista no sur, pois Diego Torres voltará xogar no Chantada Atlético tras o seu paso polo Lemos. O xogador tamén defendeu as cores de Escairón, Sarriana, Ordes… e tivo experiencias no fútbol valenciano e ata en Grecia. O Oural, pola súa banda, aposta pola continuidade: Edward, Munir, Nacho e Javi Arias renovan para asegurar a defensa dos cementeiros.

Na Segunda, o Iberia seguirá contando co lateral Yáñez, o Abadín recupera ao dianteiro Noé González tras a súa aventura no Rioaveso e o Catro Roldas asina a Samuel Teijeiro, que chega desde o Racing Villlabés xuvenil. No grupo sur, o Ferreira consolida de novo un ambicioso proxecto no que mantén a Adrián Enríquez ‘Enri’, un dos seus capitáns, que cumprirá dez temporadas seguidas no Baliño.
Xa na Terceira, o Cazás disfrutará un ano máis de Efrén, que chega así ao cuarto de siglo no cadro xermadino, mentres que Álvaro Romero formará parte do cadro de xogadores do Río Ouro logo de pasar polas categorías inferiores. Na zona sur, o Páramo renova a Hugo Fontal e o Carballedo «pesca» na SD Chantada xuvenil a Diego Santeiro.
