A nova edición do Diario dun Mercado comeza do mellor xeito posible xa que teremos un novo equipo no fútbol lucense. O Becerreá quere dar un impulso máis a toda a súa base e, por iso, decidiu crear un filial. O Becerreá B competirá na Terceira Futgal de cara a vindeira campaña. Un paso máis para o impulso do deporte na montaña lucense e para o crecemento dun club que terá ao seu primeiro equipo xogando na Primeira Futgal.
O Viveiro mira a novos talentos
Na Terceira RFEF os movementos continúan. O foco nesta ocasión vai para o mercado que fixo o Viveiro nas últimas horas. Despois de renovar a Ayoub, Xoel Rodríguez regresará as súas filas. Nas incorporacións, as chegadas concentranse en Ferrol, xa que do xuvenil do Racing chega o central zurdo Aketza e o dianteiro Dani González. Tamén hai unha incorporación desde Lugo, xa que Peli, capitán do División de Honra xuvenil, xogará na vindeira campaña en Cantarrana.
Na Preferente, temos que movernos fóra dos nosos marcos cun dos movementos máis prometedores da categoría. O Marín segue facendo un equipo con xogadores doutra categoría na liña do que fixo na pasada campaña. Nesta ocasión, pescan na provincia ao facerse cun dos dianteiros con máis clase do fútbol lucense. Despois de dúas tempadas na Sarriana na que logrou o ascenso á Segunda Futgal, Santi Gegunde tira cara a provincia de Pontevedra para seguir mostrando todo o seu talento.
O mercado depara o regreso de Yeray
Seguimos coa Primeira Futgal onde temos un regreso esperado por moitos. Despois de probar sorte nos bancos co Santa Comba, Yeray voltará a poñer as botas como xogador na súa volta á Residencia.

O tren do mercado vai á Segunda Futgal e ten todas as súas paradas no norta. No Cabreiros hai un novo xefe, xa que Álex Cobelo será o seu novo técnico de cara á nova campaña. Procede do Miño xuvenil. Tirando un pouco máis cara arriba no que foi a clasificación da tempada pasada, o Alfoz quere manter a receta do éxito coa renovación da vella garda. Jacobo, Valea, Liz, Miguel e Álvaro continuarán unha campaña máis. No ascendido Abadín tamén hai cousas novas coa firma de Franco, gardameta arxentino con experiencia na terceira división do seu país.
Por último, todo remata polo sur e na Terceira Futgal. O Río Sil aposta por un novo técnico no fútbol sénior como é Anthony Santos. Vai ser a súa primeira experiencia nestas ligas despois de que se curtise adestrando na base do Monforte e da SD Chantada, polo que coñece de primeira man a algún dos diamantes que poden saír da Ribeira Sacra.

