Se hai algo que une a todas as eliminatorias de promoción de ascenso que se manteñen activas no fútbol lucense é que todas chegan ao seu encontro de volta con todos os equipos lucenses moi vivos. Pese a que todas as eliminatorias están abertas, só o Lemos parte con vantaxe, pero xogará fóra da casa. Ribadeo e Guitiriz saben que unha vitoria faría que avanzasen de rolda, mentres que Monterroso e Lemos B terán que gañar por dous goles para pasar sen ter que acudir aos penaltis.
O apoio da afección será vital, xa que tres dos cinco equipos xogarán na súa casa. Tamén iniciará no seu campo a ida da promoción para a Milagrosa feminina, que que se medirá ao Bergantiños B rumbo á Primeira Futgal.
Manter o resultado nun campo de Copa do Rei
Negreira-Lemos (Domingo ás 19.00 horas no Jesús García Calvo de Negreira)
O Lemos terá un duro desafío por diante, xa que terán que visitar un dos campos máis difíciles do grupo Norte da Preferente como é o García Calvo. A tranquilidade do 1-0 na ida puido ser maior, xa que os de Marquitos conseguiron controlar o encontro na maior parte do tempo e tiveron as mellores ocasións, pero non foron quen de converter para ampliar a renda, algo moi importante na promoción. Ese resultado curto pon un importante risco a unha remontada debido a que o Negreira é o equipo do Norte que máis goles marcou con 83, 23 máis que o campión, o Lalín.
Cabe destacar que o xogadores do Lemos sentarán onde na primeira rolda da Copa do Rei o fixeron os campións do torneo, a Real Sociedad. Os monfortinos esperan repetir o pase á seguinte rolda que conseguiu o conxunto vasco, e quen sabe se rematar nunha festa semellante nunhas semanas festexando o regreso á Terceira. A ilusión está polas nubes en Monforte. Despois de encher A Pinguela superando as 1.000 persoas, conseguiron un autobús gratis para que todos os afeccionados que queiran poidan desprazarse a Negreira.

Unha travesía e un Cerdeiriños de gala
Gondomar-Ribadeo (Domingo ás 18.30 horas nas Gaiandas de Gondomar)
A tarefa do Ribadeo parece sinxela, pero non o é. No Pepe Barrera acadaron un 1-1 que se decidiu no tempo engadido cos tantos de Simón polos mariñáns e Saúl Vecina polo Gondomar. A matemática é sinxela, xa que no caso de gañar os mariñáns conseguirán pasar á rolda final, pero a dificultade está nunha viaxe que fará que os lucenses teñan que cruzar a práctica totalidade de Galicia. Unha viaxe que, según Google Maps, en coche leva catro horas facer. Unha dificultade engadida da que terán que saír para pasar á final.
Monterroso-Calo (Domingo ás 17.00 horas en Cerdeiriños)
A ilusión de Monterroso terá que empurrar aos seus cara a remontada despois de caer pola mínima na ida ante o Calo. Na eliminatoria que reúne ás dúas grandes revelacións da tempada na Primeira Futgal, foron os de Rebordelo quen, grazas a un gol de Marcos Mella, o irmán de David Mella do Deportivo, colleron a vantaxe. Para que o encontro sexa unha gran festa, o club organizou unha pancetada popular para todos os afeccionados no que, pase o que pase, será unha data histórica para toda a vila.
As eliminatorias da promoción na Segunda Futgal decídense na Provincia
Guitiriz-Xuventude Dorneda (Domingo ás 17.30 no Suso Cruz)
O empate sen goles da ida fai que o Guitiriz teña que gañar na súa casa para avanzar de rolda ante o Xuventude Dorneda. Se o Guitiriz acude á estatística para esta eliminatoria, dáse conta da súa fiabilidade no Suso Cruz, o que lle aporta moitas esperanzas. Nos quince encontros de liga que xogou na casa, 10 remataron en vitoria. O dato negativo é que o seu rival suma as mesmas vitoria fóra da casa. Moitos alicientes para un encontro que promete ser desputado ata o minuto 90, ou o 120 en caso de ter prórroga.
Lemos B-O Pino (Domingo ás 12.00 na Pinguela)
O penalti que transformou David Díaz no minuto 96 para o Lemos B puxo o 2-1 na eliminatoria, pero máis que iso avivou as esperanzas do conxunto monfortino para acadar a remontada ante O Pino. A Pinguela vestirase de gala para a antesala do encontro do primeiro equipo en Negreira co ascenso á Primeira Futgal entre cella e cella. Gañar por dous goles pode parecer tarefa sinxela para o cadro máis goleador do Sur, con 82 goles, pero o seu rival só encaixou 27 en toda a competición doméstica. Todo para pasar a unha final da promoción onde podería haber unha final lucense.
Arrinca a aventura para a Milagrosa
Milagrosa-Bergantiños B (Domingo ás 17.00 no Luis Gorgoso)
A aventura da promoción de ascenso para a Milagrosa arrinca este domingo coa ida da semifinal ante o Bergantiños B. As xogadoras de Héctor Exposito queren subir un novo chanzo na súa progresión en forma dunha nova categoría. En fronte terán a un cadro co que xa se mediron na liga e que rematou con 13 puntos de vantaxe sobre as lucenses. Cos resultados que houbo na competición doméstica, a Milagrosa ascendería, xa que gañou na casa por 3-1 e perdeu fóra por 3-2, pero no play off as cousas son diferentes e terán que loitar ata o final por pasar á seguinte rolda da promoción.

