Comezamos este novo Diario con novidades na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés puxo o primeiro chanzo do seu novo proxecto, e non é outro que o seu adestrador. O chantadino Juan Rodríguez renova o seu compromiso cos chairegos logo dunha primeira campaña como máximo responsable técnico que rematou con nota. Nunha campaña na que a canteira gañou gran protagonismo, o Racing acadou praza de play off de ascenso. Tamén asinou a renovación co conxunto vilalbés o gardameta Álex Santomé, un seguro de vida baixo paos.
Sen saír da Terceira RFEF, o CD Lugo non contará a vindeira temporada co dianteiro Ibe Fofana, que miliatará no Piratas FC da Liga Expansión Mexicana, tal e como adiantou o portal InfutbolGalicia.
Na Primeira Futgal as principais novidades chegan tamén desde a Terra Cha. O Santaballés xa ten novo adestrador. Será Marcos Núñez Rey ‘Cholas‘, que retorna aos banquiños da provincia e culmina as aspirancións dos da Liga, que xa pretenderon a súa contratación noutras temporadas. Ás súas ordes estarán os irmáns Martín e Palomo, que seguirán sendo referenciais no Santaballés.
O Paradela contará no banquiño con Senén López, adestrador que retorna á que foi a súa casa logo de acadar dous ascensos a Segunda Futgal co Rubián. Máis ao norte, o Xove Lago continua perfilando o seu cadro de xogadores coa fichaxe do polivalente defensor Cabrera, procedente do Alfoz e formado na base do Viveiro. Dylan, Cardenal e Xoel Eijo seguirán defendendo a camisola verde. No Iberia continuará Seijo, ata o de agora man dereira de Moro, seguirá formando parte do corpo técnico liderado por Roberto Ramallal.

O Mondoñedo non contará co defensa Iff no ano do retorno á Segunda Futgal. O focense militou tres campañas no cadro do Viñas da Veiga. Outro zagueiro, Smaily retorna ao Río Sil logo dun breve paso polo Brollón no tramo final de temporada.

