#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A oitava vitoria consecutiva do Taboada B sitúao preto do líder

O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia desta xornada achéganos á impresionante xeira do Taboada B. Oito vitorias consecutivas que o sitúan a só punto do líder. O filial venceu ao Rubián, firme candidato ao ascenso e aproveitou o empate do Corgo no campo do Incio, que malia todo mantén o liderado.

No norte o partidazo no Pichón entre o Muimenta e o Mondoñedo rematou sen goles e os visitantes manteñen a primeira praza, malia ceder os primeiros puntos da temporada. Os locais sumaron un bo punto debido á derrota do Catro Roldas no campo dun Abadín que oposita claramente ao ascenso.

Grupo norte

Muimenta e Mondoñedo empatan sen goles no Pichón (0-0). Era o gran partido do domingo. O Mondoñedo chegaba cun pleno no seu casilleiro de puntos e o Muimenta en racha, pero ámbolos dous foron precavidos e apenas asumiron riscos, sobre todo nun primeiro tempo no que apenas se viron ocasións. Tras o intermedio, os dous contendentes deron un paso adiante o que orixinou espazos. O Muimenta aproveitou mellor o balón parado e o Mondoñedo as contras. Os visitantes protestaron unha dura entrada de Jesús que o colexiado sancionou con amarela, antes dun tramo final no que o Mondoñedo optou por un fútbol máis combinativo ante o xogo máis directo dos de Fran Veiga.

O Abadín vence ao Catro Roldas e achégase á zona de ascenso (2-1). Encontro entre candidatos ao ascenso que rematou cun traballado triunfo local. O Abadín saiu cunha presión alta da que o Catro Roldas soubo saír ben. Os de Coto aproveitaron o espacio ás costas da defensa e así chegou o gol visitante, obra de Dopico. Puido o cadro amarelo ampliar diferencias neses minutos, pero non estiveron atinados. Co paso dos minutos o Abadín colleu o temón do xogo e antes do descanso Regueira empatou tras rematar unha falta lateral. O segundo tempo foi moi parello e só se desnivelou no tramo final, cando o Catro Roldas quedou en inferioridade pola expulsión de Santi Cazás, moi protestada polos seus. Xa co tempo cumprido Reigosa rematou un centro á área e deixou os tres puntos no Municipal.

O Rioaveso sobreponse ás baixas e vence ao Celeiro en Trasvías (0-1). O mal estado do terreo de xogo condicionou un encontro no que ámbolos conxuntos esqueceron calquer posibilidade de xogo combinativo. O Celeiro foi lixeiramente superior no primeiro tempo, pero non foi quen de aproveitar as súas ocasións. No segundo tempo o Rioaveso marcou nunha acción a balón parado, obra de Noé e contou con varias ocasións máis para ampliar diferencias. Os locais protestaron varias decisións arbitrais na área rival.

O Pol B imponse á Comercial e por primeira vez na súa curta historia non encaixa gol (2-0). Os locais comezaron imprecisos e acelerados, aínda que non tardou en adiantarse cun bo tiro de Kevin. Antes dos vinte minutos de xogo, Antón non optou pola mellor opción cun disparo bastante escorado, pero a sorte sorriulle e contou coa colaboración dun defensor para ampliar diferencias no marcador. O Pol B tivo o dominio ata o descanso, e incluso tras o paso por vestiarios, contando con boas e múltiples ocasións que non foron quen de concretar. A Comercial non tivo o seu día, aínda que no tramo final contou cunha boa opción para marcar que desbaratou o gardameta Álex.

O derbi xermadino entre Cazás e Roupar remata en táboas (3-3). O encontro no Catro Ventos foi unha auténtica batalla de fútbol na lama. O Roupar estreou adestrador, un vello coñecido do noso fútbol como David Lorenzo, ex entre outros do Cazás. Os visitantes chegaron en cadro e sen ningún suplente. Malia todo foron moi intensos no seu xogo e lograron adiantarse no primeiro minuto por medio de Manu Carreira. O Cazás sobrepúxose e logrou o empate ao transformar Bruno un penalti. O xogo combinativo dos locais chocou cun fútbol moito máis directo dos visitantes que sufriron un segundo gol de vaselina de Rubén. Antes do intermedio Anxo Rey volveu a poñer a igualdade no marcador cun bo tiro cruzado. No segundo tempo, Juan adiantou ao Cazás e Roberto fixo o empate definitivo. No tramo final, ámbolos conxuntos tiveron opcións para levar os tres puntos.

Grupo sur

O Corgo non pasa do empate diante do Incio nun encontro marcado polo mal estado do terreo de xogo (2-2). Nun Carboeiro case que impracticable, o Corgo tentou ter o balón sempre en campo contrario e levou perigo a través de centros laterais que non atoparon rematador. Antes do descanso, o Incio logrou adiantarse cun gol de Diego. O empate chegou decontado grazas a un penalti cometido sobre Kevin que transformou Rober. No segundo tempo os de Abel Rochela contaron con varias ocasións claras que non aproveitaron ata que Lois remata unha falta de chilena acadando un gol espectacular. A falta de tres minutos para o final Lois viu o segundo cartón amarelo, e no saque de falta chegou o definitivo empate logo dun erro de Gara.

O Taboada B logra a oitava vitoria consecutiva diante do Rubián e olla de preto ao líder (2-1). A só un punto do Corgo se sitúa o filial logo de dobregar ao Rubián, outro dos candidatos ao ascenso. Foron os visitantes os que se adiantaron no marcador nun erro de saída de balón dos locais que aproveitou Diego Gandoy. O gol espoleou aos de Jacobo Vázquez que empataron nun centro de Nico que rematou Pita ao fondo da portería. No segundo tempo, o Taboada B tivo o dominio do balón e contou cun lanzamento de penalti que detivo providencial Casillas. Cun home menos por expulsión de Sergio, os locais non asinaron o empate, e no desconto Fran marcou o tanto da vitoria.

O Río Sil sorprende a un Quiroga desdibuxado no segundo tempo (4-2). Encontro con dúas metades moi diferenciadas. A primeira tivo cor visitante. O Quiroga dominou o encontro e contou con ocasións claras nas botas de Gachan, Rubio e Cañero. A superioridade plasmouse no marcador antes do descanso ao transformar Rubio un penalti. O segundo tempo foi diametralmente oposto. E xa desde o seu comezo no que Adri empatou e non tardou en facer o segundo. O Río Sil ampliou as diferencias con dous novos tantos de Kylian, un deles tras asistencia do gardameta Saúl. O Quiroga non foi quen de voltar ao encontro e só recurtou no desconto cun novo penalti.

O Carballedo acusa a inferioridade numérica e cae fronte a Piringalla (1-3). Segue sen gañar o conxunto local, malia a facer un extraordinario comezo de choque. Os de David Guerra foron claros dominadores do primeiro tramo do encontro. Cristian adiantou aos locais, que contaron con dous lanzamentos ao longueiro. No minuto 36, o local Monchito viu o cartón vermello directo e o encontro cambiou de xeito importante. A Piringalla fíxose co control diante dun Carballedo xogou máis replegado. Xusto antes do descanso Cristóbal igualou o choque. O comezo do segundo tempo resultou do máis propicio para os de Jony Lombardía, que en cinco minutos asinaron dous goles, ambos de Cristóbal. Os visitantes quedaron con dez tamén, aínda que o marcador xa non se moveu.

O Bóveda vence pola mínima ao Relámpago Taboada (3-2). Os locais realizaron probablemente a mellor primeira metade da temporada e marcharon ao descanso con dous goles de vantaxe, ambos obra de Pino. No segundo tempo o Relámpago saiu mellor e logrou recurtar diferencias por medio de Álex. O Bóveda contou cun penalti, protestado polos de Melendo, que Jano convertiu e xa nos últimos intres, tamén desde os once metros, Fran apretou o marcador, pero os tres puntos quedaron no Hermanos Somoza.

A oitava vitoria consecutiva do Taboada B sitúao preto do líder

Farra en Meira e Xocas volve exercer

A oitava vitoria consecutiva do Taboada B sitúao preto do líder

O CD Lugo B, nun gran momento,