O CD Lugo volve á senda da vitoria
-
- 0
- 2min de lectura
Só dous partidos se disputaron esta fin de semana de Semana Santa no fútbol feminino lugués. Foron os de 3ª RFEF, onde militan os primeiros equipos do CD Lugo e do PM Friol.
As albivermellas controlaron o encontro de inicio a fin, coa única inquedanza de non transformar as múltiples ocasións das que dispuxeron, en goles.
Co Bergantiños pechado atrás, o Lugo dispuxo do monopolio do balón e as ocasións foron chegando, cada vez máis e, especialmente, na segunda parte.
Goico, Iria e Candela dispuxeron de remates claros e ocasións moi perigosas, pero non sería ata o gol de Blanca cando se abriría o luminoso, xa na segunda parte, cun 1-0 que xa non se movería ata o asubío final do encontro.
Con esta vitoria o CD Lugo volve puntuar despois das tres xornadas anteriores, con tres derrotas consecutivas.
Innumerábeis ocasións tivo o PM Friol para anotar, pero non foi capaz. As amarelas que a estas alturas da tempada xa non se xogan nada saíron, aínda así, con gañas de competir o partido.
As fortes choivas desta fin de semana preocupaban ás friolesas polo estado no que puidera estar o campo do Victoria FC, e aínda que nos primeiros intres do partido estaba bastante enlamado, o estado mellorou moito co paso dos minutos xa que, durante o encontro, a choiva cesou.
Porén o problema do PM Friol foi o nulo acerto de cara á porta rival. As friolesas estrellaron dous balóns ao pau e outro máis ao longueiro. A falta de acerto e, tamén, unha boa actuación da porteira do Victoria, Lucía Ameal, impediron que o PM Friol sumara nun encontro que, por xogo e intensidade, merecía ter gañado.