A Sarriana colleitou unha gran victoria na Ribela ante o Somozas por 5-0 nun encontro onde brillou con luz propia o extremo esquerdo do conxunto sarriao Álex Millán. O vigués firmou tres tantos de gran categoría nunha tempada na que está logrando sobresaír coma un dos mellores atacantes da Terceira RFEF, firmando o seu récord de goles na súa etapa sénior, 10 tantos en 20 partidos. Todo nun dos equipos que máis brilla no último terzo e que non se pon límites na hora de establecer o seu obxectivo.
Futbolinlugo: Como foi o encontro ante o Somozas para ti? Foi o teu primeiro hat trick na túa etapa sénior?
Álex Millán: Sí, este foi o primeiro que lembro porque ao mellor cando era cativo teño algún pero non o sei. Sabíamos que o Somozas era un bo equipo con grandes xogadores, pero tiñamos claro que se facíamos as cousas como acostumamos na Ribela podíamos gañar con facilidade.
FIL: É a túa primeira experiencia alonxado da túa casa, como a estás notando? Ademais, estás co mellor rendemento da túa carreira.


ÁM: Inda que fora a primeira vez lonxe de Vigo non me custou tomar a decisión de saír porque vía unha gran plantilla. Estou sacando a miña mellor versión, así que ao mellor me veu ben saír da miña zona de comfort para conseguir este rendemento. Estou vivindo esta experiencia a tope e sacando o mellor de min mesmo.
«O xogo de toque é a seña de identidade da Sarriana»
FIL: Cal é a chave para que a Sarriana estea pelexando o ascenso directo?
ÁM: A nosa seña de identidade, a que nos implementou Jaime Paz dende o comezo da tempada que é xogar o balón e someter ao rival. O perfil de xogadores que temos é propicio para esta forma de xogo e está a dar resultados.

FIL: Esta semana tedes un encontro especial para ti ante o teu antigo equipo, o Gran Peña. Como afrontades un encontro cunha gran importancia clasificatoria porque o seguinte rival será o Estradense?
ÁM: Afrontámolo coma un partido máis sabendo quen ven a semana que ven á Ribela e coa intención de alonxarnos o máximo posible dos equipos que veñen por detrás na clasificación co obxectivo de afianzar o noso posto na promoción. Para min é un encontro moi bonito porque o ano pasado foi moi bon e levei grandes recordos do Gran Peña.
FIL: Cal cres que é o gran obxectivo da Sarriana nesta tempada?
ÁM: Cando arrincamos diríache a permanencia, pero agora que xa estamos moi inmersos no playoff a tres puntos da UD Ourense e do Racing Vilalbés e sabendo que todos os de arriba teñen que vir á Ribela, menos o Vilalbés, primeiro queremos afianzar a promoción, pero se vemos que a falta de cinco xornadas temos a posibilidade de ir a polo título ímola loitar.
