O PM Friol gaña ante un Victoria que sempre desprega un bo fútbol
As xogadoras friolesas impuxéronse na casa ao Victoria FC nun partido bonito, cun bo fútbol ó que nos teñen acostumados ambos conxuntos.
Adiantáronse as visitantes cun disparo que petou nunha xogadora do PM Friol, o que desviou a traxectoria do balón e fixo imposíbel paralo para a gardameta friolesa. Porén, as locais non deixaron entrar as dúbidas no encontro e xa na seguinte xogada volvían a poñer as táboas no marcador cun gol de Yoleidis.
Á volta do descanso, chegou o segundo do PM Friol tamén das botas de Yoleidis (2-1). A diferenza puido aumentar xa que as friolesas gozaron de numerosas ocasións para obter un resultado máis abultado, pero finalmente o marcador non se moveu.
Un partido bonito de ver entre dous conxuntos que despregan sempre un bo fútbol.
O CD Lugo non consegue levantar cabeza
Nova derrota das luguesas ante o Bergantiños. Un moi mal partido, sen paliativos, das xogadoras do CD Lugo, que firmaron un dos peores desempeños do equipo en anos.
Aínda que as albivermellas foron superiroes en aspectos tácticos e tamén no dominio da posesión ou incluso conseguindo superar a presión e liñas adiantadas do Bergantiños, non conseguían xerar perigo algún na área rival.
Porén, o Lugo púxose aínda así por diante no luminoso cun gol que chegou con bastante sorte. Pero a tónica do partido fixo xustiza e o Bergantiños empatou o encontro para rematar gañándoo finalmente (2-1).
O CD Lugo amosou unha gran fraxilidade defensiva, algo que non é costume no equipo albivermello, característico sobre todo polo seu bo desempeño nesta faceta do xogo.
As luguesas deben reaccionar axiña se non queren sufrir no tramo final da tempada.
O PM Friol B lévase o derbi de filiais
Un partido moi completo das friolesas remata coa vitoria ante o filial do CD Lugo, que tivo máis dificultades en facetas do xogo como a posesión do balón.
O PM Friol xogou coas liñas moi ordenadas para parar o potencial ofensivo das luguesas, que coas liñas adiantadas tentaban facer dano filtrando balóns ás laterais e ás dianteiras.
Porén, as ocasións foron para o PM Friol, que desaproveitou moitas oportunidades para colleitar un resultado máis amplo. «É o derbi, é un partido que sempre apetece xogar pero ao final suma 3 puntos coma os demais. Do que nos ten que servir é para reforzarnso anímicamente. O que si é que destacable é cómo xogamos. Fixemos a idea de partido que queriamos e estamos no bo camiño», dicía Quiroga – adestrador do filial friolés – ao remate do encontro.
As xogadoras do CD Lugo non baixaron os brazos e loitaron durante todo o partido por recurtar diferenzas, e aínda que non fixeron un mal partido, non obtiveron o premio da sorte.
Un partido cun gran ambiente nas gradas que serve de preámbulo para o derbi dos equipos absolutos, PM Friol e CD Lugo, que se enfrontarán na Terceira Federación en apenas 15 días.
A SD Antas segue goleando
Cun triplete de Jenny, outro gol de Elisa e outro de Eva, a SD Antas golea a domicilio ao CF Noia (1-5) nun partido que deixa moi boas sensacións.
As seoanesas gozarían de comodidade e circulación de balón en campo rival. O xogo combinativo e recuperando tras pérdida non daba opcións ao Noia. Tres dos goles da SD Antas chegarían antes do descanso, para rematar o partido con outros dous á volta dos vestiarios.
A SD Chantada queda sen premio nos intres finais
Un partido cheo de goles entre o San Mateo e a SD Chantada cae finalmente do lado das locais (San Mateo).
A primeira parte tivo dúas tónicas. Durante os primeiros 20 minutos o dominio foi chantadés, que se adiantou grazas a un disparo lonxano de Ángeles. As vermellas querían máis e así seguiron no partido, pero o San Mateo grazas a un pase en profundidade (ou quizabes tan en profundidade que caendo no fóra de xogo) puxo as táboas no marcador e a tónica do partido mudou. O ánimo do San Mateo veuse arriba e fixéronse donas do partido, aínda que sen chegar a ter ocasións claras.
Xa na segunda parte, outro balón á espalda é despexado por Andrea pero o esférico volve caerlle ás atacantes para adiantarse no marcador (2-1). Isto danou a moral da SD Chantada, que non volvería despregar un bo fútbol no que restou de encontro. Así chegou o 3-1, cun gol logo dunha falta lateral. Foi aí cando as locais repregaron, co marcador xa a favor, cedéndolle balón e campo á SD Chantada.
Foi grazas a iso como chegaron os goles de Rocío primeiro e de Ángeles despois para empatar o marcador. Mais lonxe de medrarse a SD Chantada grazas a remontar o partido, foi o San Mateo quen se creceu na casa para afianzar a vitoria. Os últimos 5 minutos, cunha clara dominación do xogo do San Mateo, chegou o erro defensivo das chantadesas para que as locais anotaran o definitivo 4-3, que deixa sen puntuar á SD Chantada.
A Milagrosa lévase o derbi da 3ª Futgal ante a Comercial
Aínda que o dominio foi dende o inicio para o cadro visitante, a Milagrosa, foi especialmente na segunda metade cando as xogadoras da Comercial perderon a posición no campo e os erros locais sucedéronse no Rodríguez Lago.
Non foi ata o 53′ cando se abriu a lata dos goles. Lucía Martínez, que salira dende o banco, abría o marcador para a SCD Milagrosa. Tan só catro minutos despois foi Martina Gómez quen puxo o segundo (0-2) e xa no 70′, Noelia Álvarez ampliaba a distancia ós tres goles (0-3), desbotando prácticamente calquera opción da Comercial para levarse o encontro.
Porén, as de Vicky conseguiron recurtar distancias no 75′ grazas a un gol de Katheryn García (1-3). Mais as visitantes volveron pisar o acelerador para que de novo Lucía Martínez anotara o cuarto gol no minuto 81′ (1-4).
Xa ó borde do pitido final, as locais anotaron de novo por medio de Nuria Vázquez (2-4) cun tanto que servía para maquillar un chisco o resultado dun derbi que caeu do lado visitante.
Tres puntos merecidos para o Carballedo
O partido no Catro Ventos só tivo unhas donas, as locais, as «guerreiras» do Carballedo.
Na primeira metade sucedéronse as chegadas con perigo á portería rival do Carballedo, con máis de media ducia de ocasións claras pero que, porén, só conseguiu anotar Paula Bugueiro para adiantar ao Carballedo (1-0). Pola contra, as xogadoras do Arzúa non coñeceron nos primeiros 45′ o terreo preto da portería de Chusa, á que nin sequera lograron achegarse con algo de perigo.
Porén, á volta do descanso o Arzúa saiu con ganas de morder, pero atopáronse coa gardameta local, Chusa, que sacou unha man case máxica para evitar o gol rival.
O Carballedo seguiu atacando para ampliara vitoria. Foi entón cando tras unha xogada moi traballada por Ari, o balón chega a Ana Lamas, quen golpea e anota un auténtico golazo.
Coa vitoria no peto, o Carballedo pensa xa no Ordes, seguinte rival a bater.
San Lázaro é xa sinónimo de vitoria e gol
«Va como un pepino» diría Beatriz Pérez Aranda se relatara a tempada do San Lázaro, que nos 8 partidos desputados da liga aínda non coñece a derrota.
Na visita desta fin de semana á Tilleira, no Val do Dubra, seguiuse o guion habitual. Aínda que o campo era pequeno e dificultaba xogar, máis aínda cando as rivais estaban metidas atrás cunha liña defensiva de 5 xogadoras.
Porén, grazas ó balón parado o San Lázaro abriu o partido cun gol de Mireia Argüello no 35′. Tamén o segundo tanto chegaría nunha xogada a balón parado, pero desta volta, xa despois do paso polos vestiarios, sería Anita Carballo quen ampliara a distancia no marcador (0-2).
Na segunda parte o San Lázaro conseguía xa romper a liña defensiva plantexada polo Dubra, atacando mellor. Así chegaron os outros dous goles do encontro, primeiro foi Emily quen poría o 0-3 no 79′ e despois, de novo Mireia, aparecería no 80′ para pechar definitivamente o marcador poñendo o 0-4 final.
Pola súa parte, o Dubra tivo un par de ocasións claras, pero atopáronse en fronte cunha gran Jesica Ferreiro que impediu que o balón entrara na súa portería.
Con esta nova vitoria o San Lázaro segue de preto á UD Santiso na loita polo liderato.
O Monte Forte non deu opción ó Órdenes no Luis Bodegas
Pasaran aínda uns segundos dende o pitido inicial do encontro cando Nerea Pereiro decidiu que o partido se ía pechar pola vía rápida, anotando para adiantar ás locais (1-0).
Porén, o Órdenes non mercou a idea e puxo o empate no luminoso tan só 5 minutos despois, cun gol de Anabel Carreño.
Dende ese momento e ata preto do descanso, o marcador non se moveu. Foi entón cando o Monte Forte deu a estacada de novo grazas a un tanto de Laura Correas, ‘Moji’ (2-1). Pero xusto na seguinte xogada, un penalti provocado polo Monte Forte devolvía a oportunidade ó Órdenes de poñer as táboas no luminoso. O lanzamento é atallado pola porteira local, Camila, mais o colexiado manda repetir o penalti ó estar a gardameta adiantada no momento do golpeo. Nova oportunidade para o Órdenes, que tira de novo dende a pena máxima pero o disparo marcha fóra.
Xa á volta do vestiario, o Monte Forte saiu mellor ó encontro, con máis concentración, o que lles permitiu dominar os segundos 45′ minutos do encontro. O partido pechouse definitivamente no 77′, cando de novo Laura Correas, ‘Moji’, poría o 3-1 final e faríase cun dobrete na súa conta particular.