#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Un pleno na Terceira RFEF para comezar

Volveu a competición e chega o Trío de Ases Panadería O Cantón. Non puido comezar mellor para os conxuntos lucenses de Terceira RFEF. Un pleno de vitorias, ademáis a domicilio. O Racing Vilalbés goleu ao Betanzos, a Sarriana venceu no campo do todopoderoso Arousa, o Polvorín derrotou ao Barbadás e o Viveiro fixo o propio co Arteixo.

Non foi tan positiva a xornada na Preferente. O Ribadeo e o Lemos caeron como locais fronte a Miño e Sigüeiro respectivamente. Os dous recén ascendidos foron quen de puntuar a domicilio. O Escairón igualou no campo do Ordes e o Pol sumou o primeiro punto da súa historia na categoría diante do Arzúa no Viso.

O Racing Vilalbés é o primeiro líder tras golear ao Betanzos no García Hermanos (0-3)

O retorno dos chairegos á Terceira foi do máis plácido. Dominou ao seu rival desde o comezo e deixou o encontro encarrilado no primeiro tempo. Javi Rey, cun tiro cruzado, tras combiación con Borja Míguez, abriu a lata ao cuarto de hora de xogo e pouco despois un medido centro de Asier rematouno Borja Míguez de cabeza lonxe do alcance do soberino Ramón.



No segundo tempo o Racing non pasou apuros defensivamente e tivo o control do balón en boa parte do mesmo. Nada máis comezar, Borja Míguez puido sentenciar nun man a man do que saiu vitorioso o gardameta rival. Pero o terceiro non tardou en chegar. Logo dunha xogaba combinativa, o disparo de Javi Rey colouse na portería cun bote que descolou a Ramón. O Racing Vilalbés controlou o último tramo de partido sen que apenas se viran ocasións de gol.

A Sarriana comeza cun triunfo de prestixio fronte ao Arousa (0-1)

A visita a un dos grandes favoritos para o ascenso saldouse cunha vitoria da Sarriana. Os de Jaime Paz impuxeron a súa idea de xogo nun primeiro tempo no que foron quen de sacar o balón xogado desde a liña defensiva e xerando perigo, sobre todo por banda dereita coas aparicións de Tomás e Boedo. Co paso dos minutos o Arousa axustou as súas liñas e a Sarriana tivo que xogar máis vertical. Romay e o ex racinguista Luis Castro contaron coas mellores ocasións para os de Michel Alonso, e Boedo e Diego Rey acariñaron o gol para os sarriaos. Antes do descanso chegou o único tanto do partido. Un ex arousista como Santi Gegunde superou a Via cun tiro axustado desde a frontal.



Na segunda tempo, Jaime Paz trocou o sistema defensivo e o Arousa quedou sen grandes ideas en ataque e tan só inquedou a Javi Liz con centros laterais ou xogadas a balón parado. No último tramo de encontro, coa entrada de Piay, a Sarriana defendeu con liña de cinco e apenas concedeu ocasións ao rival.

O Polvorín amosa as súas armas para comezar vencendo ao Barbadás (0-1)

Primeiro tempo igualado. O Barbadás cun xogo directo desde a saída de balón cedeulle a iniciativa a un Polvorín que concedeu demasiadas accións a balón parado que algunha delas xerou incertidume na defensa. O Polvorín en ataque estivo espeso, sen claridade e con precipitación que impediu que se viran ocasións claras de gol.

Non foi así no segundo tempo. O Barbadás inquedou nun centro lateral no que o remate saiu fóra por pouco e o Polvorín logrou poñerse por diante tras unha boa xogada colectiva na que Maceira centrou para que Sobrido rematara ao fondo da portería. Con media hora por diante, os de Dani Galán tiveron varias ocasións para sentenciar. Julito lanzou ao pao e Sobrido nun man a man tamén puido facer o segundo. Nos últimos compases, o Barbadás optou por xogar con dous puntas e intensificou o seu fútbol directo. A defensa lucense non amosou fisuras e impediu ocasións claras de gol para os ourensáns.

O novo Viveiro de Jandri Rego comeza cun triunfo en Arteixo (0-1)



Primeira metade dura e con ocasións para os dous equipos. O Arteixo comezou mellor e Otero a piques estivo de marcar nos primeiros intres. Os mariñáns asentáronse no campo e contaron tamén con boas ocasións, as máis claras nas botas de Adri e Lucas Fanego.

O Viveiro correxiu o seu posicionamento no segundo tempo e o tanto no tardou en chegar. Nunha rápida contra, o ex da Sarriana German cruzou o balón lonxe do alcance do gardameta Néstor. O Arteixo buscou o tanto do empate e meteu atrás a un Viveiro que soubo defender a súa renda con orde.

O Ribadeo debuta con derrota diante dun Miño que marcou aos cincuenta segundos (0-1)

A nova era do Ribadeo con Labrada á fronte non puido comezar con vitoria. O Miño colleu por sorpresa aos locais, e nunha internada por banda esquerda Iago Astray rematou o pase da morte ao fondo da portería. Ían cincuenta segundos de encontro. Con todo o tempo por diante para a remontada, o Ribadeo tivo máis o balón, pero non soubo desenmarañar o bo sistema defensivo do Miño e apenas chegou con perigo ás inmediacións da área rival. Os visitantes tampouco ofreceron demasiado en ataque e só inquedaron a Javi Pita nun lanzamento de falta que Jaime Leira rematou de chilena.

Labrada modificou o equipo no segundo tempo. Martín Traba e Pedro Díaz quedaron en vestiarios e Simón e Pedrinho saltaron ao campo. O lateral brasileiro deulle profundidade ao equipo e das súas botas saíron varios centros perigosos. Malia todo, as ocasións non chegaban e era o Miño o que, nas súas contadas chegadas, acariñaba o segundo. Nun balón solto, Mario enganchou un disparo desde a frontal que saiu rozando o pao. Kevin Pierre tentouno desde lonxe e a falta de cinco minutos un centro de Xairo rematouno Álex Meitín obrigando ao gardameta rival a realizar unha intervención de gran mérito. Co Ribadeo volcado na procura do empate, Javi Pita evitou o segundo no un contra un.

O Lemos sucumbe fronte a un Sigüeiro infalible a balón parado (0-3)

Dura derrota para comezar o campionato do Lemos na casa fronte a un Sigüeiro que quere comezar mandando desde o comezo. Foron os monfortinos os que saíron mellor ao campo e gozaron dunha ocasión moi clara nas botas de Adri Salgado que non conseguiu materializar. Os visitantes, co paso dos minutos, fixéronse co dominio do xogo aínda que sen chegar con perigo ás inmediacións de Losada. Antes do intermedio, unha falta directa lanzada por Remuiñán supuxo o primeiro tanto para os santiagueses.

Tras o paso por vestiarios, o Lemos contou con varias ocasións para igualar o partido ou incluso poñerse por diante, as máis claras nas botas de Armesto ou Adri Salgado. Pero foi o Sigüeiro quen puxo terra de por medio. Alami cometeu penalti tras unha rápida contra e Cristian non errou desde os once metros. Os de Juanlu Bernal buscaron recurtar diferencias sen éxito. Preto do final, outra falta directa, desta volta lanzada por Santi, supuxo o terceiro tanto.

O Pol iguala no campo do Arzúa no seu primeiro encontro na Preferente (2-2)

Día histórico para a SD Pol co seu debut na categoría no campo do Viso. Os de Roberto Fernández foron superiores ao seu rival no primeiro tempo cunha presión alta que impediu que o Arzúa sacara o balón das inmediacións da súa área. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora, Roi puxo por diante ao Pol. O cadro local buscou ter máis control de balón e logrou o empate antes do intermedio cun gol de Anxo.

No segundo tempo, o Pol continuou tendo boas ocasións para marcar. As máis claras nas botas de Omar, Buján ou Marquitos, ata que no ecuador deste periodo un lanzamento de Álex Pérez bateu no longueiro e colouse na portería arzuana. Os locais non lle perderon a cara ao encontro e a falta de sete minutos un axustado remate de André supuxo o empate. Nos últimos intres o partido abriuse e puido caer para calquer lado a vitoria.

O Escairón regresa a Preferente cun empate no campo do Ordes (1-1)

Dous clásicos da categoría que regresan á Preferente. Ordes e Escairón protagonizaron un choque de ida e volta onde o cadro local tivo máis control de balón. Dani Delgado contou cunha gran ocasión para poñer por diante aos de Óscar Moure, pero foi o Ordes quen se adiantou no marcador cun gol de Mouriño. Non o pasou ben o Escairón nun primeiro tempo no que os locais era quen de xerar rápidas contras.

Axustou o Escairón no intermedio que igualou moito o partido no segundo tempo e logrou empatar a falta de dez minutos. Nun saque de banda, peinou Vilachá e Julito rematou ao fondo da portería.

Un pleno na Terceira RFEF para comezar

Os 19 equipos da Primeira, a proba

Un pleno na Terceira RFEF para comezar

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 1

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *