Din que no fútbol un dos mellores xeitos de medrar como club é traballando a canteira. Algúns fanlle caso a esta premisa; outros, sobre todo cando hai carto polo medio, téñena como un pensamento secundario. Pero sen dúbida, algo está claro, poucos poden presumir de traballar a canteira tan ben como na parroquia vilalbesa de Román. De aquí saíron algúns dos mellores canteiros de Galicia, artistas anónimos e pouco recoñecidos que son os autores de centos de obras pétreas, especialmente, pola comarca da Terra Chá.
Canteiros aínda quedan, pero xa non como antes. Aínda así, a herdanza permanece. E un dos que axuda a mantela é o equipo de fútbol que acaba de cumprir vinte anos de vida e tamén de historia. Unha historia que tamén ten moito que ver coa canteira. Por un lado, o campo de fútbol, de propiedade parroquial e que honra aos seus antepasados cun nome escrito sobre unha cantería «A Canteira». Polo outro, xa centrándonos no terreo futbolístico, polos centos de futbolistas da parroquia e dos arredores que pasaron e pasan polo club.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/10/DSCN2585-300x225.jpg)
En realidade, podemos dicir que son vinte anos «oficiais» desde que o club está federado na Real Federación Galega de Fútbol. Pero o equipo, xa existía dende anos atrás cando se xogaba entre as parroquias do redor campionatos como a liga da Terra Chá ou un torneo que había en Momán. Entre os anos 1995 e 1997 foi cando se construíu o campo, coñecido como A Canteira e feito en terreos comunais da parroquia de Román, no barrio de Seivane.
Con campo onde o balón puidese rodar, só faltaba formalizar o club. A idea dos fundadores era inscribir o equipo como Club de Fútbol Román. Ese fora o nome que viñan usando nos últimos anos cando xogaban e, incluso, gañaban algún campionato de Momán, por exemplo. Sen embargo, a existencia na Federación do San Román (equipo da Mariña lucense pertencente ao concello de Cervo que deixou de competir este ano) impediulles aos vilalbeses poñer o nome que querían. Foi aí cando tiveron que reinventarse. Non obstante, non se foron a nomes estranxeiros ou algo polo estilo e seguiron pensando na súa parroquia. Román, como todas as parroquias galegas está organizada administrativamente por barrios, aldeas ou lugares. A maiores, no coñecemento dos veciños, distribúese por catro roldas onde se agrupan eses barrios. De aí saíu o novo nome, Catro Roldas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O equipo comezou xogando a Segunda Rexional na que estivo varios anos. Posteriormente, coa creación da Terceira foi o primeiro conxunto que pillou o corte e tivo que baixar de categoría. Na súa historia conta con dous ascensos a Segunda. Na temporada 2011/2012 e outro no curso 2015/2016. Ademais chegaron a dúas semifinais da Copa.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/10/DSCN2580-300x228.jpg)
Jaime Paz é o presidente desde hai quince anos. Xa era xogador cando o equipo aínda non estaba federado e comezou de secretario cando se fundou oficialmente. «No momento da fundación había unha alta porcentaxe de xente de Román. A fornada dos que agora teñen entre 30 e 40 anos que son os que están en veteráns. Agora segue habendo, pero menos».
Nado na parroquia, o presidente amosa o seu orgullo por encabezar o equipo do seu pobo: «Para min representa moito. Estou orgulloso de ser presidente do club porque ademais aquí hai uns socios que son unha marabilla. Levámoslles todos os anos os carnés as casas, a Lotaría en Nadal, en Reis e desde hai uns doce anos organizamos unha viaxe por varios sitios de España, este ano tocoulle a Torrevieja». E que xa se sabe que os clubs das parroquias son moito máis ca un equipo de fútbol, son tamén activos sociais e culturais dunha familia de veciños.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/10/DSCN2607-1-300x200.jpg)
O pasado 30 de setembro (con festa que se prolongou ata o 1 de outubro) celebraron os 20 anos ao grande. Houbo recoñecemento para xogadores, adestradores e directivos que pasaron polo equipo. O aniversario non puido coincidir mellor no calendario ca disputa dun derbi mítico entre dúas parroquias lindantes: Catro Roldas – Goiriz. Para maior satisfacción dos que estaban de cumpreanos a vitoria quedou na casa.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/10/catro_roldas_16_17-300x167.jpg)
Agora só queda seguir mantendo o que xa hai: «O futuro véxoo ben, por exemplo este ano hai xente nova e temos 21 fichas en total. Ademais a xente segue colaborando como o primeiro día«, afirma Jaime Paz, quen despois de tantos anos á fronte tamén di que lle viña ben un descanso: «Gustaríame que tamén alguén se apuntara a isto porque son moitos anos. Non é que estea descontento; estou feliz, pero a xente ten que darse conta que hai que dar paso a outra xente, non podemos ser sempre os mesmos», concluíu o máximo mandatario do Catro Roldas.
Pedra a pedra en Román seguen facendo forte a súa historia e a súa Canteira. Pedindo pouco a pouco, desexamos que o amarelo siga lucindo polos terreos de herba, cando menos, outros vinte anos máis.