Hoxe temos dobre ración de Futbolinlugo, pois as novas do mercado comezan a acumularse. Con equipos aínda inmersos no final de temporada, outros conxuntos xa preparan a campaña 23/24, con renovacións ou despedidas, sobre todo nos banquiños.
É o caso de Outeiro de Rei e Atlético Escairón, que quedan orfos de adestrador tras confirmarse as marchas de Aarón Sánchez e Montoto, respectivamente. Os dous técnicos fixeron un gran traballo cos seus esta temporada, quedando ambos ás beiras do ascenso.
Tamén di adeus o capitán dos do Saviñao, Aitor, que se retira logo de vestir a elástica do Escairón durante quince anos. Outro xogador da Primeira que colga as botas é Pelayo, do Xove Lago. Ambos deixan un gran baleiro en dous clubes nos que eran moi queridos.
A Segunda Rexional tamén protagoniza movementos nos bancos: o técnico pontés Paco López renova ao mando do Cabreiros logo de acadar unha permanencia moi sufrida, mentres que Nico Longhini chega ao San Lázaro para tratar de devolvelo á Primeira Galicia. Ao carón de Nico estará Óscar García, un home de club que exerceu como adestrador interino dos da ponte coa marcha de Diego Rey nesta 22/23.
Xa na Terceira, Diego renova como adestrador do Relámpago Taboada, mentres que Pablo acepta o cargo de presidente do clube da Medela, que procurará seguir medrando nunha nova campaña. Por último, o proxecto da Gimnástica Lucense será detallado de forma pública nun acto que terá lugar o día 31 de maio nos Cines Códex da cidade de Lugo.