A sétima xornada da Terceira Rexional pasará a historia na zona norte para o Nuevo Nausti. O equipo vilalbés conseguiu a súa primeira vitoria en partido oficial e abandona a última posición do grupo. Ademais houbo duelos chave na parte alta e na zona sur. Os protagonistas da finde forman parte do #TresEnRaia.
Na zona norte, os catro primeiros clasificados xogaron entre si resultando o Catro Roldas o gran beneficiado. Iso si, a Comercial mantense na cabeza con catorce puntos logo do seu empate a un gol ante o Rioaveso no Rodríguez Lago. O adestrador visitante Miguel volvía á que foi a súa casa. No cadro vilalbés puido debutar por fin o central Óscar Cabado, diferencial na categoría e chega logo do seu paso polo Guitiriz antes da pandemia.
Na Canteira o Catro Roldas superou ao Castro B no resultado e tamén na clasificación. Colócase segundo a un punto do líder. Mentres que o filial vermello queda terceiro cun punto de diferenza.
Pola súa parte, o Cazás non renuncia aos primeiros postos logo da súa vitoria na Reigosa ante o filial do Friol. É 5º clasificado con nove puntos. O cadro friolés aguantou ben no primeiro tempo cun bo papel do central Carlos. No segundo tempo, o equipo xermadino conseguiu abrir o marcador cun gran gol do lateral Cao.


O Nausti derrotou ao Celeiro no campo de Trasvías de Galdo. Vitoria pola mínima con gol de Yeray que pasa a historia do equipo naustiano. Refundado no verán de 2019, a temporada 19/20 o equipo sufriu numerosas goleadas. Logo do parón pola pandemia, o conxunto reforzouse e os resultados deste ano comezaron a ser máis equiparados.
Primeiro con Óscar Jaime no banco e agora con Marcos Moscoso. Vinte e catro partidos de competición fixeron falta para celebrar un triunfo. O club de Noche supera agora na clasificación ao Celeiro, que non foi quen aínda de puntuar neste curso. O cadro local encaixou moi cedo e non conseguiu marcar marcar goles, a pesar das ocasións das que dispuxo. «Confío moito neste grupo e cando recuperemos xente, imos mellorar seguro», salienta o adestrador do Celeiro Martín Rodríguez.

Na zona sur, o Rubián é lider en solitario ao derrotar ao Sober e sumar a quinta vitoria consecutiva. No duelo de filiais que pelexan por manterse na zona alta gañou a partida o Lemos B no Anexo de Cerdeiriños ao Monterroso B. O cadro lemista igualou o encontro por dúas veces e conseguiu posteriormente o gol da vitoria. Dani Bernardez foi protagonista cun dobrete. O cadro preparado por Perry é segundo na clasificación.

O terceiro na táboa clasificatoria é o Castroverde ao caer ante o Carballedo que se volve aproximar a zona noble. No duelo de equipos taboadenses gañou o filial do Taboada ante o Relámpago. Os pupilos de Dani Ríos conseguiron o primeiro triunfo do ano.