Bordeamos outubro e o mercado segue activo. Un volcán que non deixa de erupcionar nas distintas categorías do noso fútbol. Aquí repasamos as últimas novidades.
Comezamos pola Preferente onde Fran Purriños ‘Purri’ regresa ás súas terras vilalbesas. Formará parte do proxecto de Preferente no Santaballés. Os últimos dous anos xogou no Guntín. Na Primeira, o Chantada reforzou a súa parcela ofensiva con Iago Buján. Un prometedor atacante que chega dende o Rácing Villalbés xuvenil.

No entanto, a gran protagonista deste Diario dun mercado é a Segunda Galicia. No capítulo de técnicos, Melendo segue á fronte do Antas. Incluso podería chegar a axudar na portería de precisarse a súa figura. Ademais, Martín Real (ex da Comercial) dirixirá a un Santa Comba en plena reconstrución. Pola súa parte, Carlos Pardo ‘Bonxe’ mantense como adestrador do Abadín. Dará continuidade así a súa aposta iniciada no verán do 2019 e paralizada pola pandemia.

No tocante a xogadores, o Celta Barreiros fichou ao interior Youssef. Xogou nas categorías inferiores do Foz, aínda que os dous últimos anos estivo desvinculado do fútbol. No Castroverde renovaron a David, Gelo, Marcos, Pablito, Piedra e o capitán Richard. Por último, o Xermade sumou ás súas filas a Oli (ex Goiriz e Santaballés), Marcos Vinicius (con pasado no Muimenta) e Antonio Carballeira (xuvenís do As Pontes). Ademais volve o porteiro Ángel Prieto ‘Lillo’, que na última temporada que se xogou estaba fóra por motivos laborais.

