Comezamos a fin de semana con novidades importantes no mercado de fichaxes. A maioría deles atinxen aos banquiños, dado que algúns adestradores non continuarán nos seus clubes, mentres que outros xa anunciaron a súa renovación.
E cando falamos de técnicos da provincia, non podemos deixar de falar de Simón Lamas. O preparador chairego continuará un ano máis no clube que o viu medrar e lle deu a oportunidade de adestrar na Terceira División, o Racing Villalbés. Tamén na Terceira División -agora Terceira RFEF- son protagonistas os futbolistas. Asier Santalla non seguirá no filial do CD Lugo e, de acordo con Rubén Dorado, tampouco o fará o atacante Iago Novo.


Na Preferente, os protagonistas de hoxe son os adestradores. Un clásico da Cheda, Álvaro Meilán, non dirixirá a próxima campaña á SDC Residencia, despois de quedar este ano ás portas da promoción de ascenso. Tamén chegan novidades desde a costa: Javi Chinchón non será o preparador do CD Foz a vindeira campaña.
Por último, na Primeira Galicia -que leva 15 meses en pause– tamén se están a mover fichas. Jandry, ata agora adestrador do Riotorto CF, non continuará na Veiga. O ex do Folgueiro asinaba polo Riotorto o verán pasado, polo que non chegou a dirixir ningún partido de liga cos riotortenses.

Así, pouco a pouco, comezamos a ver movementos no mercado, que dan esperanzas de cara á volta das competicións. Manteremos aos nosos lectores informados, coma sempre facemos.