IMAXE DE PORTADA: Twitter PM Friol
O PM Friol afrontaba esta semana o último dos seus retos da primeira fase desta diferente 2020/2021. As de Friol chegaban ao campo do Atlético de Madrid «B», un dos conxuntos máis sólidos da categoría e que, tras derrotar ás lucenses (4-0) rematou a primeira parte da campaña no primeiro posto.
As da Reigosa chegaban á cidade deportiva Wanda Metropolitano sen posibilidades de evitar o play-off de descenso, pero- aínda así- con moito en xogo, pois o montante de puntos será determinante na segunda fase da competición. Por iso, as nosas guerreiras completaron un partido moi serio e moi completo, no que o resultado foi moi inxusto para o que se viu no terreo de xogo.


De feito, o PM Friol tirou de casta e foi capaz de poñer contra as cordas a un dos clubes máis potentes de España. E de feito, as lucenses contaron con ata cinco ocasións para marcar ao longo da primeira metade, pero a pouca efectividade condenou as nosas futbolistas.
As madrileñas deixaron claro por qué son temidas polas súas rivais: porque con moi pouco son capaces de crear moito perigo. E así foi: as accións a balón parado condenaron ás visitantes, que recibieron catro tantos e non foron quen de anotar ningún gol, polo que o marcador final foi máis abultado do que debería ter sido.
A partir do próximo domingo, o PM Friol terá que loitar por evitar o descenso de categoría. Para iso, terá que quedar entre os cinco primeiros da nova liguilla, composta por un total de nove equipos: Sporting de Gijón, SE AEM, Pozuelo, Parquesol, Collerense, Zaragoza e os filiais de Espanyol e Athletic de Bilbao, alén do propio PM Friol.

Seguiremos informando nas próximas datas do devir das nosas representantes, nas que confiamos plenamente. Ademáis, nas vindeiras semanas tamén comezará a Primeira Galicia Feminina, na que competirán SD Antas, CD Lugo e PM Friol «B»!!!
O máis destacado
O PM Friol tivo ata cinco ocasións moi claras na primeira metade, pero a gardamallas local salvou ás colchoneras.
A crack
Todo o equipo destacou polo bo xogo e a competitividade, asinando noventa minutos dos que estar orgullosas.
A frase
O segundo adestrador do PM Friol, Luis Vázquez, sinalou que «afrontamos a segunda fase con total seguridade de que as xogadoras conseguirán a permanencia, temos un grupo extraordinario cun gran nivel futbolístico preparadas para competir contra calquera.»