Veñen de cumprirse seis anos dunha das grandes fazañas da centenaria historia do Ribadeo F.C. No campo do Carral, o conxunto mariñán logrou un ascenso a Terceira División que significou unha ledicia inmensa para un pobo que non gozaba da presencia do seu equipo en categoría nacional nos últimos vinte anos.
Agora, un remozado Pepe Barrera no que a lama xa pasou á historia, agarda impaciente polos seus na procura dunha nova fazaña. Pero polo momento, neste prolongado confinamento, recordamos o vivido na primavera do 2014 da man dos seus protagonistas. O presidente Víctor López, adestrador Manolo Vilachá e dous xogadores, Cube e Santi, que foron quen de disfrutar da Terceira co equpo do seu pobo, lembran un dos momentos máis especiais na súa traxectoria deportiva.
VÍCTOR LÓPEZ. O presidente.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/05/victor-300x225.jpg)
O debut na directiva. «Era o primeiro ano no clube, tanto meu como do resto da xunta directiva. Viñamos de celebrar os actos do centanario e o gran obxectivo era manter a categoría, non queriamos sustos. A verdade é que recibimos unha gran herencia da anterior xunta presidida por Don José Pulpeiro Doval en tódolos aspectos, tanto institucional como deportivamente e saíron as cousas moi ben. Vímonos na zona alta, apretamos e logramos ser campións».
Vilachá. «Chegou ao Ribadeo nunha mala situación do clube, no pozo da Segunda Autonómica. Soubo rodearse de xente da súa confianza e aportoulle ao equipo a súa sabeduría, pero tamén soubo ser psicólogo nos momentos máis difíciles. Estoulle moi agradecido, porque ademáis da súa gran labor deportiva foi quen de axudarnos, sendo daquela unha directiva nóbel, abríndonos portas en moitos ámbitos».
Demasiado tempo lonxe da Terceira. «Como ribadense e afeccionado ao fútbol son un bo coñecedor da historia do clube e creo que un pobo como Ribadeo merece ter un equipo en Terceira. Vinte anos sen saborear esta categoría eran moitos, e este ascenso foi unha gran ledicia. Volveuse a ver moita xente no Pepe Barrera e a verdade é que a seguinte temporada foi espectacular. Aínda a día de hoxe moita xente pola rúa me recorda aqueles tempos e a labor que fixemos na directiva».
O día do ascenso. «Foi espectacular o vivido en Carral para toda a xunta directiva. O encontro non foi moi complexo, sacámolo adiante sin dificultades e foi toda unha festa. Metéronme na ducha e lembro o viaxe de volta con toda a xente cantando no autobús. Á chegada recibiunos moita afección no campo e rematamos de celebralo cunha cea. Recibimos o agarimo de gran parte do pobo, incluso sen vinculación algunha co fútbol».
As dificultades. «É posible repetir este éxito, pero Ribadeo conta con varias circunstancias adversas. Non hai industria que che de un empurrón económico, tan só comercio que fai un esforzo grando ao apoiar o fútbol, atletismo e demáis deportes, ademáis das festas, entroido , etc. Ademáis estamos nun curruncho lonxe dos grandes núcleos de poboación, coas dificultades que isto conleva á hora de fichar xogadores ou de reter os propios da canteira».
MANUEL CASTRO ‘VILACHÁ‘. O míster.
O grupo. «Foi a clave do éxito, o gran grupo humano que se xuntou nos últimos anos. Máis que un equipo eramos unha familia. Fomos quen de remar todos na mesma dirección, desde o presidente ata o último xogador da plantilla. Cada un era coñecedor do seu rol no equipo e executábao á perfección».
Temporada con dificultades. «Non partiamos co obxectivo do ascenso. Lembro que incluso no mercado de inverno Brais marchara ao Racing Vilalbés e Andrés Bouza lesionarase de gravidade nun xeonllo, pero soubemos sobrepoñernos ás adversidades e cando nos vimos nos postos altos soubemos pelexar polo ascenso ata logralo».
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/05/12650812_1252994871383312_2685816961454046360_n-300x180.jpg)
O ascenso. «Foi un momento bonito e moi especial. O vivido en Carral foi a culminación ao gran traballo do grupo, os verdadeiros artífices do ascenso».
JAVIER FERNÁNDEZ ‘CUBE‘. O Capitán.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/05/10174930_10202985934202598_3485105760643584071_n-169x300.jpg)
O proceso. «A temporada comezou como case todas no Ribadeo. Non pasar apuros e rematar o máis arriba posible cun gran grupo de compañeiros. Fíxose famosa unha frase de Germán que sigue vixente hoxe en día no vestiario: ‘o empate fóra non é malo sempre e cando se faga bo na casa’. E a medida que a temporada iba avanzado vímonos líderes alá polo mes de marzo. Vilachá díxonos que tiñamos que apretar, xa que a aquela altura de liga non se nos podía escapar o ascenso. E rematamos campións!».
O significado do ascenso. «Un grato recordo. Logo de varios anos rematando na zona alta por fin tivemos a sorte de cara e logramos subir a Terceira. Como ribadense é un orgullo ver o equipo do teu pobo, no que sempre estiven desde xuvenís, chegar a unha categoría así. Ademáis é unha honra, xa que o clube soamente subiu dúas veces a Terceira. Vinte anos atrás meu pai formaba parte daquela plantilla que lograra ascender e desta volta tiven o privilexio de acadalo eu».
A celebración. «Recordo que aquel día en Carral, non daba chegado a hora do encontro. Foi un partido que controlamos ben e non tivemos dificultades para sacalo adiante. Logo celebrámolo como se merece. Tivéramos unha cea e despois saímos de festa polo pobo. Eramos unha piña, xuntámonos tódolos xogadores, as parellas, os pais . . . foi moi especial».
SANTI. O dez.
Sen obrigas. «A temporada anterior fora boa e eramos un equipo con moita ilusión, pero había moitos equipos na categoría que partían co cartel de favoritos. O noso obxectivo era, aínda que sone a tópico, rematar o máis arriba posible, pero sen moitas máis obrigas. Comezaramos moi ben, gañando a un dos principais candidatos como era o Silva, pero o que nos fixo estar arriba ao final foi a segunda volta, que foi incrible. Visto agora con perspectiva tiñamos un equipazo. Un mezcla de veteráns como Germán, Rafa ou Andrés Bouza e logo un grupo de xogadores xóvenes e de mediana idade con moitas gañas e que conxeniamos á perfección. Máis que un equipo eramos casi unha familia».
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/05/10687032_10152496096578568_1762656310805007185_n-300x169.jpg)
Orgullo de pobo. «Poder ascender foi unha gran alegría non só a nivel indiviudal e colectivo, senón tamén como ribadense. Ver ao equipo do teu pobo en Terceira foi algo moi bonito, competindo contra os equipos das cidades de Galicia. Eu lembrábame cando era un cativo ver algún partido da anterior etapa do Ribadeo en Terceira e a verdade é que o pobo merecía volver a vivir ese ambiente. Ver a equipos como o Pontevedra, o Fabril ou o Arousa no Pepe Barrera foi especial».
O día do ascenso. «Recordo o partido en Carral, pero tamén a semana anterior cos típicos nervios da previa e sentir o especial do partido durante días. Acompañounos moita xente de Ribadeo ao campo e finalmente logramos o ascenso e poidemos celebralo todos xuntos cunha boa cea e a festa correspondente».
Significado persoal. «Foi algo moi emocionante, a culminación a un ano cheo de bos momentos. Recoller ese premio do ascenso ao final e volver a poñer ao Ribadeo na parte alta do fútbol galego foi moi bonito. Ademáis, iso íbanos permitir disfrutar no pobo dun fútbol diferente despois de moito tempo. En Terceira hai moitos equipos semiprofesionais e moitos estadios importantes. O ascenso deunos o pase para codearnos con eses clubes e tamén foi unha proba para saber ata onde podiamos chegar, tanto individual como colectivamente. En Galicia especialmente, a Terceira é unha categoría diferente, onde tanto a atención dos medios como o nivel deportivo é totalmente diferente ao de Preferente. Agardemos poder disfrutar de novo desta categoría e poñer a Ribadeo onde se merece».