#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Alfoz e o San Lázaro incrementan o seu dominio no inicio da 2ª volta

Puido ser chave a primeira xornada da segunda volta? Iso poderá dicilo máis adiante o tempo. Polo de agora quedan 14 partidos por xogar. O certo é que na pasada fin de semana enfrontáronse os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo. E as vitorias foron para os líderes que se asentan no primeiro posto da clasificación. Repasamos os detalles nos onces Futbolinlugo da 16ª xornada.



No grupo norte, o partidazo xogouse no Municipal de Alfoz. Os locais conseguiron o triunfo ante o Sanci. Sexta vitoria seguida dos pupilos adestrados por Suso Martínez. Pola contra o conxunto preparado por Carra acumula catro encontros sen gañar. O Alfoz sácalle agora 5 puntos ao segundo e 8 ao terceiro. Os visitantes tampouco tiveron a fortuna de cara. O único gol do encontro foi anotado en propia porta por Poceiro. Aínda así, o futbolista foi un dos máis destacados dos seus. Despois deste resultado e con case toda a segunda volta por xogar os dous equipos reforzáronse esta semana. Xenxo chega ao Alfoz e Antón regresa ao Sanci. Na terceira posición encabeza a persecución o Cabreiros. O conxunto xermadino empatou na Cea ante o Mondoñedo. Os visitantes comezaron gañando 0-2 e finalmente acabaron pedindo a hora. Aínda así, o técnico Julio Castro destaca que o equipo comeza a asimilar todo o novo que leva intentando inculcarlles aos seus. Outro que igualou en territorio xermadino foi o Sporting Pontenova. Sen goles na casa do Roupar. Os locais continúan coa súa boa xeira. Suman 7 partidos sen perder. Noutro dos duelos directos da parte alta o Xermade superou ao Meira. Agora están empatados a puntos na táboa clasificatoria. Chungui estivo en todas. Marcou un dobrete e deu dous pases de gol. A cinco puntos do segundo queda o Celta Barreiros. Uniu a cuarta vitoria seguida. Desta volta ante a Candelaria. Xian volveu ser un dos xogadores decisivos co seu gol. A portería e a defensa foron outras das facetas destacadas do cadro de San Cosme. Deixou a portería a cero por segunda vez na tempada.

 



Na loita por engancharse tamén a zona alta están o Cospeito e o Guitiriz. O conxunto preparado por Luis venceu pola mínima no duelo chairego ante o Goiriz. Pola súa banda, o cadro guitiricense reencontrouse coa vitoria cinco partidos despois. Derrotou no Suso Cruz ao Abadín. Na zona baixa destacou o triunfo do Muimenta. Os celestes deixan a 7 puntos de distancia ao descenso logo de superar a un rival directo como o Iberia. O gol de Jairo resultou de suma importancia.

No grupo sur, o San Lázaro foi ampliala súa vantaxe ao Baliño. Derrotou ao Ferreira ao que lle saca 9 puntos, 12 de marxe con respecto ao terceiro clasificado e acumula nove triunfos consecutivos (imaxes do partido aquí). De feito, na parte alta ampliou vantaxe con todos os equipos agás o Río Sil. E que na xornada reinou o empate. O Portomarín igualou co Incio noutro dos duelos directos. Dominaron os locais na primeira, e destacaron os visitantes na segunda. Aínda que o empate foi tal pola boa intervención final do gardamallas Castro. Os anos non pasan en balde, agás para a experiencia. Bo momento de forma tamén atravesa o Río Sil. A Carqueixa é territorio local. Só o Santa Comba logrou vencer alí neste curso. O último equipo en saír derrotado foi o Palas. Tamén rematou en táboas o duelo do Santa Comba co Brollón nos Medos.

A igualdade tamén imperou no Páramo – Becerreá. Antes, durante e despois do encontro. Ambos equipos teñen os mesmos puntos na táboa clasificatoria. Os locais comezaron inspirados e adiantáronse no marcador. O Becerreá empatou antes do tempo de lecer. Fontal marcou un bo gol para poñer o segundo. No rexeite dunha falta lateral volverían igualar os visitantes. Un encontro directo pola zona baixa tamén se resolveu en empate. Un gol para cada un no Oural – Quiroga. A ningún dos dous o distancia da zona do descenso directo. Quen destacou nos últimos postos foi a vitoria do Chantada B. Venceu ao Bóveda. Os dous ocupan postos de descenso. Pero o filial alimenta as súas esperanzas de retomar a situación logo de sete derrotas seguidas. Non se xogou o Paradela -Corgo que se cambiou de data para a finde do Entroido. O cadro dunha das beiras do Loio atendeulle esta fin de semana ao cocido e a transmisión do Convivir Deportivo que a Radio Galega lle dedicou ao club do Gandarón. E ollo que puido nacer un himno!

Derrotas peligrosas e un filial intratable

O Alfoz e o San Lázaro incrementan o seu dominio no inicio da 2ª volta

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *