#Fútbol afeccionado

O Buyo lucense lembrado por algúns dos seus

O ano 2020 comezou dun xeito que ninguén quería. Unha gran perda para o fútbol lucense. Alcumado como o Gato da Pastoriza ou Buyo; o seu gran ídolo. Rubén Rivas Calaza deixa orfas as luvas. Unha paixón que lle viña dende cativo no colexio. Dende aquela unha carreira futbolística entregada a gardar os paus dalgunhas das redes máis míticas da provincia. O CD Lugo, a Comercial e o Calasancio foron os seus equipos no fútbol base. En Monforte pasaría a formar parte do Club Lemos co que coqueteou á Segunda B. Cando non acordou continuar no cadro monfortino, pasou a parar e a formar no Sangoñedo. E logo regresou máis preto da casa. Pastoricense, Xove Lago, Foz e Lourenzá. Algúns dos seus récords aínda seguen vixentes. A súa pegada e recordo continuará. Dende Futbolinlugo vai para el e para os seus esta humilde homenaxe dalgunhas das persoas coas que compartiu fútbol e máis.

Fiz Rodríguez Carballo: actualmente é adestrador do Zona Vella/SD Compostela B. Era amigo da infancia de Rubén. Xuntos marcharon estudar a Lugo e xogar na SG Comercial:

Clase de 7º de EXB no Colexio da Pastoriza onde Fiz compartiu tempo e fútbol con Rubén

Finais dos oitenta, Colexio Público da Pastoriza, compañeiros de clase, a veces de pupitre, aí comezou a nosa relación. Nenos dunha escola do rural galego, cun gusto en común que co paso dos anos se convertiu nunha gran afección e, en parte, nunha maneira de vivir, a pelotiña.



Esa relación tivo continuidade cando, ao rematar a EXB, nos fomos estudar a Lugo, un cambio moi grande, no que sales da zona de confort para ir experimentando novas vivencias, que xuntos foron máis levadeiras. Xogamos algo na base do CD Lugo e da SG Comercial, ata que Buyo puxo camiño a Monforte para loitar polos seus soños. Si, Buyo, dixen ben, el era Buyo desde a escola, e sempre o será, levaba o alcume do seu gran ídolo, a quen tentaba imitar cada recreo no campo “darriba” tirándose na area, non había dor con tal de evitar o gol.

Esa fichaxe polo Calasancio fixo que se asentara en Monforte, alí estudou e convertiuse nun porteiro de referencia, ata chegar a defender á portería do Lemos na terceira galega, dun Lemos que loitaba polo ascenso á 2ª B. Despois do seu paso pola SD Chantada, onde tamén foi adestrador e deixou unha gran pegada, e unha vez rematados os seus estudos en Monforte, instalouse en Mondoñedo, e foi aí cando volvemos coincidir, vestindo o branco da UD Pastoricense durante unha tempada. Posteriormente, xogou en Foz e Xove, con sendos ascensos á Preferente, para ser o Lourenzá o seu último equipo.

Co paso do tempo, as circunstancias da vida fixeron que tiveramos menos contacto frecuente, pero hai recordos imborrables, as viaxes nas que os nosos pais nos paseaban para poder adestrar e xogar, ou as que varios rapaces da Pastoriza, con Moirón ao volante, facíamos a Monforte para verte xogar, ou a ilusión dos teus irmáns porque as cousas che saíran ben. Pero sen dúbida, o mellor momento que deixas na miña cabeza arredor da pelota é o dunha tarde de maio de comezos dos 90, poli da Pastoriza, aberto, chan de cemento rugoso, xogos da Mancomunidade, final contra Castro, moita xente, e unha vez máis, unha tarde memorable túa e o gol de Braña fíxonos ser os nenos máis felices do mundo.



Empecei este texto na escola, e aí remata, envíandoche unha aperta grande de todos e todas os que medramos contigo, especialmete dos do 82. Sempre te recordaremos como eras, sorrinte, atrevido, inocente, valente, soñador. Ata sempre Buyo.

José Luis Campos: é actual directivo do Club Lemos, a persoa que o levou para o Calasancio e que dende aquela estivo ao tanto dos seus movementos. Podemos dicir que era case que o pai futbolístico de Rubén.

Para moitos de nós “O Gato da Pastoriza”. Era un auténtico felino baixo os paus. Foi gardamallas xa dende cativo no seu colexio. Moi novo foise para Lugo estudar e xogar ao fútbol na Comercial adestrada por Xabarda e presidida polo Sr. Díaz Souto “O Neno” (DEP). Os destinos da vida levábanme a traballar no ano 1994 no Instituto Politécnico, onde Rubén estudaba. Alí realizaban un torneo interno entre estudantes. Alí vin voar ao porteiro Rubén. Era un espectáculo velo. Recordo que foron campións e regaláronme a min o trofeo conseguido. Rubén en lugar de poñelo seu nome asinou como Buyo. Así lle chamaban. O seu ídolo sempre fora o porteiro do Real Madrid.

Cando rematou aquel curso Rubén marchou a Mareo para facer unhas probas co Sporting de Gijón. Non puido ser e volveu a Comercial que xogaba na Liga Galega de Xuvenís, ao igual ca o Calasancio. Eu daquela era directivo do equipo monfortino. E o Calasancio subiu á Liga Nacional Xuvenil. Asique convencín aos meus compañeiros da directiva (presidida por Pedro Vázquez – DEP) de que había que fichar a Rubén. E así foi. Estivo no Calasancio ata acabar a súa formación no fútbol base e o Lemos non o deixou marchar. Xogou no Club Lemos competíndolle a titularidade a inesquecibles porteiros lemistas como Roberto, Óscar Sabucedo, Juan de Chantada ou Parada. O adestrador Francis Cagigao confiaba nel. Chegou a xogar a fase de ascenso á Segunda B. Pero cando ía ser a súa explosión na Terceira tivo a mala sorte dunha lesión. Un choque fortuíto con Luisito (daquela dianteiro do Verín e agora adestrador do Deportivo Fabril) provocoulle unha lesión nun ollo. Houbo que pedir unha ambulancia, trasladalo a Lugo e posteriormente conseguiron atendelo no San Rafael da Coruña. Consegiu volver, pero a lesión truncáralle a súa expansión.

Máis adiante fichou pola SD Chantada. No Sangoñedo foi adestrador dos cadetes e dos xuvenís. Eu ía moito por Chantada velo xogar, xa que sempre mantivemos unha moi boa amizade. Despois xogou en máis equipos como o Foz, o Xove Lago, o Pastoricense e o Lourenzá. Ata que tivo que deixar o fútbol por motivos familiares e laborais. A súa gran ilusión era o fútbol. Nunca se cansaba de adestrar. Nunca che poñía unha mala cara. O destino da vida déixanos sen un bo amigo, cunha familia destrozada e un bo compañeiro para tantos que compartiron vestiario con el. Que descanse en paz este campión.  



Juan Rodríguez: é o adestrador da SD Chantada. Rubén adestrouno nunha boa parte da súa etapa no fútbol base da SD Chantada:

Cando hai casi 14 anos as circunstancias da vida fixeron que tiveras que deixar Chantada sentín un baleiro enorme; só foran dous anos de convivencia, pero a pegada deixada era moi forte. Durante dous anos moi importantes na miña vida fuches un referente que me ensinou que hai que loitar polos soños dun; que a sorte existe, pero que te debe pillar traballando, e desde aquelas apliquei esa máxima na miña vida.

A vida, o tempo, o día a día, eso todo que nos consume tan rápido, fixo que perderamos o contacto pouco a pouco... Tras anos sen verte, cando me enterei do ocorrido caeume máis dunha bágoa, pero sabes que? Esas bágoas pronto deron paso a sorrisos recordando todos esos momentos que compartimos hai xa máis dunha década; porque ante todo eras ilusión, enerxía, vitalidade… E sabes que? Que desde hoxe traballarei máis para conseguir acadar os meus soños, eses soños que un día compartimos e polos que sempre me animache a pelexar. E o día que os acade, entón, recordarei cun amplo sorriso ó Gato da Pastoriza, que sendo un cativo me ensinou que non hai armas mellores que a ilusión e o traballo. De corazón, gracias por todo Rubén! 

José Manuel F. Teijeiro: actualmente é o técnico do Iberia. Rubén foi adestrado por el. Ambos compartían a paixón da portería:

O Xove Lago da tempada 2008-2009 batiu récords con Rubén como porteiro. Na foto podemos velo de último comezando pola esquerda na fila de arriba

Potencia, axiladade, reflexos, concentración, traballador, diferencial e autoesixente como futbolista. Humilde, nobre, comprensivo e bo como persoa. Así era Rubén. Coincidimos no 2008. Chameino no verán para incorporalo a UD Xove-Lago. Escoitoume e díxome » a tarde dígoche algo». Eu era escéptico. Ruben tería que renunciar á Preferente ( estaba no Foz) e fichar nun equipo de 2ª rexional que fora repescado a última hora para xogar en 1ª rexional pola desaparicion do Cangas. Chamoume díxome q Si. Esa temporada batiu todos os récords: foi o porteiro menos batido de todas as categorias do fútbol galego e español e proclamouse campión de liga sen perder ningún partido. Rubén xa non está, pero o récord sigue aí. 

Tres tempadas despois eu estaba no Lourenzá. Xoel deixara o equipo. Volvo chamar a Rubén e voltamos a encontrarnos. Xunto a Bugui formaron unha parella perfecta que perduraba ata hai 2 días. Esa temporada o Lourenzá alcanzou o récord de puntuación da súa historia en 1ª Rexional. Rubén xa non está con nós pero o seu récord aínda esta aí. Non foi casualidade. Ruben era unha aposta segura. Impregnaba o vestiario dunha aureola de seriedade e profesiobalidade que contaxiaba aos seus compañeiros. Defendía o escudo a morte (ese era o lema que os dous tiñamos).

De aí cimentouse unha gran amizade baseada na admiracion mutua. Despois moitos cafés ou conversas telefónicas cun denominador común: a nosa paixón polo fútbol. Ir a Mondoñedo nunca será o mesmo para min; por moi bonita que sexa a Cidade Episcopal. O baleiro que me queda é imposible de encher. Ogallá algún día poda coincidir con Izan (o seu fillo de 11 anos). Foise un grande. D.E.P.

Adrián Cabaleiro «Bugui»: porteiro do ED Lourenzá. Compartiu un ano de vestiario con Rubén; ademais de compartir posición no campo:

Antes de nada, quero agradecer ós integrantes de futbolinlugo a oportunidade de escribir unhas palabras sobre un dos mellores porteiros que pasou polas categorias afeccionadas desta provincia. Tiven a sorte de coñecer a Rubén fai aproximadamente 7 tempadas, cando decidiu vir xogar ó Lourenzá e defender comigo a portería. Esta noticia supoñía para min dúas cousas: unha delas, seguir asumindo o rol de segundo porteiro; e outra, aprender xunto a un dos máis grandes da zona.

Recordo que dende o minuto 0 conectamos moi ben. Adestrar con el era unha pasada. Non había exercicio que se lle resistise, sempre facía un traballo impecable e intentaba superarse a si mesmo. Estareille eternamente agradecido por tódolos consellos que me deu durante ese ano, moito do que aprendín foi, en parte, grazas a él. Para min, un exemplo a seguir. Tras colgar as luvas, seguino vendo semana tras semana no seu ximnasio. Axudábame a prepararme física e mentalmente para a presión que supón estar baixo os paos, incluso nestas categorías. Digamos que era o meu adestrador persoal, un pilar fundamental na miña traxectoria ó que lle debo moito. Adoitábamos quedar 2h á semana, e as veces que non podía acudir, notaba que me faltaba un último empurrón para estar ó 100% no próximo partido.

De agora en adiante, tócame seguir sen el este camiño, e estou seguro de que non vai ser unha tarefa sinxela, pois a parte de perder un apoio importante dentro do ámbito futbolístico, tamén perdín a un amigo. 

O Buyo lucense lembrado por algúns dos seus

O partido da xornada . . .

A Axenda: O noso fútbol bota a

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *