#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases Terceira (Xornada 31) e Preferente (Xornada 32)

Pleno de triunfos na Terceira. O Polvorín gañou nun final tolo ao Ribadumia, mentras que o Racing Vilalbés derrotou na Illa de Arousa ao Céltiga e suma tres puntos transcendentais de cara a permanencia. Na Preferente, o derbi mariñán entre Ribadeo e Viveiro rematou en empate, mentras que a Sarriana achégase aos postos de ascenso tras gañar no campo do Puebla. Dura derrota do Foz ante o Montañeros, mentras que o Castro, malia caer na casa, fixo un bo partido ante o Arzúa.

O Polvorín gañou na Cheda ao Ribadumia e xa olla de lexos o descenso (3-2). Nunha primeira metade sen moitas ocasións, o filial lucense adiantouse no marcador cun tiro cruzado de Cuadrado que superou a Roberto Pazos. Na segunda metade, a entrada de Fran Fandiño no conxunto visitante no canto do mancado Cerqueiras foi un revulsivo para os seus, que lograron remontar con tantos de Tomás Abelleira e Cheri, con sendos remates dentro da área sen demasiada oposición. Pero era o día de Cuadrado. Avisou cun potentísimo lanzamento de falta e cun remate de cabeza, pero no 88 non errou e acadou o empate. E no tempo extra, no minuto 94 chegou o hat-trick e os tres puntos para os de José Durán, logo dun espectacular cabezazo á saída dunha falta lateral. Cando xa non había tempo para máis, o partido tivo un heroe máis. O colexiado sinalou penalti para o Ribadumia e Cacharrón, que xa fixera intervencións de mérito, detivo o tiro de Diego.

Triunfo moi importante do Racing Vilalbés no campo do Céltiga (0-2). Con esta vitoria o conxunto chairego aventaxa en cinco puntos o descenso directo. Encontro moi serio dos de Simón Lamas, como xa é habitual neste 2019 lonxe da Madalena. Nun encontro sen moitas ocasións, no que tan só Make inquedou a porta rival na primeira metade, todo quedou por decidir para o periodo final. Muíña, sustituto do sancionado Vérez na zaga vilalbesa adiantou aos seus, que sentenciaron no desconto cun tanto de Santi Taboada.



O derbi mariñán entre Ribadeo e Viveiro rematou con reparto de puntos (2-2). Nun encontro con máis intensidade que fútbol, o conxunto visitante rescatou un valioso punto na segunda metade, aínda que baixa da segunda á terceira posición. O Ribadeo comezou mellor, e malia que ningún conxunto tivo ocasións claras nos primeiros compases, os de Rafa Casanova estaban mellor asentados. Isma cun tiro lonxano e sobre todo Vizoso con dous potentes lanzamentos tiveron as máis claras para o conxunto local, mentras que Marino cun tiro cruzado e Rolle cun bo cabezazo puxeron en apretos a Hugo. Un penalti cometido sobre Santi e transformado por Fernando puxo en vantaxe ao Ribadeo, que tan só un minuto despois puxo terra de por medio logo dun bo centro de Aitor que, de novo o de Monterroso, incorporado ao ataque, rematou no segundo pao. Na segunda metade, o Viveiro tomou o mando do partido, e a entrada de Arturo foi determinante. O punta viveirense cun bo remate desde dentro da área primeiro e aproveitando un balón solto no segundo pao logo dun córner despois, igualou a contenda.

A Sarriana recurta diferencias cos postos de ascenso logo de gañar no campo do Puebla (0-2). Non foi un encontro doado, no que o conxunto local saiu mellor e tivo ocasións para adiantarse no marcador, pero Javi López, moi acertado, ou a defensa impediu o gol dos do Caramiñal. Os sarriaos saíron con outro aire na segunda metade, aínda que tardaron en anotar. A falta de doce minutos para o final, un bo centro de Simón foi rematado por Omar no segundo pao de cabeza. Pouco despois, Álvaro nunha acción semellante sentenciou o encontro. O Puebla puido recurtar diferencias pero non estivo acertado.



O Foz caeu derrotado con contundencia no campo do Montañeros (3-0). Non seguiron o guión marcado os de Gayol e non agardaron as saídas á contra. Non lle saiu ben aos focenses, que só xeraron perigo en balóns parados. Os coruñeses xa se adiantaron aos sete minutos e logo na segunda metade sentenciaron o encontro. Situación delicada do Foz por mor dos arrastres, pero a distancia cos rivais é perfectamente salvable.

O Castro deu a cara ante o Arzúa, pero cedeu nos últimos minutos (0-1). Encontro bastante igualado, no que os de Brais Prados competiron de ti a ti cun dos galos da Preferente. Poucas ocasións de gol para os dous equipos, o cadro chairego agardou ben ordeado en defensa, mentras que o Arzúa, sen moitas ideas, colgaba balóns sobre os dous xogadores máis adiantados. Pasado o ecuador da segunda metade logo de dous rexeites na frontal da área, Adrián Iglesias cedeulle o balón a Brais, que desde o punto de penalti batiu a Josema.

Trío de Ases Terceira (Xornada 31) e Preferente (Xornada 32)

Javi Pita (Batalla RCV). «A idea é

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *