O Alfoz colidera o grupo norte logo da sorprendente derrota do Muimenta ante o Lugo Unión. O Matela, a Milagrosa e o Catro Roldas deron un paso máis na súa loita por tentar subir de categoría. No sur, o Paradela empatou pero achégase ao ascenso que podería conseguir na próxima xornada. O Taboada B levouse o derbi e o Lemos B non renuncia á promoción.
No grupo norte, o líder Muimenta ve perigar o seu liderado logo de perder ante o Lugo Unión. O último clasificado remontou o resultado inicial e incluso se permitiu non marcar un penalti. O Muimenta pecou de exceso de confianza e sumou a terceira derrota da temporada. Botana guiou a vitoria local. Esta circunstancia soubo aproveitala o Alfoz que iguala a puntos na cabeza. O cadro alfocense impúxose a domicilio ao Cazás. Martín levando o perigo, Manu poñendo a pausa sobre o Catro Ventos e Dani con dobrete foron os máis sobranceiros.
Deron un paso adiante na clasificación o Matela, a Milagrosa e o Catro Roldas. O conxunto de Outeiro saíu ambicioso e no minuto 10 xa gañaba 3-0 ao Celeiro. Veiga, Vidal e Trigo lideraron a vitoria. Aínda así, o equipo viveirense non baixou os brazos e comandados por Luis xeraron o seu perigo. Pola súa banda, a Milagrosa conseguiu a goleada da temporada ao marcar 12 goles ante un Rioaveso que está sufrindo neste tramo final de curso. Óscar guiou o encontro con cinco goles. Ademais, tamén saíu vitorioso o Catro Roldas no duelo directo da xornada ante a Fonsagrada. Un solitario gol de cabeza de Cleno na recta final deulle tres puntos importantes ao conxunto de Román. Arrieiro e Roberto Ramudo completaron un bo encontro. Santi, o gardamallas visitante, realizou varias intervencións de mérito. Este resultado deixa ao Celta Barreiros a catro puntos das posicións de promoción. O cadro celeste venceu con claridade a domicilio ao Friol B. Álvaro foi un dos grandes protagonistas do partido con tres goles e un deles de falta directa. Xian, Hugo e Damián tamén realizaron un gran choque.
No grupo sur, o Paradela igualou ante o Castroverde, pero xa ten opcións de ascender nesta fin de semana. Se o Castroverde non gaña o seu partido ante o Taboada B, e o Paradela vence ao Río Sil será equipo da Segunda Rexional. O cadro de Rubén Bergantiños agarda que xogadores como Víctor estean ao seu máximo rendemento. O xogador foi un dos protagonistas de que o seu equipo conseguise empatar o resultado adverso da pasada fin de semana. David e Marcos Gemelo foron os máis destacados dun Castroverde que foi de máis a menos. Na segunda posición, afianzouse o Quiroga ao vencer o partido atrasado ante o Río Sil. Félix (autor gol inicial) e Mavilo sobresaíron no cadro quirogués. Os visitantes queixáronse da arbitraxe por anulación dun gol que suporía o empate e a validación do segundo gol do Quiroga.
O Antas é outro dos que posibilita que o Paradela teña opcións de ascenso nesta xornada. O conxunto da Ulloa ten o gol avarage perdido co líder. Todo despois, de que os pupilos de Melendo caeran ante o Lemos B. O filial en bloque foi superior a un Antas mermado polas baixas. No derbi taboadense xogado na Raña de Rodeiro o filial do Taboada sumou unha nova vitoria. O dobrete de Seso antes do descanso facilitou as cousas. Jose e Adrián guiaron a un Relámpago que apretou no segundo tempo. Noutro choque directo por entrar nos postos de promoción o Sober e o Rubián igualaron sen goles. Comezou ben o conxunto soberino que sufriu o final cun menos por lesión de Viana. Aínda así mantense na sexta praza. Na búsqueda do triunfo ata o final o Rubián estivo liderado por Rivi e Miguel. Sober, Río Sil e Rubián están empatados con 16 puntos.