#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Destacados Primeira. Xornada 13

*Pastoricense-Lemos: O líder atopou un gran rival no Acebreiro. O Lemos dominou a posesión aínda que xerou moi pouco perigo na primeira metade. Adiantouse ao inicio da reanudación ante un Pastoricense que tivo unha boa ocasión para igualar de novo. No entanto, foron os monfortinos os que aumentaron as diferenzas na seguinte xogada. A falla de dez minutos para o remate, Raúl conseguiu levar a incertidume ata o final. Os de Fran Veiga tiveron dúas oportunidades para marcar e arañar un punto. Non entraron e o marcador non se moveu máis.

*Sporting Pontenova-Monterroso: Un punto para cada equipo nun encontro entre necesitados. A Pontenova firmou unha gran primeira metade, na que perdonou moito. De feito, só logrou marcar nunha contra. Igualouse o choque na reanudación e o mítico Óscar Méndez puxo o 1-1 no marcador. A un cuarto de hora do remate, os de Andrés Bouza volvéronse adiantar cun lanzamento lonxano de Fran Fiallega. Non foi o último gol da tarde. No desconto, Barrio levaría un valioso punto para Cerdeiriños. Por certo, Melchor regresou á titularidade do equipo de Rielo cun gran rendemento.

*Taboada-Riotorto: O Castro Seoane de Antas foi o escenario dun disputado encontro. O Riotorto xerou máis oportunidades na primeira metade. Entre elas, un disparo ao pau e o gol de Lucas dende a frontal da área. A peor nova foron as lesións de Pablo Ruíz e Dani Díaz. Na reanudación, mantívose a igualdade. Porén co paso dos minutos, o Taboada deu un paso adiante. Dispuxo de dúas ocasións para empatar. Os visitantes tamén crearon perigo á contra. No minuto 86, Fabio logrou o definitivo 1-1 nun penalti dubidoso por un posible fóra de xogo. De aí ao final, unha ocasión por barba para gañar. Non entraron e todo rematou en táboas.

*Chantada Atlético-Friol: Os de Jon Vázquez sorprenderon co seu gran inicio de partido. Tivo o seu momento un Friol que non foi quen de marcar. Ao igual que o Chantada Atlético, que lle deu a volta á tortilla e marrou catro claras oportunidades antes do descanso. Tralo tempo de lecer, igualdade. Un golazo de Dani a dez minutos de final puxo por diante aos de Fran Regal. Non conseguiron conservar esa renda dun gol. Un cabezazo de Dani Roca nas postrimerías do encontro daríalle un empate traballado aos da Reigosa.



*Páramo-Chantada: A versión máis sólida e seria do Chantada asaltou As Rapadas ao grande. O cadro de Juan Rodríguez adaptouse perfectamente ao terreo de xogo. Seriedade en defensa e efectividade na primeira metade para encarrilar o encontro. Non lle quedou outra que arriscar ao Páramo despois do tempo de lecer. Os de Fontal deixaron espazos e os chantadinos puxéronse as botas ao contragolpe. Ramos asinou un doblete na goleada da xornada.

*Outeiro de Rei-Xove Lago: O cadro de Cholas segue na súa liña ascendente despois de marcar as diferenzas nas dúas áreas. O Xove Lago plantou moita máis guerra do que indica o 3-0 final. Os de José Manuel deixaron detalles interesantes, especialmente na primeira metade. Iso sí, Dieguiño fixo dúas paradas espectaculares e privou aos mariñáns do gol. Todo o contrario que o Outeiro, que tirou de efectividade e tantos de bela factura. Na reanudación, Diego Seijas pechou o encontro e firmou o seu doblete particular. Cochi debutou con boa nota na portería do Xove.



*Pol-Santaballés: Primeiro triunfo de Dani Moirón aos mandos do Santaballés nunha praza moi complicada. Os chairegos mostráronse moi serios, expeditivos e ordeados ante un Pol voluntarioso e sen sorte. Palomo adiantou de penalti aos visitantes na primeira metade. Tralo descanso, os de Abad deron un paso adiante porén o Santaballés soubo sufrir e agardar o seu momento. Palomo colocou un ‘carameliño’ para Vérez e o cadro de Dani Moirón aumentou a súa vantaxe. O propio Vérez pecharía a goleada. Ao remate do encontro, a expedición do cadro branquiazul detívose en Muimenta para comprar un interesante suministro de cervexa. Tocaba celebrar o regreso á senda da victoria.

*Atlético Escairón-Residencia: Aviso a navegantes dun Atlético Escairón á alza. Regresou o capitán Aitor nun encontro no que os de Saviñao se sobrepuxeron ao dominio inicial da Residencia. Pandiani abriu a lata e deulle a tranquilidade necesaria aos de Eskalza. Hamir fixo o segundo antes do descanso. Tralo paso polos vestiarios, os capitalinos reduciron diferenzas pero Pandiani apareceu de novo. Non quería deixar fuxir os puntos un intenso Atlético Escairón, que aínda tivo tempo para un tanto máis. Obra de Toti nun man a man.

*San Ciprián-Burela: O cadro de Lekumberri aproveitou a mala posta en escea dos veciños do Burela. Dous erros defensivos propiciaron os dous primeiros tantos do San Ciprián. Na segunda metade, cambiou o guion. Os de Jaime Méndez ofreceron unha imaxe moi distinta, mellor. Aínda así, os locais puxeron terra de por medio co terceiro gol. Non se rendeu o Burela, que apretou e meteu o medo no corpo ao seu rival, que rematou pedindo a hora. De tódolos xeitos, o San Ciprián dispuxo de dous balóns ao longueiro para sentenciar a contenda.

[themoneytizer id=»15360-4″]
[themoneytizer id=»15360-16″]

Destacados Primeira. Xornada 13

As nosas redes falan

Destacados Primeira. Xornada 13

O partido en imaxes: Meira 1-1 Goiriz

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *