E tocounos… Que lle vamos facer? Pois contar a nosa experiencia a todos os seguidores deste gran medio que aporta voz ás nosas humildes ligas.
Botando un ollo atrás parámonos a pensar en como chegamos a ser amigos tendo tan poucas cousas en común, pero unha delas moi importante. O tempo pasa moi rápido, tanto que parece que foi onte cando comezábamos a nosa andadura xuntos. Con catorce anos chegou a Foz un neno dun pobo do interior de Lugo que deixaba atrás amigos e todo o que coñecía para comezar unha nova etapa dende cero. Por todos é sabido que estas idades nas que comezas a construír o teu círculo son moi difíciles, e máis se vés de fóra. Integrarse nunha clase e nunha vila non é doado, pero no seu caso tivo algo da súa parte co que non contaba, o fútbol. A xente cando pensa no fútbol adoita quedarse coas metas, cos resultados, cos partidos, coas derrotas e vitorias. Pero para un neno todo isto é secundario, a perspectiva do seu fútbol é outra.
Para o noso rapaz ter algo en común con outros nenos da vila, aos que non coñecía, significaba sentirse un máis. O feito de participar nesta actividade facilitoulle a súa integración, pois para el os mellores días eran os que había adestramento ou partido. Pasaba toda a semana desexando que chegaran estes momentos para poder acudir ao lugar onde máis a gusto se sentía, no campo de fútbol compartindo a súa paixón.
Pasan as tempadas e noso neno vaille ganando cousas ao fútbol. Non falamos de táctica, nin técnica, senón que nos referimos aos valores, aos momentos, aos compañeiros, e sobre todo, aos amigos. Porque se hai algo que mereza a pena deste o “noso” fútbol é iso, a amizade que se chega a forxar entre compañeiros por defender un mesmo escudo.


E ata aquí nos leva a nosa historia, máis ben a dese neno que agora se senta diante nosa catorce anos despois con algo tremendamente importante, a nosa amizade de por vida. Por iso gustaríame que toda a xente comprendese que o fútbol non só é un xogo e que o máis importante non é o profesional. Que a verdadeira esencia é a do noso, a do rexional, a de adestrar en condicións mínimas, ventando e chovendo, e aínda así saír cun sorriso simplemente porque o fas cos teus, desexando dende xa que chegue o seguinte. Coñecer persoas que realmente valen a pena e que pasan de ser compañeiros a amigos de verdade, sufrindo xuntos por algo que a xente pensa que no paga a pena pero que a nós nos leva a vida. E esta é a nosa historia, a de tres rapaces sen aparentemente nada en común, de idades dispares, de pobos distintos e de colexios diferentes, pero que a pesares diso convertéronse case en familia, simplemente por “darlle patadas a un balón” xuntos.
Adrián Álvarez Fernández ‘Rive’. Xogador do CD Foz
Cristian Domínguez Fernández. Xogador do CD Foz

Brais Carrascal Incera. Xogador do Mondoñedo FC