#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

2024, o ano do cambio no fútbol afeccionado

Residencia vs Ribadeo, 2021

Comeza o 2024. Un ano no que se prevén varios cambios no fútbol afeccionado galego. Estas variacións afectarán principalmente á Preferente e a Primeira Galicia. Como xa vimos comentando, desaparece a división territorial. A priori, non haberá marcos que delimiten a composición dos grupos en ambas categorías. 

Esta é a idea principal que o pasado verán a Real Federación Galega de Fútbol lles trasladou aos clubs das distintas delegacións. Se todo sae como está previsto, a remodelación implantaríase en setembro. 

Un dos obxectivos principais que se pretende subsanar con esta medida é o de reducir os temidos arrastres. Ao non haber esa limitación provincial, pode ser máis fácil encaixar os equipos nun grupo ou noutro. Así os arrastres iríanse repartido e equilibrando. 

A Preferente en 2024

A reestruturación que prepara a Futgal parte da Preferente. Seguiría habendo dous grupos. Pero cambia o criterio para compoñelos. Pasa a ser o de “proximidade xeográfica” e suprímese o criterio provincial. Con todo, esta idea vai depender de onde sexan os equipos que cada ano estean encadrados nesta categoría. 



En principio vai supoñer algúns cambios, pero non van ser tan grandes debido a que seguen sendo o mesmo número de grupos que hai na actualidade. Si que é certo que esta medida pode provocar que todos os equipos lucenses da Preferente non xoguen xuntos. 

Por exemplo, o Club Lemos de manter a categoría podería ser que xogara con clubs ourensáns e pontevedreses. Evidentemente sempre vai haber equipos máis prexudicados porque haberá quen quede partido e lonxe de varios dos seus rivais. 

O efecto dos arrastres pode minimizarse na categoría. En función de que equipos descendan de 3ª RFEF, poderán recolocarse os 36 clubs da división para que non haxa tantos arrastres. 



A Primeira Galicia en 2024

A idea é ter seis grupos de 18 equipos cada un. Un grupo máis que na actualidade. Desaparecen as limitacións provinciais. Aquí os efectos si se farán notar máis. Especialmente tamén en Lugo. 

Porque a categoría vai deixar de ser a que englobaba a conxuntos de toda a provincia. É probable que os equipos lucenses teñan presenza en dous ou tres grupos da Primeira

Por exemplo, un equipo como o Santaballés podía unirse a un grupo da zona de Ferrolterra. O Monterroso pasar a formar parte da zona do Deza ou o Escairón encadrar nun grupo ourensán. Son suposicións que haberá que ver cando remate a tempada. 

Unha vez se saiba, con que equipos se conta para cada categoría iranse conformando os grupos. Esta decisión o que pode provocar é que non teñamos pleno coñecemento unha vez finalizada a liga, de como vai ser exactamente a que vén. Haberá que agardar. 

A Segunda e a Terceira Galicia, en principio, manteríanse tal e como están hoxe. Cando menos no que respecta ás categorías da provincia. 



Estes cambios únense a algúns que xa apareceron en 2023. Un exemplo foi a creación da Supercopa Galega, cos campións das Copas de cada zona. O Ribadeo foi o representante lucense que participou na primeira edición. 

Ademais de no fútbol sénior, o 2024 tamén traerá cambios no fútbol base. Un exemplo será a creación dunha nova competición nas categorías xuvenil, cadete e infantil. Trataríase dunha liga interprovincial. Un paso intermedio entre as ligas provinciais e a galega. Estaría conformada por catro grupos de 16 equipos e tamén con criterio de proximidade. 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *